Muller de aurora
Adoito navegar por Internet, ás veces máis tempo do que desexaría. Do que a razón me permitiría se estivese no seu bo xuízo. Hai días en que navego á deriva; outras nado guiada por ventos variantes que sempre me conducen aos mesmos sitios; outras deito o corpo sobre as ondas e me arrastran a paraísos insospeitados en terra; outras, simplemente, floto. Logo existen outros momentos en que me deixo enguedellar por tramallos densos furados brillantes mestizos cheos. Hai veces en que esquezo que algún día fun de carne e óso e me converto, eu tamén, nun ser cibernético. A miúdo perdo tempo e espazo e, simplemente, tecleo enlaces. Non obstante, desta volta houbo un amocelo que me fixo necesitar o aire e saír á superficie. Porque as feridas do corpo proen demasiado na auga do océano.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Se cheguei ás toas ou guiada por un compás celeste non volo vou contar porque forma parte da maxia cibernética. E porque tanto ten, a fin de contas. O caso é que cheguei, que cheguei baldada polas vicisitudes da navegación, polas présas dunha mañá sen acougo e pola abulia de quen engole palabras e esquece discursos. Cheguei a http://andar21.fiestras.com e, con tempo ou sen el, acabei debruzada nas fiestras da poesía. Mirando e sen querer mirar. Logo, atopei un nome, e despois do nome un apelido e logo do nome e máis do apelido atopei varios poemas. E souben que coñecía a esa persoa dende había moito tempo. Como nos coñecemos todos os que nos dedicamos a soñar personaxes, como din dos vellos amantes e sentimos tamén os que nunca nos tocamos máis que por palabras ceibadas ao vento. Así eu coñezo a Claudia Castro, a dona esvelta de palabras estilizadas e dardos contundentes.
Claudia Castro escribiu da soidade, de cando os anxos tiñan sexo, da guerra e do tempo de outono que nos murcha en versos desgarrados. Esvaran os versos polas liñas da pantalla como se deslizaría unha bágoa logo dunha traizón. Devagar, cara ao máis profundo do abismo. Os seus poemas saben a salitre e eu sei que Claudia Castro quere que saiban a salitre. Por iso, só por iso, saben aínda máis a salitre.
Non obstante, logo dunha serie de poemas marcados pola muller de cinza, chegou o tempo da muller de aurora. E Claudia Castro agasallounos cun poema de salvación. E eu, a que asomaba a cabeza pola fiestra de andar21 mirando e sen querer mirar, sorrín inevitablemente. Como cando vexo un neno botarse a andar. Como cando vexo que un paxaro ferido remonta o bo. Como cando vexo que logo de chover escampa. Así me chegou a Reconstrución de Claudia Castro.
“É triste reconstruírse/ compoñendo sete vidas mortas en batalla,/ encaixando pezas de pateira naufragada”. O tempo non é que o cure todo, senón que bota bálsamos de esquecemento e logra que acabemos trivializando aquilo que nos pareceu tan fundamental como para non sabermos vivir sen el. Pero as cicatrices nunca marchan. “É confuso e complicado/ reciclarse. /Reciclarse tras amar e saber/ que a túa vida non chegará a netos./ Reciclarse tras acabar de patrullar/ lonxanas anatomías.”.
O que Claudia Castro non sabe é que a súa vida chegará a netos. Irremediablemente. Porque cando alguén deita teitos de parágrafos, ergue muros e xanelas de metáforas, constrúe balcóns de sinestesias, amasa xabre de alegorías e estiliza os versos en varandas de metal, a súa vida xa chegou a netos. Porque sempre haberá fillos que se alimenten dun poema. E haberá netos que creen outras palabras, que nos reconstrúan en novos parágrafos e tezan historias e alimenten aos nosos personaxes co lume da súa imaxinación. Por iso Claudia Castro, aínda que non o saiba, chegará a netos. O que si sabe é o orgullo de quen le:
É fermoso
renacer.
Fermoso mergullarse na lama
para xurdir con unllas e dentes
de RESISTENCIA.
Porque eu, querendo e sen querer, con Claudia Castro, xa cheguei a netos.
Rosa Aneiros [correo]