culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

¿Quen pode máis, o home ou a muller?

Estes días non podo quitar da cabeza ós alxerianos. Non imaxino a sensación de que o chan escache baixo os nosos pés, esa inestabilidade absoluta que nos converte en monicreques a expensas dunha forza natural suprema. Un terremoto fai que todo o que alguén construíu esfarele como un castelo de area. Da noite para a mañá, esténdese o silencio, os montes de entullo e os ladridos dos cans que buscan corpos baixo os cascallos. Coa súa dor na memoria falarei hoxe dun conto norteafricano titulado “Aixa ou o fillo do rei ou ¿quen pode máis, o home ou a muller”, co que quero reivindicar a riqueza cultural do mundo árabe. É pouca achega para a súa traxedia pero, coma no caso saharauí, son consciente de que unha gabanza vale máis ca un lamento.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Sinto especial debilidade polo mundo árabe e moléstanme particularmente todas as mentiras que se espallan sobre a súa cultura. É doado falar deles como represores, integristas relixiosos, fanáticos, antifeministas e ameazas contra os intereses occidentais. Sempre resulta máis fácil iso que tentar achegarse a eles e comprender moitas das súas pautas culturais. O caso da muller paréceme paradigmático. Existe a crenza estendida de que o ámbito feminino está absolutamente asoballado no Magreb e en Oriente Próximo. Non cuestiono a existencia de lexislacións obsoletas que esixen un cambio, sobre todo no eido da representatividade pública da muller. Cómpre reivindicalo e denuncialo sen ambaxes. Sen embargo, debo dicir que nunca vin mulleres máis orgullosas de súa condición feminina que no Magreb. Solapados baixo unha aparente submisión ó mando do varón navegan océanos de liberdade individual que mesmo envexarían moitas occidentais. Os veos non sempre ocultan. Ás veces permiten entrever e, nese xogo de sensualidade, moitas mulleres camuflan a súa verdadeira individualidade. Quixera que admirasedes a beleza dunha muller envolta nunha melfa, coas mans tatuadas con henna e os ollos atravesados por un horizonte negro de khol. Quixera que a mirasedes precipitar o te en vasiños diminutos ó abrigo do siroco na tenue claridade da haima do deserto. Quixera que observasedes a kinesia do seu achegamento ó mundo e mesmo a sensualidade da súa conversa. Tal vez entón entendesedes por qué cuestiono o teórico antifeminismo do mundo árabe. Baixo os seus veos de cores hai moita máis liberdade que en moitos fogares occidentais.



Marrocos a través das súas mulleres


Fátima Mernissi ten reflexionado moito sobre a situación da muller no Magreb e mesmo publicou un libro elaborado a partir de testemuñas que se titula “Marrocos a través das súas mulleres”. Ademais, recolleu un conto popular marroquí narrado por Lal-la Laaziza Tazi titulado “Aixa ou o fillo do rei ou ¿quen pode máis, o home ou a muller”. Esta fermosa obra é a segunda da colección “Contos do oriente e do mediterráneo” e está impresa en formato álbum con magníficos debuxos en tinta azul. O propio limiar do texto é significativo do que atoparemos nas súas páxinas “A contestación feminina non vén de París”. Fátima Mernissi afirma que na cultura tradicional marroquí existe unha ampla contestación á supremacía do home. Esta protesta é sutil, turrona e aparentemente submisa. Baséanse na aparencia para facer respectar os seus valores pero sen grandes e estridentes berros liberadores. Co peso dun movemento de pestanas. Saca a propia autora a colación o marabilloso relato de relatos “As mil e unha noites” do que falaremos algún día. Nel Shahrazad consegue manterse con vida gracias á forza da súa intelixencia e ó poder da súa narración. Como nese caso, en “Aixa ou o fillo do rei ou ¿quen pode máis, o home ou a muller?”, a protagonista Lal-la Aixa logra impor o seu pensamento a partir da intelixencia, da perseveranza e do amor, agochados todos estes baixo un veoo de submisión.



Aixa, filla de carpinteiro, e o fillo do rei inician un xogo de seducción no campo verbal baseado na insinuación e nos retos.



¡Sidi Mohammed, fillo do rei,


ti que estudiaches o Libro de Alá,


dime cántas estrelas hai no ceo,


peixes na auga


e puntos no Corán!



Este xogo aparentemente inocente vai derivando nunha guerra aberta de sexos que chega a límites dificilmente tolerables na cultura occidental tradicional como é unha sodomía, varios enganos e unha prisión nunha cela do soto do pazo real. Pero na súa lideira os mozos depositan a maxia da súa atracción e Aixa supera todas as probas posibles.



Aixa a maqhora,


Habitante da matmora,


¿quen pode máis,


o home ou a muller?



A muller, Señor, respondeu ela unha e outra vez ata que a súa obstinación lle permitiu, cun intelixente xogo de misterios e enganos, logra impor a súa vontade. O seu triunfo foi a victoria da teimosía, da sensualidade e da intelixencia. A victoria da muller árabe que latexa debaixo do veoo. Unha victoria que nós, occidentais, non sempre comprendemos.



Non á guerra



Nunca máis



Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org