culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A conto do Nadal

Chega o tempo do Nadal, un tempo de neve artificial, papanoeis artificiais e árbores artificiais que zarrapican as rúas fluorescentes das cidades. Non sei se queda do Nadal (ou se algún día houbo) algo máis que o artificial pero, paradoxalmente, eu son unha das grandes defensoras destas festas. Gústame este tempo de enchentas familiares, de costumes repetidas, partidas de tute e “felicitacións” continuas. Gústame a misa do galo a medianoite, a caloriña da mesa e os contos na cociña. Gústame o belén da miña parroquia de Meirás coas súas casiñas feitas con pedras da ría do Porto e o muíño do río que flúe ciclicamente. Talvez me guste o Nadal porque non lle pido moito. Case nada. Só, os meus. Berta é outro animal estraño nestes tempos que voan. A ela tamén lle gusta o Nadal

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Berta vive soa con setenta e tres anos, unha devoción obsesiva polo chocolate negro e lumbalxias esporádicas. Gústanlle as peras en almíbar, as películas de Cary Grant e o tacto da herba mollada na punta dos pés. Isto último facíao cando era nova. Agora non molla os pés porque os xardíns disque están cheos de refugallos de cans que pasean alegremente ó carón dos seus propietarios. Eses que son inmunes ó cheiro da merda das súas mascotas. A xente, a xente non ten educación ningunha. A Berta moléstanlle particularmente os animais nos lugares públicos e por iso hai tempo que deixou de sentar no seu banco dos xardíns de Méndez Núñez. Agora pasea melancólica pola Avenida da Mariña, sen evitar unha ollada de nostalxia polo son maino das fontes e outra de rancor polo seu territorio roubado por cans, pombas e nenos estridentes. Segue adiante con orgullo. Berta ten ducias de lugares íntimos na cidade. Son espacios escollidos por un azar estraño que é o pasado e que ela visita devotamente cada día. Namentres as demais van a misa de mañá. ela emprende a súa particular peregrinaxe que a leva dende o seu modesto piso na praza de Catro Camiños ata o Castelo de Santo Antón. O médico de cabeceira dille que é unha práctica ben saudable ós seus anos pero ela asegúralle que non o fai por saúde. Que nin diso se acorda a excepción dos días nos que o lumbago a inmobiliza na cama. Berta camiña con devoción pagá polas paradas do vía crucis da súa vida. É un percorrido invariable no que se cruza co home que almorza chocolate con churros na cafetería da dársena, a muller que merca flores na tenda da esquina e os nenos que van á escola. A todos saúda cunha alegría especial porque son xa vellos coñecidos. Como da familia. Detense na praza de María Pita para mirar de fite o reloxo no que unha vez viu á Virxe dos Dolores, sobe ata o Parrote, bordea o xardín de San Carlos, baixa ata o Castelo de Santo Antón, pasa enfronte á Solaina e regresa paseniño pola Avenida da Mariña. Ninguén a viu pararse nunca, talvez porque prefire pasar veloz polos lugares do corazón. Por se a saudade lle entra do aire pola gorxa e lle manca o peito. Como aconteceu tantas veces.

Polas tardes, Berta vai xogar a partida de tute ás Delicias, a dous portais do seu. Na cafetería pide un poleo menta con moita auga e sen azúcar. Para que lle dure as dúas horas que tarda en derrotar ás súas rivais de xogo. Só perdeu o día que tamén o Dépor perdeu a liga. Non lle doeu, entendeuno como unha especie de solidaridade cidadá. Pero tampouco o perdoou.

Estes días Berta auséntase na súa cita diaria da partida de cartas. Tampouco vai pasear polas mañás. Anda absolutamente atafegada coas cousas da casa. Todos os anos, dende o día quince de decembro comeza a notar unha sensación estraña no corpo. Perde o apetito, non dorme ben polas noitas, non ten ganas de pasear e deixa de tomar chocolate negro porque a excita demasiado.

-Velaí ven o Nadal –suspira antes mesmo de que o concello prenda o alumeado público e os comercios da praza enxorden coas panxoliñas ós transeúntes.

Berta visita as tendas de todoacen, reconvertidas en todoauneuro. Coñece todas as da cidade e vai escollendo polo miúdo as fitas de cores, as bólas da árbore, os papeis prata e ouro para a entrada, as candeas e os letreiros brillantes. O pasado ano atreveuse cun esprai de neve para as fiestras e gustoulle o rostro sorprendido dos rapaces tristes do outro lado do patio de luces. Este ano quere mercar algunha figura nova para o nacemento pero non sabe se será moito gasto. A súa pensión non dá para moito e cómpre facer números para non quedar sen cear dende mediados de mes. Ela pasea polos centros comerciais, contempla esas guirlandas eléctricas que nunca poderá mercar pero non amosa desprezo ningún. Gústalle que a cidade se vista de festa. Coma a súa casa, nesa única época do ano en que se converte nun lugar íntimo. Fóra do Nadal, o piso é tamén un estraño co que comparte intimidades. Só iso.

A medida que se achegan as datas de festa, Berta nota como o nerviosismo se apodera dela. As galas benéficas na televisión non axudan a que se tranquilice, nin tampouco os transeúntes que timidamente dan as boas festas cando pasan ó seu carón. O día 24 de decembro, Berta nunca sae da casa. Por se acaso. Érguese cedo nun rito eternamente repetido e comeza o labor de decoración. Primeiro a entrada e logo o salón, cunha habelencia extraordinaria e unha felicidade extrema. A medida que avanzan as horas ponse máis e máis nerviosa. Non o pode evitar. É superior a ela.

Ás oito da tarde, Berta pon a mesa, serve a sopa e comeza a cear. Come pouco porque o apetito anda escaso e agarda, coa ollada perdida nas liñas da televisión, Berta só agarda. Entón, sona o teléfono, a única vez en todo o ano que o timbre estridente anega o piso e Berta érguese dun chimpo.

Do outro lado, fala Andrés co seu acento bonaerense de emigrante sen retorno.

-Bo Nadal, irmá

En cinco minutos pregúntalle polo tempo, polos achaques e pola terriña. Ela apura as palabras que o teléfono bebe velozmente. E se a choiva, e se a luz, e se os veciños, e se o mar, e se esas dores... Andrés hai anos que xa non promete volver porque non se atreve a deixar o asilo. Cinco minutos máis tarde, Berta colga o auricular cun atlántico de por medio e sorrí feliz.

Ás nove menos cuarto do día de Noiteboa, Berta comeza a recoller as fitas, as bólas, o nacemento, a árbore e as letras de prata cunha fonda felicidade no peito. Gárdaas ata dentro de 364 días, 23 horas e 50 minutos. Cando volva ser Nadal.

Namentres, Berta paseará ata o Castelo de Santo Antón e botará a partida do tute. Como todos os días.

Os meus mellores desexos de boas festas para todos e todas.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org