Botín mariño
O outro día pasoume unha cousa dramática, desas cousas dramáticas que adoitan aparecer nos diarios de Anxos, outra melancólica compulsiva. É unha historia infinitamente triste, cun fío de amargor tan tenue como persistente que escaravella na memoria e deixa un oco abismal e profundo. Aconteceume no supermercado, cando facía a compra diaria e pensaba, como aquela muller toda chea de razón na cola do friame, ¡canto aforraríamos se non tivesemos que comer! Entón, sucedeu e eu, como as protagonistas de Zoe Valdés, quixen volver ser loba de mar para ouvear a miña melancolía polos sete mares. Sete mares e un océano. O da vinganza.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Acontece ás veces. Vistes o traxe da monotonía e proposte realizar o labor mecánico de lavar a louza, pasar a aspiradora, fregar os baños ou efectuar a compra. Durante o proceso de adquisición das cousas máis necesarias para vivir, que non son o amor nin a fortuna, senón as cenorias, os pementos, a carne e o leite, pode suceder que unha imaxe chame poderosamente a túa atención. Poden ser os novos lácteos, as promocións de 3x2 ou a redistribución dos productos nos estantes que tanto molesta cando xa tes o itinerario delimitado no establecemento. Outras veces pasan outras cousas, máis imprevisibles que converten o momento da compra nun inquietante salto cara á sorpresa. A min sucedeume cando camiñaba despistada e a toda présa nun exercicio maníaco-compulsivo para lembrar a miña listaxe mental de necesidades e non ter que dar volta camiño da casa porque me esqueceu o fundamental.
Debín intuír que a traxedia estaba preto. Moléstame especialmente pasar por diante do mostrador do peixe porque presinto que os pintos, as douradas, as robalizas, e xa non digamos as maragotas, me fitan cos seus ollos arregalados. Que unha cousa é desmallar a rede á tardiña na praia da Mourillá cando os movementos do tramallo nos dedos anuncian sorpresas incribles ¡outro mero! ¡un merlón! ¡un rei, apareceu un rei na rede! e as partillas decidirán a cea da noite e outra cousa ben distinta é ver o peixe alí deitadiño nun leito de xeo cos aspiradores de auga forzándoos a ter bo aspecto para posibles compradoras. Ben distinto.
Ía eu ás carreiras cara ao estante do leite cando me deu por xirar a cabeza e alí estaban. Non puiden afastar a ollada, aínda que me gustaría telo feito. Os ollos quedáronme prendidos por un atávico maleficio, atoados nun tramallo de incomodidade e puñais de xeo. Alí estaban, desafiantes, afogados por unha morte lenta nun lugar que nunca foi seu, que nunca será seu. Os ourizos de mar, os morados e os verdes cos seus corais laranxa brillante abertos cara ás luces do supermercado, despregaban as espiñas desafiantes nun intento inútil de fuxir de alí. E alí estaban acochados uns cos outros nunha plataforma metálica tan fría. Tan fría como a vinganza.
Eu tamén sentín esa friaxe húmida polo espiñazo e viñéronme imaxes de cando sentaba na poza dos ourizos, enfronte ás penas dos Castelos na Baxanca e engulía os corais acabados de saír do salitre. Nunca me gustaron cocidos nin me gustou levalos para casa. Os ourizos morados eran para comer alí, co zume salgado percorrendo o corpo espido do verán, as ondas batendo fóra da poza e os dedos aguilloados polas poutas. Por iso non esaxero se digo que as espiñas dos ourizos naquela plataforma de aluminio fixéronme sangue na ollada.
E estraguei a miña alma polas baldosas sempre molladas do mostrador do peixe, botando de menos aquel gusto doce dos corais no padal, aquel sabor puro da marea baixa.
Espabilei por fin cando aquela señora me deu co carro nas canelas (ese golpe tan doloroso que se suple cun “síntoo” baixiño). Entón eu prometinlles vinganza a todos os ourizos de todos os mostradores de todos os supermercados do mundo. Xureilles que hei ir este verán á poza dos ourizos enfronte ás penas dos Castelos na Baxanca e hei levar unha boa farta deles. Que hei deixar que o seu zume salgado me molle a pel e que os corais rebrinquen no padal a súa dozura exquisita. Vingarei así o seu repudiable crime. Convertereime como Ann Bonny e Mary Read de Zoe Valdés nunha pirata que suque as augas da indiferencia e devolva aos ourizos a súa fera liberdade. Prométome máis valente que a autora cubana no estilo narrativo e arriscarei nas miñas accións de ataque. Sorprendereinos dende o sentido inverso á corrente mariña e non intuirán como se achegan as miñas mans á súa armadura. Serán incursións novidosas e pouco previsibles. Desenfundarei a espada dos meus dedos para baterme con eles nun duelo entre iguais en que a única batalla sexa entre a súa supervivencia e o meu pracer gustativo. Serei loba de mar da ribeira que nunca esquilme, que só extraia o xusto e necesario nunha loita polo botín prezado do océano. E cando o seu sangue de corais posterior á batalla me molle a epiderme sentirei que foi unha xusta vinganza por todos os ourizos de todos os mostradores de todos os supermercados do mundo.
Agora que vou máis vella hei recuperar a nena que se reflicte nidia na poza dos ourizos enfronte ás penas dos Castelos na Baxanca.
Rosa Aneiros [correo]