culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Carta dunha republicana ós reis magos

Escribín poucas cartas de reis na miña vida. Non por nada, senón porque eu sempre agardaba a chegada de Papá Noel e non dos magos de oriente. Non pensedes que os meus pais se deixaron enganar pola “perfidia ianqui”, que diría Curros Enríquez, do home vermello senón que se trataba de prolongar o tempo de lecer cos novos xoguetes. Sei que queda feo que unha republicana escriba cartas ós reis magos que, por moi magos que sexan, seguen sendo membros da realeza. Sen embargo, debo dicir que eu, a quen o espírito navideño ten absolutamente engaiolada, sempre pido algo diante da árbore de Nadal e do aninovo. É unha cuestión puramente científica, unha razón de estricta causa-efecto: ¿como non vou pedir se sempre se cumpre algo? Parva sería...

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Estimados magos,

Este ano vou ser menos comedida que de costume porque, ó tratarse dunha misiva pública, entenderán vostedes que debo recoller un gran número de desexos. O das peticións, diranme, é un tanto complicado. Xogamos a devecer por algo que consideramos outra persoa desexaría na súa vida, nós, os intrusos do alleo, e iso resulta unha responsabilidade grande. Imaxinen, eu solicito algo para alguén quen non desexa ese algo en absoluto. Vaia error, e xa non digamos se se lle cumpre... de todos é sabido que o problema dos desexos é que, ás veces, se cumpren. Pero, para iso están vostedes, señores magos de oriente, que algunha responsabilidade deben ter, digo eu, por algo gozan dos privilexios monárquicos o resto do ano... Iso si: nin se lles ocorra borrarme da listaxe ningún desexo. Como xa saben que son republicana e, por tanto, defensora da soberanía popular e democrática, o que deberán facer é repartir os meus agasallos tal e como eu os solicito cun cartel grandísimo que poña “con dereito a devolución”. Iso é o que me parece máis xusto. Que cadaquén decida se concorda (ou non) co meu desexo. Debo pedir de antemán desculpas polos desexos que non aparecen nesta misiva. Pero que non aparezan na rede non implica que non estean escritos nas outras ringleiras postais. E esa carta si que é extensa, señores magos, reforcen os seus camelos antes de chegar a Meirás....

Que non embarranque outro barco petroleiro nas costas galegas.

Que escoite recitar a María Lado.

Que non nos metan noutra guerra.

Que Lucía Aldao me diga Oh Lord, won’t you buy me a Mercedes Benz ?, My friends all drive Porsches, I must make amends.Worked hard all my lifetime, no help from my friends, So Lord, won’t you buy me a Mercedes Benz ? ...

Que o pobo saharauí recupere o territorio de seu.

Que Fran Alonso nos traia de novo a Lola.

Que vexa ó buxato no alto dos cotellóns da Cristina e que consiga bulir como os pilros na beiramar.

Que o asfalto non engula máis víctimas.

Que María do Cebreiro, Lupe Gómez, María Comesaña, Bernardino Graña, Jaureguízar, Xosé Monteagudo, Xabier López López e Perozo, entre outros galardoados de 2003, gañen algún premio literario menor para que os certames Caixanova, Johan Carballeira, Dodro, Eixo Atlántico, Xerais, Blanco Amor, García Barros e Novela por entregas de La Voz de Galicia de 2004 premien o labor de novos creadores (a ser posible inéditos...).

Que Estevo Creus non nos encontre paseando pola sección de segadoras e me regale feixoas e nos leve ás Lobeiras e vexamos doncelas e reis encarnados no fondo do mar.

Que me prenda dunha vez a enredadeira da flor da paixón no muro de Taraza.

Que o pobo palestino poida mirar ó horizonte sen muros de vergoña.

Que Emma Couceiro nos devolva a nosa imaxe nítida nos espellos dos asteriscos.

Que Miguel de Lira, Pato, Roberto Ribao, Patricia Vázquez, Pepa, Xesús Ron, Bocixa, Rosa Maside, Carlos Santiago, Sebas, Marga e outros centos da Burla Negra consigan burlar a dependencia institucional para construír unha cultura propia máis libre.

Que descubra a Carlos Negro berrando en calquera manifestación ou cun mono de traballo ou recitando nun peirao ou batuxando nun areal inmenso, ou no compromiso da escola ou nas luces de Héleris.

Que Xerardo Agrafoxo, Lola Arxóns, Antón Riveiro e os demais amigos do círculo de Noia me deixen pagar o café.

Que Bush deixe de extender a súa particular pena de morte polo mundo.

Que Inma López Silva me regale as súas gargalladas, un anaco de París, e o seu nobelo de historias sempre encetadas.

Que Alexandre Nerium me volva explicar como son as navallas da embocadura do Ézaro.

Que Séchu Sende siga a levar a mocidade como bandeira na punta dos dedos.

Que a participación cidadá devolva ó pobo o legado do futuro.

Que Yolanda Castaño consiga a plena independencia económica para continuar, máis activa ca nunca se cabe, no mundo cultural deste país.

Que non vare ningunha balea.

Que Estíbaliz Espinosa sorría a flor de pel.

Que Chisco Fernández Naval recupere o seu ordenador e siga invadido por esa forza das mareas de Lira.

Que me saia ben o peixe ó sal.

Que novos escritores e escritoras nos agasallen novos nomes e novas historias para as nosas letras.

Que prohíban as maiorías absolutas.

Que Manolo Rivas escriba outra vez En salvaxe compaña.

Que Eduardo Estévez deixe de tusir e nos traia máis flores para a pequena defunta

Que se reforme a constitución e non se criminalice ningún plan, agás o da violencia.

Que el me siga contando historias dende La Habana.

Que non volva ver bágoas nos ollos de Modesto Fraga polas feridas do seu mar de ausencias.

Que o Estreito non engula máis soños nos afundimentos de pateras.

Que Anxos Sumai e Camilo Franco sigan a discutir pola fórmula do elixir da melancolía.

Que a liberdade de expresión sexa obrigatoria.

Que nunca máis volvamos sentirnos sós

Que nunca máis fagamos que se sintan sós.

Que a literatura galega consiga o seu ben máis prezado: lectores e lectoras

Que ti volvas estar aí.

Posdata: Maxestades, teño que dicir que se isto é abusar doume por plenamente satisfeita con que traian unha chea de saúde para todos e todas. O resto xa o andaremos, que outra cousa non saberemos pero turrar...

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org