culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O milagre do buscapeixe

"O buscapeixe" é un conto que nos agasallou Xelís de Toro nos relatos de verán de La Voz de Galicia de 2002. Esta historia volve ter actualidade no ano que nos tocou vivir ou, máis ben, que nos fixeron vivir. O autor santiagués pon de relevo a importancia do peixe para unha comunidade que vive, basicamente, do mar. Fala da necesidade de busca, do brillo dos ollos, da esperanza e da cegueira, constituíndo con todos estes elementos unha alegoría do tempo presente. Nós tamén precisamos un neno buscapeixe que nos devolva o brillo do futuro.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Xelís de Toro crea en Brighton unha curiosa edición do relato do buscapeixe e do poemario “Noutras ondas”. Estes textos, en edición bilingüe galego-inglés, foron empregados nunha performance multimedia na que o autor santiagués tivo a colaboración do pintor Jim Sanders e dos músicos Dave Toolan e Dan Jeans. A súa intervención artística tivo lugar no Fringe Festival de Brighton do ano 2002 e recupera desgraciadamente a actualidade contra finais de ano por mor da catástrofe do Prestige. Na introducción que Xelís de Toro fai do libriño pon de manifesto a súa indignación polos efectos económicos e sociais do afundimento do cargueiro, a súa denuncia da reacción gobernamental e, sobre todo, o seu orgullo por formar parte dun pobo unido contra a contaminación ecolóxica e política.



“O buscapeixe” (“The fishfinder”) é un conto infantil “espido, no esquelete, coma as espiñas que quedan no prato despois de comer un peixe”. Digo que é un conto infantil porque os contos adultos non existen. A brevidade e a claridade que debe ter todo bo conto esixe que sexa apto para os nenos e outra cousa é que os adultos poidan ou saiban comprendelos. Se un conto non vale para un cativo, non é un bo conto porque este deber gardar a inocencia e, á vez, a intelixencia mordaz das olladas limpas. Coma o traxe novo do emperador. “O buscapeixe” presenta todos estes elementos. Ten alegría, ten tristura, ten acidez, ten inocencia e ten unha reflexión profunda sobre o sentido da vida. En menos de mil cincocentos caracteres Xelís de Toro consegue poñernos entre a espada e a parede cunha dúbida terrible que varre os miolos. O prezo das buscas desesperadas, das fuxidas dos destinos dramáticos a prezo de ouro. A custa de quedarmos cegos, de retobatar a visión por albergar unha maldita esperanza. O buscapeixe ten o brillo das escamas limpas, a luz das guerlas sangrantes de vermello coral e o cheiro penetrante do mar de Fisterra.



Abáfanos tamén o alento de mar de “Noutras ondas” (In other waves), un breve poemario ilustrado con trazos negros indisciplinados de Jim Sanders que buscan a evocación e a denuncia. “Mordendo nas horas,/ comendo buguinas na praia/ esperando que aconteza algunha cousa”. O home agarda o futuro sementado de cunchas, gradicelas, algas e xabre e o futuro mírao, sarcástico, botándolle un vómito de fuel”. “Canto de grandeza,/ oda aos desaparecidos cada día/ imno de rúas tortas/ con letreiros de neón de pare aquí e/ coma as miñas palabras”. A beleza do océano consómese no solpor coma a lapa dun misto. E queda negro, tan negro coma a noite, tan alleo como o bruído dos dragóns de cuspes velenosos, tan mordaz como o silencio que nunca chega. “Cruzo de aquí a; sigo no recorrido de;/ fago as esperas nas encrucilladas/ con padrenuestros nos labios/ indo nos camiños de;/ escoitase coma un chover triste/ de balas e mulleres chorando/ e cráneos esmagados/ detrás do escenario”.



Xelís de Toro quixo entregar este libriño ó movemento cívico Nunca Máis. Cadaquén achega o mellor de si para axudar a construír a nosa nova identidade colectiva. “Humm. É bo saber/ quen son eu/ e que non estou so”.



NON Á GUERRA. NUNCA MÁIS.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org