culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O xabaril da señora Prudencia

A señora Prudencia de Brión acadou nos últimos meses un protagonismo nunca soñado nos seus oitenta anos de vida. Todo foi culpa dun porco bravo, o Micho, quen a levou da man ó máis alto recoñecemento xornalístico. Outros labregos téñenlle menos aprezo a tan ruidoso polizón nocturno das súas leiras de maínzo.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A señora Prudencia da aldea de Sanín (Brión) reduciu a un xabaril que tivo a ousadía de se lle meter na cociña. Agarrouno polo fociño e prendeuno a un poste da luz, segundo nos contou hai días un xornal galego. Ela recórdame á señora Lola de Males de cabeza de Fran Alonso. Un personaxe tenro e duro, feito a imaxe e semellanza da súa inocencia e maila súa loita diaria por saír adiante nun rural galego cada día máis afastado da civilización. Non sei se Prudencia fai tortillas para os obreiros. Ou se colle o barco para vir a Vigo dende Cangas. Dubídoo. Do que estou segura é de que esa señora afouta e segura de si mesma conserva a máis pura esencia da muller galega, sen medos e retranqueira; unha muller decidida e doce que espanta as gabanzas cun aquel de modestia sá.



Esas mulleres heroicas


A señora Lola e a señora Prudencia confórmanse como metáforas heroicas desta nosa sociedade de hoxe, unha sociedade na que sobran adobíos e falta autenticidade, esa que só reside no anonimato.
Debo confesar que o que máis me gusta desta señora é a súa sorna. O xornalista empregou para a redacción da noticia un ton gracioso que, para o meu gusto, caeu no maniqueo referido concretamente ó aspecto lingüístico. A alternancia de castelán-xornalista co galego-protagonista da información agocha moito máis que un simple estilo narrativo para se converter nunha diglosia por momentos insultante. Alomenos para min.


A señora Prudencia sobrepúxose ó propio ritmo do relato cunha destreza admirable e acabou levando o contido cara ó seu rego. Non creo que o redactor tivese a mala fe de querer ridiculizala. Sen embargo, estou convencida de que ela, sen pretendelo tampouco, acabou ridiculizándoo a el. No texto había unha pregunta que latexaba á marxe das palabras impregnando toda a conversa: "E logo, ¿que ía facer? ¡non ía deixalo quedar alí". A señora manexou ó seu xeito ó porco bravo e, logo, ó xornalista tratándoo cunha sutil condescendencia. Foi unha sorte de vinganza tribal dun mundo rural que esmorece nas mans de outro, máis moderno, que pretende convertelo en algo exótico, diferente e, en certa medida, estigmatizalo. Unha, que é certamente atrevida nas súas divagacións, acabou imaxinando á señora Prudencia agarrando ó xornalista polo fociño e amarrándoo ó poste da luz. Non culpo ó redactor. Probablemente tamén eu caese no engado da señora Prudencia e quixese convertela nunha muller vella e desvalida que se enfronta a unha mala besta. Para ela foi algo natural e, para nós, resultou algo heroico. Se me escoitase, ela seguramente abanearía a cabeza e diría con sorna: "xente nova, leña verde..."


A miña tía Lola


Quédame por saber que opina do conto a miña tía Lola, unha muller ferrotiña e dura como a señora Prudencia. A ela quítalle o sono o condeado do xabaril que lle vén tódalas noites fozar na leira de maínzo. A última vez díxome que ía póñerlle o alindador das vacas (que xa non os asusta porque dá só unha cambra de nada) conectado ó poste eléctrico para facer unha boa luminaria con el. Disque non lle dá medo a Xunta, nin os ecoloxistas, nin os cazadores, nin o merda do becho nin nada de nada. Que por que o porco bravo está protexido pola lei e o seu millo non. Que non hai dereito a traballar arreo todo o día para que logo llo tronce todo baixo o amparo da lei. Vou tentar quitarlle esas ideas asasinas da cabeza e dicirlle que, no canto de electrocutar o xabaril co cabo eléctrico pode atalo ó poste da luz e telo de animal de compaña. Seguro que mesmo lle colle cariño.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org