culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

De catro a catro

Estase falando nos últimos tempos de crise no sector editorial galego. Un dos primeiros en dar a voz de alarma foi Miguel Anxo Fernán Vello, editor de Espiral Maior, quen anunciou os graves problemas económicos que estaba a atravesar a súa empresa. Espiral Maior, fundada en 1991 e con máis de 265 libros en catálogo, é unha editorial que salienta polo esforzo e pola lucidez poética. Por iso hai unha pregunta que non escapa dos beizos nestes días ¿que sería da poesía galega actual sen Espiral Maior? Catro títulos de poesía escrita por mulleres constitúen as últimas novidades da editorial. A Xela Arias, Marta Dacosta, Antía Otero e María do Carme Kruckenber seguiranas este outono senllos títulos de Alexandre Nerium, Estevo Creus, Carlos Negro e Eduardo Estévez. “De catro a catro”. Insisto: ¿que sería da poesía galega actual sen Espiral Maior?

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O mundo da poesía galega sentiu que os seus pés eran de lama que esborralla en canto chega a primeira choiva do inverno. Que namentres loce o sol e a caloriña do forno empresarial é farturenta, as palabras poden saír da soidade para se converteren en berros colectivos. Sen embargo, a poesía é a primeira en se resentir cos reveses económicos. Que os números non dan, fóra coa poesía. Coma se fose tan doado, coma se fose, simplemente, prescindible para unha sociedade que se considera madura, que se considera nos máis altos cumios da modernidade e desenvolvemento económico, cultural e social. O berro de alarma de Miguel Anxo Fernán Vello non é senón a encarnación dun presentimento que se berraba e unha evidencia que se borboriñaba en círculos pequenos. Que ducias de autores e autoras ergan a súa voz para defender o mantemento de Espiral Maior non é unha cuestión de capricho endogámico. É cuestión de mera supervivencia. Sobran argumentos para erguer a voz e reclamar solucións urxentes a unha crise da que descoñecemos os límites reais pero albiscamos perfectamente as consecuencias. Nestes casos, e coma sempre, o mellor argumento son as obras publicadas, os nomes de poetas sacados do anonimato, os premios recibidos, o inxente labor realizado por unha iniciativa privada que sempre creu na poesía. Sen máis.

As voces de Antía Otero, Marta Dacosta, Xela Arias e María do Carme Kruckenberg non eran descoñecidas para as letras galegas. Antía Otero, nacida no ano 1982, xa nos agasallara cun texto en “Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra” (2003) e non é difícil atopala nos diversos recitais poéticos que se suceden no país. As súas costureiras, personaxes tan reais coma míticos nunha poesía que destila tenrura e denuncia da situación da muller, desfilan pola súa primeira obra individual “O son da xordeira”: “O que Penélope tece na súa Singer/ foi a cruz das condeadas”. A mocidade de Antía (que trae os eucaliptos á poesía) contrasta coa longa singradura de María do Carme Kruckenberg nas letras galegas. Pertencente a aquela primeira xeración de escritoras de posguerra, ten máis de trece títulos poéticos ós que agora hai que sumar “Lembranzas da beleza triste”: “Se retrocedo e miro/ a faciana no espello/ xogando co encanto/ que agasalla a xuventude;/ abandono a inocencia/ de sucesivos amores,/ de erros e fuxidas,/ episodios nas fiestras/ xunto as ruínas da humanidade”. Penélope como figura real e tanxible é outra das imaxes recorrentes de Marta Dacosta, quen xoga a desfacer o camiño andado, a rabuñar o establecido, a fuxir sempre do vórtice do imposto: “Eu son Penélope/ rexeito teas e fíos/ non te vou agardar”. A reivindicación da Penélope navegante que abrolla de “As amantes de Hamlet”. Xela Arias retorna espida con “Intempériome”, un volume poético no que se asasinaron os artificios e se bailou unha peza agarrada coa sonoridade: “Non/ me/ conteño/ e abato/ rochas e cormoráns e abatibles e contidos”.

Son catro mulleres e catro poéticas á que sucederán catro homes e catro poéticas. Estevo Creus, Carlos Negro, Alexandre Nerium e Eduardo Estévez ofrecerannos as súas obras poéticas premiadas nun desfile outonal de versos e sentimentos, de terra e mar.

A razón do mantemento defínese, entre outras cousas, pola pegada do labor realizado. Eu insisto ¿que sería da poesía galega actual sen Espiral Maior? ¿Que sería das nosas letras sen “De catro a catro”?

“Onde cantan os poetas/ a nos hembra-lo que non foi/ ou puido ser,/ vese a dor da inmóvil, imposible, invariable/ medida do silencio que resta./ Silencio que resta, ou no que nos restan./ O ritmo do silencio historiou sempre/ a aparencia de acougo/ Estupefaciente”: Xela Arias

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org