culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Enrédate

Xaquín Lourenzo publicou en 1958 “Enredos” na “Revista de Dialectología y Tradiciones Populares”. Esta obra sérvenos para volver ser cativos. Nuns casos poderemos lembrar os enredos cos que xogamos e, noutros, aqueles que divertiron aos nosos devanceiros. A eles, os xogos ocorríanselles namentres traballaban. Cando alindaban o gado, cando recollían o maínzo, cando levaban o gran ao muíño ou cando recollían os restos da festa no torreiro. O traballo escravo no mar e na terra ocupaba moitas horas da infancia da Galicia de hai unhas décadas. Non sei se foi iso o que agudizou o enxeño pero o que si amosa é que os nenos e as nenas necesitan dos xogos para medrar.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Billarda, corno, palletas, rodas, zancos, columbios, candieiros de noz, tendas, bonecas, foguetes, arcos, frechas, gaiolas ou zancos. Son palabras que enchen o espírito por si soas. Que nos fan brillar os ollos con só pronuncialas. Que dan ganas de esquecer as pre-ocupacións e os en-cargos para dar liberdade creativa á nosa imaxinación. E xogar, xogar como só xogamos cando liberamos a cabeza de todo trafego e nos permitimos o hoxe luxo de inventar. Construír ixolas é devolvernos a alma inocente e aprendermos que das cousas máis nimias pode nacer un castelo, un submarino, unha ponte ou unha cuncha de café con cereais. Só fai falta abrir os ollos, que nos diría o Principiño. En realidade, construír xoguetes é moi parecido a escribir. Collemos materia do mundo que nos arrodea e creamos pontes para a inventiva. Das palabras arremuiñadas, choronas, ridoiras, tristes, mordaces, enunciativas, mentirosas nacen as historias que nos fan soñar. Da terra, das noces, das varas de foguete, dos xuncos, do bramante, dun carozo nacen os regatos, as torres, os instrumentos musicais, os vehículos sen motor, os obxectos vendibles nas tendas que ocupan tantas horas dos cativos e cativas. O Principiño andaba amolado porque o piloto non era quen de lle debuxar un año e acabou completamente feliz co seu debuxo dunha caixa con furados onde habitaba o animal. Como feliz estaba co debuxo da boa que acababa de engulir un elefante e algúns ignorantes quixeron ver como un simple sombreiro. É como se ollando o Monte Louro dende Noia non somos quen de ver a silueta da boa do Principiño. Estaríamos cegos. É evidente que é a boa do Principiño. Sábeo todo o mundo.

Cos xoguetes acontece o mesmo. Cando nós vemos estalotes, outros ven instrumentos musicais. Cando algúns vemos uns paos, outros ven carros. Cando outros desprezan vimbios, uns preparan cestos, arcos e frechas. Pero se alguén nos aprende a mirar, o mundo vira unha ducia de veces sobre si mesmo e comeza a ter sentido. Xocas, homenaxeado no Día das Letras deste ano, aprendeu a mirar como os pícaros e as pícaras e ofreceunos un catálogo de brinquedos. De cando en vez cómpre ler a súa descrición en voz alta, como estes días se escoitou nun acto organizado pola asociación de comerciantes Santiago Centro, para debuxar sorrisos e avivar a imaxinación. Para volver ser nenos. E, o máis importante, abandonar as cadeiras, buscar catro cousiñas pola casa e inventar xoguetes. Isto permitirá forzarnos a ser máis humanos, máis intelixentes, máis espertos, en definitiva, a soñar.

Para que poidamos soñar a gusto non estaría de máis pedir que o Día das Letras non sexa un festivo máis senón a gran festa da lingua e da literatura que celebre que o resto dos 364 días do ano -este ano 365- temos unha lingua viva que falar.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org