culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Metáforas do cinismo

“Soñar pedras con fútbol” é o título dun relato de Daniel Asorey Vidal gañador da onceava edición do Manuel Murguía de Narracións Breves. Esta historia acaba de ser publicada nun volume colectivo editado por Espiral Maior baixo o epígrafe de “De soños e memorias”. Non é que os restantes relatos do libro non me interesen. Resulta que este texto me interesa particularmente tanto polo tratamento como pola temática que aborda. Palestina e o fútbol como dúas grandes metáforas do cinismo contemporáneo centran o punto de mira dun autor que abre o obxectivo cara ó universal.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Os territorios ocupados viven unha traxedia que se reafirma día a día nas pedras que os adolescentes zorregan contra os muros. Considero que é, como xa dixen noutras ocasións, un dos exemplos máis dramáticos do cinismo político internacional. Resulta comparable ó xenocidio nazi, paradoxal e angustiosamente. Sei que esta afirmación forma bochas no pensamento contemporáneo, cando o recordo dos campos de concentración e dos milleiros de hebreos asasinados se configura como unha das peores vergoñas da memoria colectiva. Pero non me parece moito mellor a situación do pobo palestino hoxe en día. Nin do saharauí. Son pobos abocados á loita por defenderen a súa terra arrebatada cando a única fenda posible para lograren un futuro de seu parece residir nas armas. O pobo saharauí téntao dende hai trinta anos coa legalidade internacional da súa parte. Pero Marrocos non quere e cada día pon máis trabas. O pobo palestino leva décadas de intifada en intifada reclamando unha solución definitiva para acabar cos seus propios campos de concentración. Pero Israel non quere e cada día pon máis trabas. Neste contexto dramático de cinismos e medias vontades involúcrase Daniel Asorey. Non ten medo á verdade e mete o dedo da chaga sen compaixón. Sería absurdo.



Soñar pedras con fútbol



Aparece en “Soñar pedras con fútbol” a miseria do deporte rei pero, sobre todo, a miseria do merchandising deportivo e da globalización. Aparece a soidade do soldado que espreita dende os muros contemplando, desolado, un futuro a través da diana do kalashnikov. Aparece o suicida palestino, aferrado a un amor que non dura e disposto a entregar a súa vida por unha causa relixiosa e nacional. Aparece o alto representante político que dorme nun hotel de cinco estrelas con ansias de encher o peito de galardóns e caviar. Aparece o Dépor televisado e o recordo dunha Arxentina esgazada pola fame. A fortuna deste relato reside tanto na aposta polo tema como no xogo coa incerteza. A narración faise vertixinosa e certas metáforas innovadoras condúcennos velozmente cara ó cerne do texto.




Sabemos o final pero queremos saber cómo chega. Sufrimos en cada paso que dan os personaxes porque a historia fainos anticipar o desenlace, ese que, inevitablemente, chega. Sempre chega. Non sentimos mágoa polos protagonistas senón pola súa circunstancia, da que nos consideramos culpables. Son cinismos. Mentiras. Portadas de periódico sucesivas. Editoriais que xustifican o inxustificable. Neste caso, a literatura amósase reticente a mentir e dá a cara. Resiste, como Daniel Asorey defende e proclama. Resistir é vivir. É crear. “Soñar pedras con fútbol” supón un chanzo máis cara á apertura da nosa literatura a temas e contextos alleos ó noso país. Pero, sobre todo, é un chanzo máis cara á liberdade do ser humano e iso é sempre de agradecer nos tempos que andamos.



NUNCA MÁIS. NON Á GUERRA

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org