culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Dor en estado puro

Conta Borges que Miguel Servet díxolles ós xuíces que o condenaran á fogueira: “Arderei, pero iso non é outra cousa que un feito. Xa seguiremos discutindo na eternidade”. Eu nunca cualificaría a morte como un feito ou, polo menos, como un simple feito. É certo que peco de covarde nese meu desexo evidente de negar a morte. Niso síntome cómplice do resto da sociedade moderna que, como denuncia o antropólogo Marcial Gondar, agocha tanto a morte como o ritual do pasamento nun tabique de cristal aséptico e indoloro. A negación do sufrimento. Para que laie menos. José Luís Peixoto, sen embargo, afronta en “Morreste-me” a dor da morte dun ser querido amosando as veas esgazadas e a alma comesta polas beiras. O valor do autor é encomiable. O humano e o literario.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A miña amiga Ana é enfermeira de urxencias no hospital Virxe da Xunqueira en Cee. Lembro o primeiro día que se lle “foi” unha paciente na planta de interna. Di que cando a enferma entrou en shock, estivo sentada enriba dela intentando unha infructuosa reanimación cardiorrespiratoria durante longos minutos. Di que se negaba a deixala, que non podía aceptar a súa morte. Di que berrou e maldiciu. Hoxe, con anos de experiencia ás costas, sobe ás ambulancias ou ós helicópteros con pacientes críticos con destino ós clínicos da Coruña ou Santiago e, ás veces, mórrenlle polo camiño. Durante longos minutos, Ana viaxa con cadáveres descoñecidos. Ese tempo que ela pasa cos cadáveres mortifícame habitualmente. Penso no que a min se me pasaría pola cabeza, na familia que agarda, na louza que deixou sen lavar, no neno que ten no colexio e no proxecto de investigación que nunca rematará. No que eu lle confesaría a un cadáver alleo, unha persoa descoñecida que acaba de pasar a soleira da morte. No que leva consigo e no que deixa. Sen embargo, cando lle pregunto a Ana qué sente, mírame de fite e contesta “son mortos, Ro, só mortos. Primeiro está a vida e logo a morte, é algo natural”. Esa naturalidade con que ela ve a morte, extensiva a todas as persoas que traballan en sanitaria, ráchase cando o finado é alguén achegado. Entón as vísceras ábrense e o corazón bótase fóra inesperadamente na procura dun acubillo para a súa dor.

Morreste-me

José Luis Peixoto é un autor alentexano de recoñecida traxectoria a pesar da súa mocidade. O seu lazo cos creadores galegos e galegas é tan forte que sempre afirma estar en Santiago coma na casa. Se o vedes pareceravos, como me pareceu a min, un rapaz alegre e extravertido, con moita dozura e un aquel de picardía. Sen embargo, os seus textos amosan un creador íntimo que coñece profundamente os abismos da alma e non ten pudor para agochar os sentimentos. Para recoñecer a dor, o fastío, a indiferencia, a crueldade do ser humano. “Morreste-me” é unha das primeiras obras, un texto curto dunha profundidade terrorífica. A súa lectura deixa a pegada intensa dunha novela de varios tomos.

Con Peixoto sentes que está tocando a dor coas súas propias mans e que cho transmite en cambras que bolen a través de golpes de teclado.

Para ler este autor de corazón saudoso hai que ter un valor especial, o mesmo que amosa el a través dos seus textos. As frases curtas, extremadamente curtas. A segunda persoa dirixida ó finado que se converte en dardos contra o corazón. A reiteración constante da palabra pai, como afirmación necesaria da presencia de alguén que xa marchou. Ese silencio do Alentejo, grande e amarelo como un limón, que murcha nas mans coa despedida do ser querido. Eses lugares que, de socato, perden o sentido, un sentido que previamente nunca lle encontramos e desaparece inesperadamente para nunca máis volver. Peixoto dínolo sinxelamente, sen grandes metáforas nin reviravoltas. Amósanos a dor en estado puro e unha agradece que ó acabar de ler “Morreste-me” as raiolas de sol aneguen a realidade nun intento absurdo de demostrar que ah, alivio, foi “só” literatura. Como querendo agochar, de novo, a evidencia da morte.

Que sirva como homenaxe ós meus mortos do 11 de setembro: Salvador Allende e Roberto Vidal Bolaño.


Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org