culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

El é un veleiro

Conta Anxo Quintela que, cando representaron "A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos" en Noia, a pel púxoselles de galiña e a voz quebrou o aire. Conta Lola Arxóns que esta semana, o biorritmo anda un pouco alterado por mor dos actos e que o corazón navega magoado polos recordos. Contan Sofía e Lois que estes días os amigos son máis amigos ca nunca e que se senten un pouco desbordados ante tanto cariño popular. Conta Xosé Agrelo, entre risos, unha ducia de anécdotas do Avilés máis trasno da Coruña. A presencia do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2003 resulta case tanxible e, por iso, este 17 de maio é o máis emotivo dos últimos anos. Velaquí o gran mérito da súa obra viva.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O Consello da Cultura Galega acaba de editar un volume dedicado a Antón Avilés no que se recuperan algunhas entrevistas e poemas do autor noiés. Os documentos sonoros, ata o de agora inéditos, recollen a propia voz do poeta recitando os seus versos no ano 1974 en Cali (Colombia) e a alma encrequénase un chisco. Soa na súa voz a saudade da terra, pero tamén unha vontade poética pertinaz. Cre Avilés na palabra e fáinola sentir como algo natural que sae do peito e bota a gabear polas torres no ar. “Non é vento: son as crinas no ar.”.

A súa cadencia e a súa forza chegan a nós a través das ondas do tempo como náufragas do destino que non atopan acubillo onde repousar eternamente. Non existe un recuncho estanco para Antón Avilés. A súa é a ría de Noia e a presa de terra de Boa en que prendeu raizames para o futuro. A súa é a patria que quixo tecer para Galicia. A súa é a permanencia na memoria. Por iso tanto Sofía, coma Lola, coma Pepe, coma Xerardo, coma Lois, coma Ana, coma Xavier falan de Antón Avilés en tempo presente. Coma se nunca marchase. Coma se aínda estivese cada noite na barra da taberna convidándonos a un viño de versos e empanada de vieira. A súa pegada poética e vital transcendeu a frialdade dos libros esquecidos no andel das bibliotecas para facerse de carne e salitre. E resulta emocionante celebrar un Día das Letras en que os ollos aínda se enchen de escuma cando alguén nomea un verso.


O que amou, queda


O que foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega segue a recitar “Meu fillo: meu carballo pequeno,/ gomo da canle vertebral/ semente miña aberta na saudade...”. Aquel que construía torres no ar rosma cara ás ondas “Se solto a voz no mar, volve-se ceive,/ medra no vento, e vén/ desde unha hora antiga, ainda diáfana,/traendo a miña voz doutras idades”. O home que creu na patria galega berra dende o horizonte: “¡hai que romper, romper agora!”. O amigo que quixo a Urbano Lugrís espalla saudades “hei de cantar en silencio/ o tempo non se escoita”. O herdeiro de Lela da Pastora chora os lamentos da nosa ribeira aldraxada “Venme do fondo o mar, das altas furnas/ onde agorgulla o embrión da vida:/ como alenta unha rosa e se desata/ o seu casulo no fragor do tempo/ asi o mar me reclama, rompe as trabes/ pra chegar espido de murallas”. O monarca lírico do Barbanza baila “Ainda soa na memória do mar/ o corno címbrico/ brillan escalibroes, lóstregos na man dura dun rei antergo/ e a sua copa de ouro”. O que sementou cerdeiras rega “Sangue callado. Terra escura, terra/ tan clara e perfumada/ que o corazón do home non ten lindes/ dentro da túa luz”. O que quixo profetiza “A luz de abril: a terra xeme/ de sazon, entreabre/ o fondo sulco do amor/ e canta”. Quen moito amou, queda. “Os que amades o mar vede-o no vento, ergueito/ alzado na sua mesma fermosura, navegando/ na propia liberdade. Eis o seu triunfo”.



Non sei cómo celebraredes vós o Día das Letras. Eu estarei cos meus veciños participando na segunda Mostra de asociacións do Concello de Valdoviño e, polo baixo, andarei rosmando os versos de Avilés co eco marabilloso de Ana Romaní: “O pé do mariñeiro é de natural ancho/ esparrado nos dedos, afeito a apousentar/ a sua planta polo mol da area. O tacto/ tan sensível que coñece cando pisa na solla, / no pelouro, no argazo, no trabote. É unha sonda/ a transmitir o estado do mar: temperaturas/ fluxos, escamallos. Barómetro do tempo. Sinal/ de fartura de peixe, ou de se houber/ mar de fondo máis afora da ria./ O pé do mariñeiro é outro cantar...”.



Na mente terei a toda a xente de Noia que loitou para que este 17 de maio sexa a gran festa de Avilés, a gran festa da palabra de mar: “É un veleiro/ e navega nas rotas que tece o corazón”.



Mil primaveras máis


Mareas negras, nunca máis

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org