culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Literatura de urxencia, literatura preventiva

Nunca máis. A ollada da infancia; Alma de beiramar perdida; Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra; Sempre mar. Cultura contra a burla negra; Nunca máis. Galiza á intemperie; Botella ao mar; O corvo de chapapote; A praia da esperanza; Parando a marea negra; No país de Nunca máis; Cuspindo a barlovento; H2OIL. Colectivo Chapapote; Nunca máis. A voz da cidadanía; Retratos voluntarios; Bágoas negras; Marea de música... A creatividade falou pola ira, pola indiferencia, pola incompetencia, pola neglixencia, pola mágoa, pola dor e polo silencio. Centos de artistas neste país puxeron mans á obra para combater a marea negra. A catástrofe do Prestige conseguiu arrincar o mellor e o peor de nós mesmos. Un ano despois, a creación segue viva. A literatura como crónica de urxencia. Como literatura preventiva.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A voráxine dos acontecementos sociopolíticos dos últimos anos e a mecánica de relacións (mais ben contrarrelacións) internacionais ofrécennos novos termos cos que definir o mundo que nos arrodea. Xa falamos máis dunha vez do perigo das nomenclaturas, desa friaxe coa que se nomea o mundo e que nos ispe ante significados que non acabamos de entender. Algúns deles son os de “guerra preventiva” e o de “alzamento dos insurxentes contra as forzas internacionais de pacificación en territorio iraquí”. Os nomes nunca son inocentes. Clasifican, definen, mutilan, condicionan, escravizan, estigmatizan, dominan. O desfile de declaracións ante centos de micrófonos non deixa de sorprendernos. Agora Bush omite a manida busca de armas de destrucción masiva en Iraq para remitirnos a unha invasión por “ideais” (¿?). Aznar non se apea do termo de “guerra preventiva” e xa que el pretende que asumamos ese termo como lóxico e racional, gustaríame ofrecerlle algúns substantivos ós que o apelativo “preventivo” lles acae moito, pero que moito mellor. Durante estas semanas, a conmemoración do aniversario do afundimento do Prestige propiciou un aluvión de reflexións e comentarios sobre os acontecementos deste longo ano de loita. Contra o fuel. Un internauta de El País ofreceu unha das, para min, meditacións máis lúcidas sobre a catástrofe:

-Se non son capaces de detectar unha patera feita con catro táboas á deriva en Cádiz e evitar así a morte de ducias de inmigrantes, ¿como van ser capaces de controlar o verquido dun petroleiro de miles de toneladas?

Todo é cuestión de prioridades. Guerra preventiva. Seguridade marítima preventiva. Disque os cidadáns do común non somos capaces de entender os movementos das altas esferas xeopolíticas. Pois menos mal.

A literatura escrita durante todo este ano ó fío da catástrofe do Prestige é un bo agasallo para a sociedade. Mesmo os políticos podían aprender moitas cousas. Podían aprender da ira, do testemuño, da entrega altruísta, da crónica vivencial, da reivindicación, do loita pacifista, da pelexa medioambiental, do dereito, da liberdade de expresión, da dor, da soidade, do medo, do esforzo colectivo, da urxencia de resposta, do compromiso de autores e autoras... Podían aprender deste país e aplicarse o conto. Nós temos a conciencia tranquila. Eles non o sei. Tamén podemos definir esta literatura, xa que o que máis lles interesa son as nomenclaturas, como literatura preventiva. Todo o que se narra, se debuxa e se fotografía debería valer como crónica do vivido e como advertencia. Como fonda advertencia. Isto é ó que nos expoñemos. Non é unha ameaza fantasma, é o futuro se non o evitamos antes. Unha necesidade urxente e dramática para preservamos o noso contorno, o noso mañá.

Nunca máis. A ollada da infancia; Alma de beiramar perdida; Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra; Sempre mar. Cultura contra a burla negra; Nunca máis. Galiza á intemperie; Botella ao mar; O corvo de chapapote; A praia da esperanza; Parando a marea negra; No país de Nunca máis; Cuspindo a barlovento; H2OIL. Colectivo Chapapote; Nunca máis. A voz da cidadanía; Retratos voluntarios; Bágoas negras; Marea de música... Literatura de urxencia, literatura preventiva.

Ó fío disto non podo evitar a tentación de contarvos unha anécdota:

Cando a miña afillada tiña catro anos pediu ós Reis Magos unha bicicleta. A mediados de decembro mercámoslla e agachámola no faiado debaixo dunha manta. O meu pai tivo que subir alí facer uns amaños eléctricos e a pequena quixo subir con el facerlle compaña. El non se deu de conta e permitiullo co que a cativa o primeiro que fixo foi achegarse a un vulto e descubrir, oh, a anceiada bicicleta. Daquela ela baixou correndo chamar ó seu pai cun ataque de histeria infantil dicindo que viñeran os Reis e lle trouxeran xa a bicicleta. A primeira reacción do meu pai foi agachar o agasallo noutro lugar e cando a miña afillada chegou co seu tío:

-¿Onde está a bicicleta?

Ela repichou o fociño

-Estaba aí, papi. Era rosa, estaba aí.

O seu pai respondeulle:

-¿Onde? ¿Non ves que non está? Mira ti, tiñas tantas ganas da bicicleta que ata soñaches que estaba aí. Ai, nena, nena, ¿non ves que os Reis aínda non chegan ata xaneiro?

A miña afillada suspirou fondo e aceptou aquela súa evidencia.

-Pois é verdade, papi, tiña tantas ganas da bici que ata crin que a vía.

E quedou satisfeita. O día de Reis cando descubriu a bicicleta, a pobriña ergueu os ombreiros e sinalou inocentemente:

-Papi, que casualidade, é exactamente igual a como eu a soñei.

Co do Prestige pretenden facernos o mesmo. Que de tanto repetir unha mentira se converta en verdade e con tantas portadas de xornais de praias limpísimas na superficie cheguemos a dubidar de nós mesmos. Do que vivimos. Do que sentimos

¿Realmente vivimos aquilo ou foi unha marea negra mediática?

Para iso e contra a amnesia que tanto impregna este país temos a literatura de urxencia, a literatura preventiva. Para lembrarnos o vivido. Para advertirnos do futuro.

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org