culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Alma de beiramar

O verán non nos quere deixar abandonados este ano. É consciente de que, en canto marche, as arroutadas do inverno poden sacudirnos profundamente os corpos e as almas. Sabe tamén que nós, por moito que presuman anuncios televisivos de compañías eléctricas, non somos ninguén ante a intemperie. Por iso este verán non marcha e estira as últimas raiolas nunha sorte de tregua final antes da gran batalla da invernía. Antes desa batalla en que podemos ser víctimas das inclemencias metereolóxicas e, sobre todo, da nosa propia soberbia e deixadez. Abonda con que as mareas vivas decidan arrimar un pouco un barco á costa e estamos perdidos. Seremos, novamente, anacos de “alma de beiramar perdida”.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Oitenta e catro autores, narradores e poetas, acaban de ceder os seus textos para a obra solidaria “Alma de beiramar”, editada por A Nosa Terra e a Asociación de Escritores en Lingua Galega neste 2003 que foxe. O volume, que leva o título dun verso de Antón Avilés de Taramancos ao que este ano, aínda, dedicamos o Día das Letras Galegas, pretende ser un compromiso e un bico. É un compromiso dos autores cun país, cunha realidade social que por momentos nos supera, segue a sorprendernos e mesmo a aldraxarnos. Pero é tamén un bico solidario, un reto co propio labor creativo.

A todos os que agora integran as páxinas de “Alma de beiramar” pedíuselles a colaboración altruísta nunha causa aparentemente perdida: o desagravio do mar. Parecía entón, a finais de ano 2002 con toda a ira nas costas, que era unha tarefa imposible. Sen embargo, o devalar dos acontecementos vén demostrando día a día que o trasfego dos voluntarios e voluntarias polo litoral valeu para algo. Non foron só voluntarios as persoas de fóra de Galicia que viñeron en masa limpar as penas e o xabre na costa. Non. Voluntarios e voluntarias foron milleiros de galegos que, sen afán de voluntariedade pero si de compromiso, se botaron á rúa para demandar solucións; aqueles mariñeiros que, sen afán de voluntariedade pero si de futuro, se botaron ó mar para curalo; aqueles creadores que, sen afán de voluntariedade pero si de afirmación dun país, botaron as mans ó papel para crearen, para redimiren, para daren esperanza. Onde non había máis que fuel, un país selou un compromiso para seguir vivo. Os únicos que non foron voluntarios, tal e como o seu nome indica, foron aqueles que cobraron un salario por facer o que estaba na súa man evitar e, aínda hoxe, seguen a negar a evidencia dunha marea negra.

A ira continúa viva en “Alma de beiramar” como recordatorio e como denuncia. Hai versos para chorar. Outros para berrar. Outros para sorrir. Outros para lembrar. Están, entre outros, Ana Romaní, Carlos Negro, Eduardo Estévez, Rafa Villar, Manuel María, Yolanda Castaño, Torneiro, Emma Couceiro, María do Cebreiro, Miro Villar, Marica Campo... Como en todas as actividades que se organizaron con ocasión da marea negra e da inmensa marea cívica que anegou este país no último ano, resulta máis doado citar os autores que non están cós que están. Poucos refugaron o compromiso de interpretar os propios sentimentos e tentar achegar ó futuro unha mensaxe e unha advertencia.

Así, todos os textos de “Alma de beiramar” amosan un acordo implícito: “Non o volveremos permitir”

Que este desexo sexa realidade non mera vontade.

A todos os voluntarios e voluntarias.

NUNCA MÁIS

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org