culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A máis fermosa historia de amor

Layla, you’ve got me on my knees./ Layla, I’m begging, darling please./Layla, darling won’t you ease my worried mind. O retrouso desta canción, unha das máis apreciadas polos seguidores de Eric Clapton, fai referencia a un amor imposible de alicerces lendarios árabes. Se esta canción foi dedicada a Patty, a muller do seu grande amigo George Harrison e que acabaría sendo a propia muller de Clapton, o nome vén tomado dunha historia de amor de profunda pegada mística e orixes na antiga Persia. A difícil e tráxica singradura de Layla e Majnún, os amantes maldicidos pola tolemia do propio amor. A bolboreta nocturna que se achegou ó facho para morrer consumido pola calor das forxas sentimentais.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“O árabe é a lingua de Deus e o persa, a lingua do Paraíso”. En persa foi escrita unha e outra vez a historia de Layla e Majnún, a lenda amorosa por excelencia do mundo árabe. Hai quen di que é a Romeo e Xulieta oriental. Humildemente debo pedir que me desculpe o xenio de Stratford-upon-Avon pero a historia de Layla e Majnún non ten comparación posible. Se Shakespeare concibiu unha obra na que unha guerra entre familias era o único impedimento para o amor, na lenda árabe a barreira establécese na propia cordura dos amantes. Esta historia, que correu de boca en boca pola península arábiga durante séculos foi recollida por Nizâmî, un dos grandes autores árabes de tódolos tempos quen a levou ó papel no século XII. Naceu así unha das máis fermosas versións existentes. Consta de máis de catro mil estrofas nas que a efervescencia do amor místico reflíctese a través de metáforas que deixan entrever a profunda riqueza literaria da tradición árabe. As bocas son narcisos; o amor vive en bolboretas nocturnas que se achegan ó facho redentor da luz; o firmamento esculca os sentimentos e o vento serve de comunicación dos amantes. A pegada sufí é indiscutible. A maxia da paixón amorosa recae na forza moral dos amantes afastados e na súa perseveranza.



Qays é o fillo único e predilecto dun sayyid árabe que cae perdidamente namorado de Layla, unha fermosa rapaza dunha tribo veciña. Non existe conflicto aparente porque ámbalas dúas familias respéctanse mutuamente. Sen embargo, a Qays a forza do amor acábao corrompendo espiritualmente e cae nunha sorte de demencia que lle impide actuar sensatamente. O seu radicalismo nos sentimentos lévao paulatinamente ó illamento social. Séntese incomprendido, consumido por un lume que o abrasa e do que non sabe/quere arredarse. O seu propio latexar acaba asasinándoo na sociedade e este resulta, precisamente, a única barreira para levar a cabo a unión coa amada. A familia dela non o despreza por vellos rancores, nin por falta de cartos, nin por ausencia de prestixio social. Non. Qays perde o favor da familia de Layla cando nas diferentes tribos comezan a chamarlle Majnún, o tolo, polo seu estraño comportamento. El foxe para o deserto e convértese un eremita que compón os máis marabillosos poemas de amor para a súa soñada.



A tolemia de Qays


A través da xente, do vento e da casualidade, os versos chegan como pinguiñas de orballo a Layla, quen adoece de amor por el pero, como é requisito obrigado para a muller árabe, en silencio. Nun asfixiante silencio. A familia de Majnún fai todo o posible para que el retorne á civilización e afronte con madureza os seus sentimentos. Pero todo o esforzo resulta inútil. A demencia do amante vai en aumento e acaba por destruílo totalmente. A presencia do amor cortés e platónico (Platón sobrevoa constantemente o relato no contraste da cova-mundo e no delirio espiritual dos amantes) non deixa de lado a propia paixón carnal dos mozos. Esta non chega a producirse porque os amantes, que se espreitan, non son capaces de aturar o envite da pel e foxen do encontro por temor ó seu propio lume. Non hai nada aquí de amor non correspondido, mais ben é un amor tan correspondido que se sume coma unha vela polo poder das palabras e do desexo. Tal vez o máis bonito do relato non recaia no peso dos amantes senón no amor profesado pola familia de Majnún quen, malia as burlas dos veciños, segue a loitar durante toda a súa vida por devolverlle a cordura ó seu fillo pródigo. A compaña de animais salvaxes converte a Majnún nunha especie de Francisco de Asís incomprendido e arrastrado ó naufraxio pola devoción e pola ausencia de apetencias físicas. Nada hai no mundo que o corrompa agás o pensamento de Layla. A sorte dos amantes está botada dende o mesmo momento en que cruzaron as olladas e a fuxida ós designios da mente e do destino resulta imposible. Inalcanzable.



É unha historia fermosa. Moi fermosa. Pero, por máis que vos diga, nunca chegarei a transmitirvos a maxia de Layla e Majnún. Hai que saboreala palabra a palabra, aroma a aroma, cheiro a cheiro, algo co que a literatura árabe enfeitiza ós lectores e os occidentais deberiamos valorar máis. Eric Clapton ficou atrapado pola súa esencia. Convídovos a caer, tamén, na súa rede. Let’s make the best of the situation/ Before I finally go insane./ Please don’t say we’ll never find a way/ And tell me all my love’s in vain.



CITA BIBLIOGRÁFICA:



NÂZÎM: Layla y Majnún. Traductor: Jordi Quingles, Palma de Mallorca: Editor José de Olañeta, 2001


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org