Cores de mar
Begoña Martín Acero e Paloma García Méndez son dúas autoras eonaviegas que veñen de nos agasallar un libreto cheo de luces e brillos para esta primavera fría. O seu “Mar de cores” convídanos a unha suxestiva viaxe que abrangue do amplo abano cromático aos máis distantes puntos do globo terráqueo. Todo un convite para degustar as cores da estación que abrolla tardía e, á vez, inesperadamente. Como acontece con todas as épocas do ano.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Azul orquídea, Negro antracita, Branco carambelo, Pardo carrizo,Violeta breixo, Laranxa Lumieira, Marrón Chocolate, Branco augamariña... ¿non sentides a calor e, tamén o frío das cores no alto do padal? Begoña Martín Acero e Paloma García Méndez fannos soñar a partir dun espectro cromático que percorre as impresións marcadas indeleblemente nun recanto da memoria vivida. Son palabras disparadas como dardos de luz contra a retina do cerebro, esa retina agochada nalgunha das súas reviravoltas en que se reimpresionan as sensacións. Begoña é a autora de gran parte dos textos e Paloma encárgase das acuarelas que enchen de luz este libro. Trátase dunha autoedición coidada e suxestiva que chega ás nosas mans polos incomprensibles azares de papeis roubados ao silenzo.
O libro artéllase a partir do canto á Ítaca de Kavafis que nos serve para preparar as maletas e partir nunha viaxe de destinos tan exóticos como incertos. Do azul orquídea do Sahara occidental continuamos co verde bálsamo da China, o verde nenúfar do Brasil, o negro antracita de México, o vermello aurora do Sueste asiático, o gris pedra de Sahel e así ata vintecinco destinos que conclúen no branco augamariña do mundo. Relatos curtiños e intensos, marcados pola lingua coidada e sinestésica que xoga coas sensacións máis insospeitadas. A poesía rompe as liñas narrativas e faise dona do texto nunha prosa poética que máis se podería chamar poesía en parágrafos de longo percorrido. Historias de mulleres que se rebelan, de lendas tradicionais, da memoria próxima dos antergos, de xogos de luces e de sombras en breves textos de camiño sen volta. O convite a viaxar non nos leva só polos lugares máis dispares da xeografía planetaria senón aos agochadoiros máis disimulados do ser humano. Todo un periplo non exento de sorpresas.
Convídovos, eu tamén, a viaxardes nesta época do ano de luz e frío, de sol e xeada para presenciar o fantástico espectáculo da vida que abrolla. Se cadra, desta volta, teñamos oportunidade de presenciar abril.
Rosa Aneiros [correo]