culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

"Literatura é liberdade"

Este é o título do discurso que pronunciou a escritora norteamericana Susan Sontang hai unhas semanas na entrega do Premio da Paz dos Editores e Libreiros alemáns. O xornal “El País” reproduciu o 15 de outubro un amplo fragmento da súa disertación da que se tira a extraordinaria vocación literaria da autora, así e como a capacidade crítica para co seu contorno sociopolítico. Desgraciadamente, namentres lía o discurso de Susan Sontang non sacaba da cabeza as palabras de Manuel Vázquez Montalbán no seu Epílogo emitido por Canal Plus. Se a literatura é liberdade, acabamos de perder un dos seus grandes baluartes.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Somos conscientes de que non vai parella a capacidade crítica coas virtudes literarias. Que grandes escritores foron grandes adeptos a réximes antidemócratas. Que grandes escritores apoiaron os máis aberrantes sistemas. Que grandes escritores exerceron a censura. Mesmo, mesmo, algún que outro Premio Nobel. Non ten nada que ver, dirase, a capacidade de recreación literaria, a construcción de personaxes, tramas, dominio do ritmo narrativo, xogo acertado cos picos de atención, tratamento correcto da linguaxe con iso da ética. Con iso da moral. Con iso da integridade. Debo recoñecer, aínda que tal vez non debería ser así, que o comportamento dun autor me inflúe notablemente para valorar os seus libros. Cústame separar a vida da obra para xulgar obxectivamente os valores literarios dunha persoa que non me transmite a menor simpatía. Agora dirase que unha obra debe falar por si mesma e a traxectoria vital dun autor forma parte da súa intimidade. Creo que non.

Considero que os autores e as autoras, así e como todas as persoas que desenvolven un traballo creativo, asumen unha serie de responsabilidades co receptor. Guste ou non. A arte é comunicación e como tal se debe ser consciente do que se transmite e como se transmite. Quen non queira asumir esa faciana comunicativa que garde os traballos nunha gabeta e os deixe para goce de si mesmo. Cando como receptores nos achegamos a unha obra creativa agardamos que o autor ou autora nos diga algo, nos amose algo de nós mesmos, nos bote algo de luz sobre a realidade, nos dea que pensar. O peor, disque, dunha obra é que sexa muda, que nos deixe indiferentes, que non comunique. Sen embargo, eu creo que hai algo peor e é presentir que iso que pretende transmitir é só un posicionamento estético. Que o autor ou autora non sinte en absoluto o que conta e que, por cuestións de moda, oportunidade política ou social, opta pola construcción de determinadas obras. Por iso, á marxe doutros valores, busco nas creacións a coherencia, necesito saber que hai honestidade nunha historia, que existe unha reflexión profunda sobre o que se conta por parte do autor/a. Non me valen as medias tinturas. Nin os silencios. Nin as bandeiras enarboradas que non agochan ningunha idea. Necesito crer o que leo.

Se Hitler escribise o "Diario de Ana Frank"

Pódese defender a capacidade creativa dos autores e concluír que se un creador é capaz de impostar un papel benvido sexa, que as obras hai que valoralas en si mesmas e que o único xulgable debe ser a mensaxe que transmite e non de que é froito. Agora digo eu, imaxinemos que Hitler escribise o “Diario de Ana Frank”...

Esta reflexión, escrita sen moita profundidade e que, polo tanto, pode suscitar máis dúbidas que ideas, vén a conto ó fío do discurso de Susan Sontang na entrega do Premio da paz dos Editores e Libreiros alemáns e do pasamento a pasada semana de Manuel Vázquez Montalbán. No texto da escritora americana fai unha dura crítica da política exterior de Estados Unidos e dos valores dun seu país que é líder indiscutible do mundo xa que nunha das mencións do premio cualifícana de “embaixadora intelectual” de Estados Unidos en Europa. Ela, logo de criticar especialmente a ausencia do embaixador do seu país na entrega, indica que “A escritora en min desconfía da boa cidadá, da embaixadora intelectual, da activista en favor dos dereitos humanos: eses papeis que se citan na mención do premio, a pesar do meu vínculo con eles. A escritora é máis escéptica, máis dubitativa que a persoa que intenta facer (e apoiar) o xusto”. Sontang engade “Unha das tarefas da literatura é formular preguntas e elaborar afirmacións contrarias ás beaterías estendidas. Incluso cando a arte non é contestataria, as artes tenden á oposición. A literatura é diálogo, resposta. A literatura pode definirse como a historia da resposta humana ó que está vivo ou moribundo a medida que as culturas se desenvolven e relacionan unhas coas outras. Os escritores algo poden facer para combater eses lugares comúns da nosa alteridade, da nosa diferencia, pois os escritores son facedores, non só transmisores de mitos. A literatura non só ofrece mitos, senón contramitos, ó igual que a vida ofrece contraexperiencias: experiencias que confunden o que crías crer, sentir ou pensar”. Diálogo, historia da resposta humana ó que está vivo ou moribundo. ¿Pódese mentir no diálogo letra a letra co receptor?

Cando a Manuel Vázquez Montalbán lle preguntaban no Epílogo de Canal Plus se era duro ser fillo dun home profundamente represaliado polo bando franquista el contestaba cunha serenidade admirable que sería bastante máis duro ser fillo dun fascista ou dun moderado indiferente. ¿Pódese mentir no posicionamento vital, no diálogo cara a cara co receptor?

Cuestiono amplamente a capacidade de liderado dos chamados intelectuais (¿?) sobre o resto da sociedade. Paréceme que o despotismo ilustrado non é válido mírese por onde se mire. Sen embargo, si creo que é unha responsabilidade para as persoas que teñen acceso ó coñecemento e un oco mínimo nos medios de comunicación social (eses que se multiplicaron para dar máis voz a uns e roubarlla definitivamente a outros) ser honestos, ser coherentes, ser comprometidos. Os autores e autoras que nunca se pronuncian, que pasan na punta dos pés sobre certos temas por medo a represalias de carácter político parécenme uns necios. E non falo exclusivamente de aparicións públicas senón de mensaxe nas súas obras. Porque, como dicía Montalbán, e aquí a miña sentida homenaxe, eses moderados son os peores porque sempre van ó ritmo da marea por medo a naufragar nas augas sempre frías da coherencia. Se a literatura é liberdade como di Sontang, debería selo como liberdade na creación e na recepción. A única maneira de achegarnos ó outro dende o coñecemento.

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org