culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Oito contos de Nadal e unha esperanza

Agora que medran os días e os supermercados están baleiros por mor deste costento fin de mes, quero lembrar o Nadal. Quero lembrar a miña árbore chea de fitas de cores, as tarxetas agochadas pola casa, a preparación da bandexa dos doces coa miña irmá ou colocar o marisco na mesa co meu pai. Quero lembrar ese tempo de choiva e días pequeneiros agora que apreta o frío e que cada día gañamos uns minutos á noite. Cos “Contos de Nadal” de Manuel Rivas e Miguelanxo Prado volvemos crer na maxia, esa maxia indescritible provocada polas persoas que nos arrodean. Esas que fan que me guste tanto o Nadal.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Os “Contos de Nadal” escritos por Manuel Rivas e ilustrados por Miguelanxo Prado constitúen unha revisión do xénero marcada pola pegada do real. Lonxe da fantasía, das fadas do oeste e dos meigallos das estrelas fugaces, os autores devólvennos a esperanza a partir do ser humano. Unha esperanza lambida polos detalles do cotío, única lanzadeira posible cara ao amor. O libro está formado por oito relatos en que conseguimos ilusionarnos coas pequenas coincidencias, ou non tanto, que nos fornece a vida. Debo recoñecer que todos os contos teñen o seu aquel aínda que para unha, inexplicablemente, hai tres que resulten especialmente emotivos. Un deles é “O namorado de María”, unha historia de amores prohibidos e de loita nos montes que se condensa, como o bafo dos cabalos no alboio, nunha ollada tan húmida e quente que produce calafríos aos espectadores. Ou “A barra de pan” en que a fame ocupa todo o cariño dunha nai. Ou “O partido de reis”, partido de orgullo e barriga de aguacate no que, como en todos os contos, triúnfan os sentimentos. Ou, tamén e xa van catro, “O amor das sombras” cun vello namorado e morriñento que leva a Dandy, o can que ama o bacallau, como guía nas tebras da vellez. Son contos para gozar en calquera época do ano, calquera que estea marcada pola saudade e polas ganas de crer. Simplemente, de crer.

Agora que medran os días é tamén unha boa época para confiar na esperanza. Para crer no ser humano e na posibilidade de avanzar e non deixarnos envolver nun rodopío endiañado de acusacións, hipócritas protocolos, “menudencias” tales como abusos a menores, campañas mediáticas orquestradas desde os diferentes partidos políticos ou posibles encausamentos polo delito de dialogar. Vou trabar na lingua para non mencionar ao alcalde de Toques a pesar de que, co seu mesmo símil de que deixará o sangue na alcaldía, eu deixarei o meu nos beizos para non ter que manchar a boca co seu nome.

Soñar cos “Contos de Nadal” é volver crer nesta época de poucas posibilidades para o afectivo. Escorrentados polo pudor que producen as páxinas de xornais volvemos á maxia bondadosa dos cariños compartidos sen cláusulas dos contos de Manuel Rivas e Miguelanxo Prado. Gustaríame falarvos, tamén hoxe, doutras maxias natalicias da man das Cartas de Papá Noel escritas por J.R.R. Tolkien para os seus fillos pero é mellor que o deixe para outro día. Andamos faltos de esperanza e cómpre estirala o máximo posible... como un conto de Nadal.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org