Remexendo nos galpóns da memoria
A literatura nútrese a miúdo da memoria. Personaxes que lembran, flashbacks que evocan momentos do pasado e recuperacións de memorias históricas que alimentan o presente e as arelas de futuro. Marica Campo xoga en “Memoria para Xoana” coa máis pura tradición popular do relato oral. Ela ganduxa, paseniño e con fío de cobre, o tecido familiar de varias xeracións de mulleres a través dunha voz que narra con agarimo e tenrura o onte como agasallo do mañá. Se tivesemos máis memoria seriamos, sen dúbida, máis felices ou, alomenos, máis coherentes.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
A estas alturas de verán, cando o corpo se deixa levar pola necesidade de asueto (traducido en solpores inacabables de terraza de bar, horas de lectura de vacacións e ollos pechados na praia nun intento a miúdo infructuoso de non pensar), é doado caer nas redes do vivido. O descanso resulta imprescindible para reciclar pensamentos de igual maneira que os soños serven para recolocar as vivencias nas caixas oportunas do cerebro.
Un almorzo desagradable para a gabeta do último chanzo. O encontro fortuíto con algunha vella amizade devolve á gabeta da dereita do primeiro andar aquel inverno en Londres en que o cheiro a macdonalds era máis que o todo. Unha canción escoitada de paso nun bar quedou dando tombos contra as paredes do cranio e cómpre darlle un sitio que será, seguramente, a papeleira ata que unha nova experiencia lle dea un sentido diferente. Os retallos dalgún libro pelexan con esas imaxes da televisión (non direi telelixo non vaia ser que amole algún presentador noctámbulo) que, vaia gracia, quen pensaría en xuntalos conscientemente. Pero o estado de inconsciencia xera eses milagres que nos fan a miúdo rir cando, en realidade, deberían darnos abondo que matinar.
O anceiado descanso
O verán, estación predestinada polos calendarios laborais ó lecer, acaba converténdose nun tempo de limpeza. A miña nai chama por teléfono cada mes de xuño para ver qué día podemos andar os tres irmáns pola casa. Non atopa máis que desculpas. E non porque non queiramos aproveitar esas horas de sol inacabables (malia o que pensen algúns das horas de sol de Valdoviño, son tan fachendosas coma en calquera outro sitio máis ó sur) senón porque xa sabemos para qué nos quere. Para facer limpeza xeral da casa. E non hai cousa máis aburrida cá limpeza xeral dunha casa de aldea. Non por nada senón porque caben moitísimas máis cousas ca nun piso de setenta metros cadrados. E na miña casa de Meirás caben tantas cousas que resulta inimaxinable un remate de limpeza satisfactorio para a miña nai. No verán limpamos as casas e limpamos as cabeciñas de lixo acugulado durante o resto do ano. Ou iso intentamos. Eu tenteino moitas veces pero o concepto de mente en branco non se fixo para min. Que se lle vai facer.
Marica Campo fai en “Memoria para Xoana” un exercicio de saudable limpeza. Todo o percorrido vivencial e sentimental do libro non é só un agasallo para a nena que vén senón unha aposta decidida da nai por non esquecer e por recolocar o vivido. Para non varrer do seu espacio existencial a Pepa a Toupa, preñada e cega; a Rosa Pérez, triste e fráxil; á sindicalista Carme e a loitadora Carolina. Para sumar e non dividir os talismáns (pedras, libros e follas de árbores) e que supoñan abelorios de boa sorte no faiado das arelas. Ela fai limpeza cunha peneira para gardar os recordos que pagan a pena e desbotar os outros. Esoutros. “Memoria para Xoana” é tamén un exercicio político e social, cargado de mensaxes duras e críticas cun contorno marcado polo sufrimento e pola inxustiza. Deste xeito, o legado para a filla non consiste exclusivamente nun fardo de epopeas vividas senón nun feixe de ferramentas coas que saber loitar no futuro. Ou alomenos iso cre a protagonista desta obriña que turra por deixar a cortiña retobatada e limpa para empezar a abrir os sucos dunha nova vida.
Déixovos descansar, con memoria ou sen memoria. Vós veredes. Eu loitarei un ano máis por silenciar os ruxerruxes do cerebro e permanecer na arelada inopia. Logo dun ano tan terrible (Prestige, guerra de Irak) como este agardo conseguilo. Aínda que só sexa pola busca desesperada da saúde mental.
NON Á GUERRA. NUNCA MÁIS.