culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Envexa de Michael, Christopher e Priscilla

Como aínda pode caer neve, malia que as árbores froiteiras xa floreceran, hoxe vou falar do inverno no Norte, moi ao Norte. Como aínda vén o frío polar, malia que as mimosas refreguen o seu polen no meu nariz con insolencia, hoxe vou falar dun mundo de xeo. Como aínda teño o corpo aterecido e cheo de frías, malia que un anticiclón sorprendente nos elimine da listaxe cotiá de comunidades en estado de alerta, vou falar dos cómaros sementados de azucre moído.En definitiva, como velaí veñen os óscars vou falar de Papá Noel e da sorte que teñen algúns pícaros por recibir cartas da súa propia man.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A relación entre elementos aparentemente antagónicos crea desconcerto. Son consciente. Parece que falar dos galardóns de Hollywood, ese negocio de agasallos carísimos e emisións en diferido, de salóns de beleza e humor cómodo, de risos faltos de autocrítica e vestidos con etiquetas de infarto, non ten nada que ver co entrañable Papá Noel. O home de vermello, farturento e bonachón debería, dirédesme, estar libre de todo pecado, aínda que sexa venial. E, tanto no proceso de elección dos premiados pola academia americana como na propia gala, abondan os pecados e, por descontado, os sete capitais. ¿Por qué, entón, xunguilos no mesmo carro de soños? A culpa tena J.R. R. Tolkien. Si, si, Tolkien. O autor de A Comunidade do Anel, As dúas torres, O Retorno do Rei ou O Hobbit. O creador incombustible da Terra Media inzada de orcos, hobbits, ananos, elfos, homes e magos. E tamén de cabalos, vermes, morcegos, corvos, xabarís, peixes tartaruga, dragóns, balrogs, nazguls ou licántropos O cartógrafo da Comarca, Rivendel, Moria, Lothlórien, Mordor, o Abismo de Helm, Rohan, o Bosque Negro ou o Monte do Destino. O cronista da primeira, segunda e terceira idade da Terra Media. O mesmiño. Esta semana, o universo Tolkien aspira a numerosos óscars coa última entrega, O retorno do rei, da triloxía fílmica dirixida por Peter Jackson. Eu non quero condicionar, coa miña máis que alta influencia (eu diría que decisiva influencia) aos membros da Academia do cine da outra beira do Atlántico. Sei que non debería escribir este artigo para ser máis imparcial e deixar que xoguen as súas cartas pero non podo resistir a tentación de falar dos fillos de Tolkien e de Papá Noel. Sinto condicionar así, tan abertamente, as candidaturas do domingo... pero terédesme que perdoar a insolencia. Porque envexo profunda e desmedidamente os pícaros de Tolkien.

De J.R.R. Tolkien dinse moitísimas cousas, de feito é un dos autores máis citados e estudiados do pasado século XX. Uns din que as súas obras apréndennos o significado das cousas importantes: o deber, a lealdade, a amizade, o amor, a natureza, a arte, a mortalidade e, sempre en primeiro lugar, a esperanza. Para outros, Tolkien conseguiu que o home moderno volvese crer en mitos, en deuses, en heroes, en xestas nobres e heroicas que no noso mundo gris non sabemos encontrar (hai quen mesmo aprendeu a crer en Viggo Mortensen a partir da película ;) ). Dise tamén tamén que Tolkien creou o moderno xénero literario da Alta Fantasía, sendo a súa Terra Media o primeiro de moitos mundos que hoxe, seguindo os seus pasos, buscan o que Tolkien chamou "a consistencia interna da realidade". Non o sei pero eu, a quen envexo profundamente, é aos cativos de Tolkien.

É máis, eu sei que todos os nenos do mundo envexan a Michael, Christopher e Priscilla. Os tres fillos de J.R.R. Tolkien, nado en Sudáfrica e criado en Inglaterra, recibiron durante máis de vinte anos cartas de Papá Noel. As cartas comezaron a aparecer en 1920 e continuaron durante toda a súa infancia. ¿Credes que é xusto? ¿Por que tiveron que ser eles? ¿Por que non lles abondaba con ter un pai que inventou a Terra Media e foron eles os escolleitos para recibir, ademais, cartas de Papá Noel? De millóns de nenos que habitamos o mundo tiveron que ser eles. Que envexa lles teño. Michael, Christopher e Priscilla foron destinatarios de cartas nas que o home vermello describía, ben con palabras ben con imaxes, a súa casa, os seus amigos e os acontecementos do Polo Norte. Non vaiades pensar, o Polo Norte é un universo branco tan prolífico en acontecementos como a propia Terra Media, iso si, máis iluminada. Acompañado do seu imprescindible e sempre torpe oso polar, Papá Noel contáballes detalles do seu cotío de balbordos e complicacións. Porque, non vaiades pensar, a vida do home vermello é un estres continuo, especialmente nas datas que xa sabedes. As misivas de Papá Noel chegaban a través do carteiro ou aparecían nalgún recanto da casa sorpresivamente, como igual de sorpresivamente desaparecían as cartas coa resposta dos pícaros. Porque, non vaiades pensar, a maxia non reside só no efecto senón tamén en como se realiza o truco. E Papá Noel era un auténtico artífice das sorpresas para chegar á casa dos Tolkien. Esas misivas, profusamente editadas mesmo cos seus sobres de centos de cores zarrapicados de neve, chegan a nós coa mesma ilusión coa que as recibiron Michael, Christopher e Priscilla. Un universo nunca estrictamente infantil de osos de cavernas, elfos, gnomos vermellos, cachorros polares, mozos da neve, Paksu, Valkotukka, duendes e neve, moitísima neve. Tamén, por suposto, agasallos, porque, non vaiades pensar, por algo é o verdadeiro Papá Noel e non un ser fantástico do imaxinario de Tolkien. Por iso fala tamén nalgunhas das últimas cartas da fame e da guerra que asolaba Europa e estaba a matar a miles de nenos.

Recoméndovos a edición de Minotauro con verdadeiro entusiasmo porque sei que a vós, seguramente, coma min, non tivo a delicadeza de escribirvos Papá Noel. Así polo menos gozaredes das súas aventuras, aínda que non cheguen por sorpresa cada Nadal.

E aínda que me poda a envexa pola fortuna de Michael, Christopher e Priscilla ao recibir misivas do meu idolatrado home vermello non deixarei de exercer a miña influenza este domingo para conseguir que a Academia de Hollywood premie a película baseada na obra dun dos grandes autores do século XX. O seu pai.


Posdata a unha carta que eu escribiría a Papá Noel a día de hoxe:

Quero que o libro siga a ser libre.

Manifesto polo préstamo en biblioteca libre e gratuíto.

Se es lector ou lectora:
http://www.maratondeloscuentos.org/librolibre/manifgeneral.htm

Se es autor ou autora:
http://www.maratondeloscuentos.org/librolibre/manifiesto.htm

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org