culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Tempos mellores

Isto xa non é o que era. Esta frase tan repetida acaba facendo que a xente nova abanee a cabeza: os máis vellos cren que todo tempo pasado foi mellor. Sen ir máis lonxe, cando o meu pai inicia a súa famosa frase “pois cando eu era cativo” a resposta da miña irmá é espetarlle o seu imprudente “veña, outra batalla”. A el séntalle como unha patada. Sempre crin que evocar as imaxes da memoria para retrotraerse a tempos máis felices significa unha alancada cara á rendición, asumir que a capacidade de sorpresa está xa superada. Debo ir indo vella: para min Ortigueira xa non é o que era.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A celebración do vintecinco aniversario do Festival Mundo Celta de Ortigueira provocou avalanchas de xente na vila ortigueiresa hai unhas semanas. Falounos diso coa súa ironía habitual María Yáñez. Co gallo da efeméride sinalada temos a oportunidade de gozar de varios traballos recompilatorios que nos ofrecen un paseo visual por estas décadas de música folk de Gales, Irlanda, Escocia, Bretaña, o País Vasco, América, Asturias ou Galicia.



Da man de Carlos Regueira e Xaime Fandiño puidemos encontrarnos coa memoria, os proxectos de futuro e as avaliacións críticas de moitas persoas que pasaron polo festival neste tempo. Foi nun documental dividido en tres episodios que se emitiu pola TVG. Non sei se algún de vós o viu. Realmente era difícil. Non se anunciou, pasárono ás dúas da mañá e, seguindo criterios de actualidade inescrutables, decidiron que os días idóneos para a súa emisión eran, precisamente, os días do festival. Xa se sabe que o público obxectivo, cen mil almas que vagaban pola vila de Ortigueira, estaban dispostas a perder os concertos para sentar na tenda de campaña e, vía satélite, conectar as súas caixas bobas.



Outro dos traballos realizados nos últimos meses para festexar o aniversario do encontro é o libro de fotografías de Xurxo Lobato titulado “Festival Ortigueira”. Ademais das fotos, o volume ofrécenos comentarios dunha trintena de actores, músicos e xornalistas que fan valoracións do seu paso polo festival. Hai nostalxia, agradecemento e alegría pero, sobre todo, hai recordos puntuais que mesturan o real e mais o vivido nos soños dunha longa noite de verán. Quizais o texto de Víctor Mosqueira sexa o que máis me guste, quizais porque o seu recordo é moi semellante ó meu. Eu tamén vin homes e mulleres descalzos; vinos correndo, espidos de pé e perna, por Morouzos adiante; vinos rindo e vinos esquecendo; vinos bailando e vinos durmindo; vinos cantando no feve e vinos derreados na estación de volta. Vin os litros de viño formando regatos na rúa, timbais que ecoaban nas calellas da vila ata o amencer e malabares de lume retando o sol no medio da mesta néboa do Ortegal. Vin moitas cousas que non lembro e outras que non quero compartir. O certo é que na miña evolución persoal do paso polo festival houbo tempos mellores que os de hoxe por cuestións, xa non de idade, senón de actitude e cantidade. Eramos menos e gustábanos o mesmo. Actualmente hai máis cantidade de xente e máis biodiversidade, cousa que pode ser incluso abafante nun espacio tan pequeno. Pero ségueme a gustar Ortigueira, por todo o que simbolizou, todo o que me marcou e todo o que ofrece ano a ano e que se resume na liberdade de ser o que máis che apeteza ser neses días. Ese estraño soño: a liberdade.


Os soldados da Brilat


Hoxe veume á cabeza Ortigueira porque, curiosas asociacións, acabo de ler unha noticia en “El Mundo” que di que os soldados da Brilat que marchan a Irak levan no seu novo escudo, creado a instancias de Trillo, a cruz de Santiago. ¿Lembrades? O Santiago matamoros y cierra España. Pois con ese escudo no peito pretenden patrullar nun dos lugares santos dos xiítas, unha afronta que denota o nulo nivel cultural e a total falta de respecto do exército español polo territorio que, disque, van “liberar”. Un de cada tres soldados do exército español que vai camiño de Irak é galego. Pregúntome se algún deles foi algunha vez a Ortigueira. Porque, quizais Trillo non o saiba, pero detrás de cada número do pelotón hai un rostro, un nome propio, unha familia e unha vida que el expón arbitrariamente a un risco, levámolo repetindo meses, innecesario e repudiado por parte da poboación. Pregúntome se algún deles viu algunha vez a xente bailando descalza en Morouzos, se viu como baixaban os litros de viño en regatos pola rúa, se viu como a música internacional se perdía na poalla que sempre acompaña os amenceres resacosos do festival. Pregúntome qué lles parece iso de levar no peito un insulto directo ó pobo que, insisto, disque, van liberar e máis parece un retorno de varios séculos ás Cruzadas para cristianizar o mundo árabe.



Aínda hoxe, como dicía Luz nas longas horas de autobús de regreso do festival, Ortigueira percorre ebria os labirintos do meu cerebro: ¿estades escoitando gaitas ou é que só están na miña cabeza? ¿lembrarán os soldados da Brilat os rostros exhaustos do piñeiral tras unha longa noite de festa? A memoria é efémera e, por iso, gardo as mesmas dúbidas que Víctor Mosqueira con respecto ás lembranzas: ¿perderanse como bágoas en auga de choiva?



NON Á GUERRA



NUNCA MÁIS


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org