Un abrente e sete bágoas de chapapote
“Sete noites e un mencer” é o título da obra de Fernández Naval coa que se agasallou ós membros de Biblos Clube de Lectores, unha iniciativa pioneira e arriscada no ámbito da distribución da literatura galega. Este conxunto de relatos, o primeiro volume da Colección Mandaio, introdúcenos no mundo da Galicia rural e da Galicia urbana; dos voluntarios e dos eivados; da sordidez e das luces do amor. Son historias dispares en que os protagonistas mergullan nas insignificancias do cotián para poñer en evidencia as miserias do ser humano.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Sei da tenrura de “Amor ás cegas”, o primeiro relato de “Sete noites e un mencer”. Sei como se aman os seus personaxes eivados dun dos sentidos máis apreciados, como se percorren o corpo ás atoutiñas e como asumen a súa plena idea de beleza. Sei da friaxe que lambe o lombo en “O anxo caído”, a sordidez da noite lascada de desencontros co mármore. Sei do cheiro putrefacto do vertedoiro namentres el permanece envolto nun plástico gris en “A soidade era o frío”. Sei que a soidade é dura e maltreita, aínda que sexa de cor rosa e na compaña de Guillermina en “A soidade cor de rosa”. Sei das ansias de Martiño por devorar o corpo de Diana e do sangue derramado que causa unha fonda impresión en Marta. En canto os cans ladran na “Noite de verán”. Sei do pánico de recoller unha muller na estrada na metade da noite de “Ziralla 25”. Sei cada letra da canción de Alfonsina e o mar e a dor por Rubén en “E un mencer”. Sei das metáforas, das sinestesias, da proximidade das primeiras persoas, da sensibilidade poética, do xogo coa linguaxe e cos silencios, da sorpresa e do desencanto.
Pero 6 + 1 = 7. Falta un. Falta, dende o meu punto de vista, un texto que corre traendo a mensaxe dos tempos vindeiros. Un salto cara a diante na temática que nos vén enriba logo dos acontecementos dos últimos meses. Aparece ás carreiras, case sen folgos, con toda a présa dos feitos vividos, os nervios na superficie de pel tinguida de veleno e as ganas de soñar o futuro. Fernández Naval recolle no relato “Noite de luz en paisaxe de sombras” a historia dun voluntario que, logo de deambular pola costa galega durante días na procura dunha paisaxe que limpar, recala en Carnota.
Lira, trinta e un de decembro de 2002. O frío, o chapapote e a indiferencia. A incomprensión, a soidade, a dor. A incompetencia, as protestas, a esperanza. O caderno do voluntario anónimo recolle as súas impresións sobre a traxedia que o pobo galego está a vivir por mor da catástrofe do Prestige. Recolle cada minuto de intemperie e cada frustración. Doe porque resulta demasiado próximo e demasiado fidedigno. Unha maldita situación que Naval coñeceu ben de preto.
Demasiado fidedigno
Lembro unha tarde-noite de inverno no porto de Lira. Había un sol estraño, condescendente coas ducias de persoas que presenciabamos un recital poético que pretendía devolver un pouco de dignidade ó mar. Un pouco de dignidade a nós mesmos. Vázquez Pumariño anunciou a presencia de corvos mariños e mascatos como testemuñas de excepción dende unha pena próxima. Non sei se escoitaban ou peiteaban remorsos nas nosas conciencias. Fernández Naval viviu a carpa onde se lles dá de comer ós voluntarios, almas de mono branco e pensamentos negros e viviu moi de preto a traxedia no seu lugar de querencia adoptiva. El, malia ser ourensán, deixouse embebedar polo silencio inmenso das ondas que baten en Carnota. E alí lle ficou a alma, neste tempo esgazada polo presente de fuel. Sen embargo, hai futuro. Haino en “Noite de luz en paisaxe de sombras” como metáfora da realidade polo seu final luminoso. Malia que os acontecementos non poidan ir peor hai esperanza. Só hai que ir a Lira para sabelo. Arrimade a orella. Máis preto. Agora que ninguén nos escoita debo dicirvos que a fin de semana do 21 de xuño é boa época para viaxar a ese recuncho amplo da Costa da Morte. Alí estará a Carpa do País de Nunca Máis e celebraranse, ademais, as “Cuartas xornadas internacionais de Cultura Tradicional. Efecto Prestige” coa presencia de moitos expertos do eido ambiental. Agardo vervos alí, no mesmo lugar onde alguén comezou a soñar un país.
NUNCA MÁIS. NON Á GUERRA