culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A luz dos cadáveres incógnitos

Granada ten o sabor acedo do cadáver de Lorca e os seus máis de oito mil mortos durante a guerra civil española. As súas sombras camiñan e pérdense polas rúas estreitas do Albaycin e do Realejo sementando pingas de sangue no empedrado. Os seixos dos ríos Genil e Darro (“uno llanto y otro sangre”) incomodan o andar e metaforizan a dor dunha cidade que agocha, nos ecos flamencos das covas do Sacromonte, un laio desesperado polas feridas da súa memoria histórica. Nunha foxa do barranco de Víznar, os granadinos choran as víctimas que carecen de lápida porque elas fican, penduradas do aire, polos recunchos mestizos de Granada.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A uns dez quilómetros de Granada atópase o barranco de Víznar, preto dun lugar que os antepasados árabes chamaron "a fonte das bágoas’’. Alí foi fusilado Federico García Lorca o día 19 de agosto de 1936 (dous días despois da súa detención) ó pé dunha oliveira xunto cun mestre e dous anarquistas. Din que a súa condición de “poeta popular” e, sobre todo, homosexual, fixo que os seus executores se asañaran especialmente con el. Din que lle cuspiron e lle deron patadas. Din que o seu cadáver permaneceu sen soterrar durante días e que o po, as flores e as sementes do aire acubillaron a súa sombra. Ninguén viu o seu corpo e, por suposto, non lle practicaron ningunha autopsia polo que a morte do poeta andaluz encádrase nun limbo de conxecturas. ¿Que pasaría se Lorca non morreu naquel vil fusilamento? ¿Que acontecería se fuxise e cambiase de identidade? ¿Que pasaría se o autor de “Yerma”, de “La Casa de Bernarda Alba”, de “Doña Rosita la soltera o el lenguaje de las flores” continuase vivo?

Este é precisamente o argumento dunha película estreada en xaneiro de 2003 dirixida por Miguel Hermoso e guionizada por Fernando Marías. “La luz prodigiosa” conta a historia dun pastor andaluz que recolle a un home ferido por tiros de bala nun fusilamento e que os fascistas deron por morto. A víctima, en estado semivexetal sobrevive á barbarie e, moitos anos despois, o pastor volve atopalo. Trátase dun mendigo que vaga, sen memoria, polas rúas de Granada e que malvive gracias á caridade dos veciños. A sospeita xorde: ¿é se ese home fose Federico García Lorca?


Crible ou non este argumento, debo recoñecer que a presencia de Lorca nas rúas de Granada resulta mesmo tanxible. “Se ven desde las barandas,/ por el monte, monte,monte/ mulos y sombras de mulos/ cargados de girasoles”. Corre o seu airiño perfumado polas rúas arabescas do Albaycin, cruza a Porta Elvira, mestúrase no balbordo dos arredores da catedral e do mercado da Bib-Rambla, saúda ás xitanas quen lle regalan un cravo e arrastra a súa estirada melancolía polo Paseo dos Tristes, ó pé da Alhambra. Gústalle a Lorca subir a Costa de Gomérez, aceptar o romeiro das mulleres de negro que lle prognostican un futuro incerto e difuminarse nos xardíns do Generalife.

Palabras gravadas en muros de mercurio

Arrecende o seu espírito a cipreses, magnolios, laranxeiras e petunias. Asubía Lorca o romancero nos estanques de auga onde o seu corpo lanzal non se reflicte nunca. “Silencio de cal y mirto./ Malvas en las hierbas finas./ La monja borda alhelíes/ sobre una tela pajiza”. A Alhambra garda dentro do seu bandullo de barco o retrouso de autores que quixeron homenaxear a súa beleza arquitectónica, case mística. Sen embargo, nin Washington Irving, nin Juan Ramón Jiménez, nin Francisco Alarcón de Icaza lograron que a súa pegada quedase tan gravada nos muros de mercurio da cidadela como a voz de Lorca.“El mar baila por la playa/ un poema de balcones./ Las orillas de la luna/ pierden juncos, ganan voces”. Hai na noite de Granada un cheiro especial. Preside a Al-hamra dende seu trono nazarí calquera pensamento, calquera dúbida, calquera incerteza que nos busca no trafego do sur. “Su luna de pergamino/ Preciosa tocando viene,/ por un anfibio sendero/ de cristales y laureles”.


Baixo o firmamento de estrelas, Federico lamenta a súa sorte e a dos seus oito mil veciños arrombados polo esquecemento do presente. Non hai xustiza para as víctimas da guerra civil namentres os seus corpos permanezan amoreados en foxas comúns onde non caben nin nomes nin apelidos. “Por el cielo va la luna/ con un niño de la mano”.
Unha que é moi ignorante nas cousas da vida non acerta a entender por qué Joaquín Sabina refuga nas súas cancións que o seu futuro cadáver permaneza “en el sur donde nací” e prefira “pongamos que hablo de Madrid”. Incomprensible.

Ó abandonar a cidade do sur e atravesar Despeñaperros, a alma esgázase e un anaco foxe para sempre á Horta de San Vicente para facerlle compaña a García Lorca: “No me recuerdes el mar/ que la pena negra brota/ en las tierras de aceituna/ bajo el rumor de las hojas”. Milleiros de cadáveres velan dende un barranco de Sierra Nevada as nosas saudades.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org