culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Palestina e México á sombra da figueira

“E vendo (Xesús) unha figueira preto do camiño, veu a ela e non atopou nada nela máis ca follas e díxolle: ’Nunca máis naza de ti froito’. E, logo, secou a figueira” (Mateo, 21:19). Gracias á lectura da Biblia que o meu avó me recomendaba cada noite, souben que en Oriente Próximo había figueiras e oliveiras. Sempre me chamou a atención que a árbore nai da miña casa familiar, esa que nos serviu de acubillo nas tardes de verán e mais para aprender a voar, puidese sobrevivir en terras tan áridas. Logo souben que a figueira é tamén a árbore por excelencia da selva amazónica e que a súa sombra fértil permite a vida de numerosos animais e plantas. Que a figueira sexa unha árbore tan dura como para resistir en tal biodiversidade climática convértea, para min, nunha heroína. Ela é unha ánima vagabunda no tempo (nun criterio diacrónico e diatópico) que habita na miña eira e se fai aínda máis presente nestes días de setembro. Como vagabundos son os personaxes do “Pedro Páramo” de Juan Rulfo. O pobo de Jalisco. O pobo palestino.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Gústame sentar á sombra da figueira, esa que din que é tan mala para os vellos porque a súa frondosidade non permite pasar nin unha raiola do sol e pode provocar friaxes. O meu avó sentou alí escarranchado durante todos os veráns que acordo e durou ata os oitenta e pico. Así que a min gústame sentar á sombra da figueira con algún libro e cheirar o arrecendo penetrante das follas e da humidade do chan. Imaxino o solo cheo de nutrientes que logo me mirarán dende os fungos no outono avanzado e paréceme divertido refregar os pes na herba, tal e como fai neste tempo a gata siamesa da veciña nas miñas pernas. Tamén me gusta agatuñar polas pólas falsas da árbore, esas escorregadizas que feridas nos deixou da infancia, e coller os figos, esa froita tan lasciva. Se non os merendo abaixo da figueira non me gustan, aínda que logo os rabuñados das follas fervan na pel durante varias horas.

Estar abaixo da nosa figueira é como inspirar o alento da tataravoa, da bisavoa, do avó, da nai e da aldea enteira que se reuniu e se reúne para varear a súa ramaxe na procura do arelado froito. Nesas cismaba cando relín o “Pedro Páramo” de Juan Rulfo para preguntarme se en Jalisco, esa terra de ánimas, cabalos e pecado que reinventou o autor mexicano, haberá figueiras.

Conto todo isto porque sei que é difícil seguir os enleados e retortos pensamentos que circulan a velocidade de vertixe polo meu maxín. Asociar Palestina con “Pedro Páramo” cando existen miles de quilómetros entre ambas as dúas realidades irreais non tería moito sentido se non existise a sombra dunha figueira. Se esta non fose redonda e mesta como a lúa. Se os telexornais non amosasen na sobremesa a imaxe do asedio de Arafat e as palabras amables de Israel na ONU “aínda non mandamos matar o líder palestino”. Entón pensei que Palestina debe ser un territorio silencioso no que vivos e mortos conviven en harmonía estridente. Discuten, falan, cabalgan, explican, choran e latrican con naturalidade coma se vivisen no mesmo plano espacio-temporal. Porque todos son individuos que constrúen a súa historia chea de feridas e mártires. En Palestina dá a sensación de que a vida e a morte non teñen barreiras e que ánimas e vivos cruzan a solaina dunha e doutra dimensión con absoluta tranquilidade. “Pedro Páramo” é tamén a historia dun pobo, un pobo de vivos e mortos que se mesturan durante breves minutos no mesmo punto das coordenadas e foxen escorrentados polas súas propias verdades. Tal vez non existan vivos. Tal vez non existan mortos. Tal vez todos sexamos víctimas da mesma ilusión.

Recollo literalmente un fragmento dunha entrevista publicada en “Siempre! La cultura en México” do ano 1973, que converte as miñas curiosas asociacións mentais entre Palestina e o Jalisco de Juan Rulfo en evidencias vitais:

“Yo soy de una zona donde la conquista española fue demasiado ruda. Los conquistadores ahí no dejaron ser viviente. Entraron a saco, destruyeron la población indígena, y se establecieron. Toda la región fue colonizada nuevamente por agricultores españoles. Pero el hecho de haber exterminado a la población indígena les trajo una característica muy especial, esa actitud criolla que hasta cierto punto es reaccionaria, conservadora de sus intereses creados. Son intereses que ellos consideraban inalienables. Era lo que ellos cobraban por haber participado en la conquista y en la población de la región. Entonces los hijos de los pobladores, sus descendientes, siempre se consideraron dueños absolutos. Se oponían a cualquier fuerza que pareciera amenazar su propiedad. De ahí la atmósfera de terquedad, de resentimiento acumulado desde siglos atrás, que es un poco el aire que respira el personaje Pedro Páramo desde su niñez. Ahora, para cerrar esta plática, vuelvo al punto del posible negativismo de Pedro Páramo. No creo que sea negativo, sino más bien algo como lo contrario, poner en tela de juicio estas tradiciones nefastas, estas tendencias inhumanas que tiene como únicas consecuencias la crueldad y el sufrimiento”. Palestina e México.

Juan Rulfo escribiulle á súa moza Clara Aparicio unha carta o 1 de xuño de 1947 na que lle contaba que estaba a iniciar un texto que pretendía chamar “Una estrella junto a la luna” e que, finalmente, acabou sendo “Pedro Páramo”. Oxalá en Oriente Próximo a estrela de David poida permanecer en paz a carón da media lúa islámica. E que as figueiras non sequen por non teren froito. A súa sombra é o mellor agasallo.

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org