culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Os fantasmas de Pessoa

Manuel Jorge Marmelo é unha boa mostra de que os congresos de escritores son un luxo e unha imprescindible ferramenta para o coñecemento. De non ser por este tipo de eventos aos que unha e outro acudimos é probable que perdese o pracer de coñecer a un autor prolífico, orixinal e auténtica revelación xa consagrada en literatura portuguesa. Digo que de non ser polos congresos sería difícil dar con el porque xa se sabe que os mercados do libro, as campañas publicitarias e as difusións de exemplares non sempre son xustas cos autores. Sobre estas cuestións o creador portuense fai unha divertida reflexión na súa última obra “Os fantasmas de Pessoa”, da editorial Asa.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Encontrar a Marmelo na Póvoa de Varzim co seu aspecto tímido e humor desorbitado sempre sorprendente e comezar a ler “Os fantasmas de Pessoa” cunha irónica visión dos congresos foi todo un. Coñecino noutro evento literario en Mondoñedo, o encontro organizado pola AELG sobre autores novos, e recuncamos nas Correntes d´escrita da cidade lusa, un marabilloso congreso onde máis de sesenta autores da península e da área lusófona puxeron sobre a mesa as súas inquedanzas literarias. Digo que coñecer a Marmelo é un luxo non só porque a súa silueta queira deambular pola portada da edición portuguesa de “Resistencia” ou porque sexa un tipo realmente encantador senón porque a súa literatura é extraordinaria. Con máis de dez libros ás costas, a súa traxectoria está máis ca consolidada con títulos que abranguen dende aquela primeira obra “O homem que julgou morrer de amor/O casal virtual” ata “O Amor é para os Parvos” ou “Oito Cidades e Uma Carta de Amor”, pasando por unha incursión na literatura infantil con “A menina gigante”, escrito da man da súa filla María Miguel Marmelo, e un libro de crónicas “Paixões & Embirrações”

A súa última achega, “Os Fantasmas de Pessoa” foi publicada na colección “Literatura ou morte”, unha fantástica idea editorial baseada no desafío expresado a varios autores para que se apropien dunha figura das letras para convertela nun personaxe literario. Kafka, Borges, Hemingway, Rimbaud ou Stevenson foron xa recreados a partir da visión de Moacyr Scliar, Luís Fernando Verissimo, Leonardo Padura, Leandro Konder ou Alberto Manguel. Pola súa parte, Marmelo apropiouse de Fernando Pessoa e vaga con el polas rúas do mundo cunha sombra de asasinatos e manuscritos ao lombo. No inicio da novela, un vello edificio de Porto alguén atopa dous cadernos, un identificado como romance e outro como diario. Ambos os dous textos entrecrúzanse na novela de Marmelo con interesantes reflexións sobre a autoría e os heterónimos, a publicitación dos libros no mercado actual e a paixón fría polos asasinatos.

Resultoume máis que divertido ler o inicio do diario do autor descoñecido de regreso da Póvoa, coa primavera abrollando en Portugal nunha explosión de verán anticipado. El reflexiona parodicamente sobre unha desas “cerimoniosas mesas-redondas en redor das quais os escritores se juntam, diante de um magote de outros escritores e de candidatos a escritores para debater assuntos de escritores. Chamam-lhes encontros literários” e engade “Basta que se pronuncie a palabra vendas ou mercado para que, como se comandados pelo bast ão de Moisés, os escreventes se dividam em dois exércitos encarniçados, defendendo uns que a arte debe ser desinteressada, praticada sem qualquer interesse comercial, sendo quase desejável que os libros não se vendam, sob pena de acabarem lambuzados por uma cambada de profanadores que jamais alcançarão o significado profundo da obra; e, outros, que os livros uma vez escritos não servem para mais do que ser lidos, evidência que, por fatalidade, exige a existência material de leitores, aos quais se debe facer chegar, seja de que forma for, o produto do labor dos poetas, romancistas, novelistas e contistas de talento”.

Os que acudiron algunha vez a un congreso de escritores descubriranse nun ou noutro bando, tal e como a posteriori se sitúa o autor. O que a moitos creadores se nos escapou foi crear unha novela a partir desta curiosa idea. Nalgún momento alguén proclama que o asasinato sería o mellor soporte publicitario para un romance e o autor do manuscrito disponse a acadar a sona a partir de arrincar a vida a outros. Non me digades que non é brillante e, o mellor de todo, irlle poñendo caras ás persoas que sabemos poderían asasinar, como o autor ficcional, por conseguir que os seus libros estean nos primeiros postos da FNAC en Portugal ou de El Corte Inglés en Galicia. Verdadeiramente divertido e sempre maligno, unha verdadeira mostra do humor acedo e sarcástico de Marmelo.

Recoméndovos, xa non debo por prudencia insistir máis, que vos encontredes coa literatura de Marmelo. O mellor sería debullala sentados á beiriña do Douro, silueteados por pontes de ferro alto, imbuídos no arrecendo do frango e mais do viño doce dese Porto cincento e melancólico onde navega o pensamento do autor.

De non ser aí tamén podedes seguir a súa traxectoria na rede na súa páxina web persoal (http://planeta.ip.pt/~ip202503/marmelo.html) ou no seu diario na rede (http://www.marmelo.blogspot.com/).

Non digades que non volo advertín.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org