culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Parando a ameaza

Con motivo do aniversario da catástrofe do Prestige, están a aparecer diferentes iniciativas que se caracterizan polo seu carácter recordatorio e pola reivindicación ecolóxica, económica e social. É o caso de “Parando a marea negra”, un cómic con guión de Marilar Aleixandre e ilustracións de Fran Bueno que edita a Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega na súa colección Ciencia para todos. Este traballo pretende espertar a conciencia ecoloxista dos lectores, particularmente dos máis novos, para conseguir un uso responsable das fontes enerxéticas que permita preservar o noso medio ambiente. Non só hai que deter as mareas negras. Cómpre deter este deterioro paulatino do contorno. Para o futuro, para nós.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Vila Xunqueira é o escenario ficticio do cómic realizado por Marilar Aleixandre e Fran Bueno. Resulta un espacio ficcional que pode ter nome do Grove, Pontevedra, Vilagarcía ou Aguiño. Calquera porto mariñeiro dunha vila das Rías Baixas galegas. Calquera espacio da nosa memoria visual, esa que recolle en rosario de doas intermitentes as imaxes dos mariñeiros recollendo fuel coas mans, saíndo coas súas pequenas embarcacións defender os tesouros marisqueiros das rías ou facendo dos trueles armas contra a marea negra. Cada viñeta está enmarcada nunha orla negra que serve de fío conductor cromático en toda a historia e nos traslada a un presente que vivimos como absolutamente dramático. Nesta historia saliéntanse, dos moitos elementos que se poderían abordar, certos aspectos que converten o traballo literario e visual nunha campaña didáctica de denuncia e de defensa de valores ecolóxicos. Están os mariñeiros que afrontan sen medios un cataclismo económico e ambiental. Están as espumadeiras xigantes, os trueles, os garfos, as barreiras feitas con sacos de patacas, as paletas de albanel raspando nas rochas e os capachos. Están as aves petroleadas, os coídos infestados de fuel, os ourizos, os mexillóns, os polbos coa súa peculiar psicoloxía e o peixe que foxe da morte. Están os voluntarios, os de acó e os de fóra, os nenos nas garderías, as peixeiras da praza, os ecoloxistas, os patróns de confraría, os mariñeiros e os grandes magnates de estructuras de poder que alimentan os barcos pirata. No cómic de Marilar e de Fran estamos case todos. Pero se alguén aparece, moi por riba do pesimismo, é o heroísmo de quen combateu corpo a corpo o envite da lingua de petróleo. O heroísmo e a esperanza dun futuro limpo. Agradécese que falten os outros, non paga a pena gastar tinta con eles.


Se algo aprendemos ou deberamos ter aprendido desta experiencia tan dramática do Prestige é que non vale con defenderse cando o mal está feito. Cómpre previr. Resulta absolutamente necesario. Imprescindible. Para iso a responsabilidade non é exclusiva dos navieiros que envían ó mar buques monocasco en precarias condicións que atravesan o corredor atlántico, ese camiño no mar de comerciantes e piratas. Non. Responsables somos todos por mor do noso consumismo voraz. Para paliar os males dos nosos hábitos cotiás, os autores de “Parando a marea negra” dannos unha serie de consellos para minimizar o consumo de plásticos e combustibles e así reducirmos a dependencia do petróleo como fonte enerxética. Recoméndannos o uso de fontes de enerxía renovables e certas modificacións nos nosos costumes como reducir o uso de bolsas no supermercado ou illar as vivendas para evitar abusos na calefacción ou no aire acondicionado.

En “Parando a marea negra” non existe só o dramatismo do vivido. Existe heroicismo e tamén a esperanza dun futuro limpo que resulta responsabilidade de todos. Esta chamada vital á conciencia colectiva non debe caer no esquecemento. O noso pasado inmediato forneceunos imaxes abondo catastróficas como para pasar páxina con excesiva celeridade.

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org