culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Poesía asediada

A poesía prepáranos chineiros en que manter os alimentos do espírito ó fresco en canto as bombas esgazan as miradas. Hai versos como almofadas en que deitar a alma namentres o corpo agarda a chegada da luz do día. Hai longos poemas en que o asedio a un pobo non converte a poesía nun estado de excepción. Pode, pero non o fai. Emancípase a literatura das atrocidades do ser humano e levita, coma unha sombra, polo seu andar de animal vertebrado. Mahmud Darwix descríbenos dende o asedio da cidade cisxordana de Ramallah, en xaneiro de 2002 ,un longo canto á vida e á soidade da intemperie. Palestina bícalle os beizos cunha pregunta que non quere resposta.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“Encontramos tempo para matalo:/ xogamos ás damas, folleamos noticias nosas/ nos xornais do onte ferido,/ e lemos no horóscopo: este ano/ dous mil dous a cámara sorrirá/ ós nacidos baixo o signo de Sitio”. A chamada Terra prometida das Sagradas Escrituras non sabe cómo soñar coa paz. Soñarase cos ollos abertos ou cos ollos sen pechar. Soñarase coa man estendida ou co fusil no ombreiro. Soñarase con pedras e panos bicolores ou cun helicóptero de tecnoloxía estadounidense sobrevoando os campamentos de refuxiados de Cisxordania. Palestinos e xudeus enfróntanse dende hai máis de medio século nun conflicto tan interminable como sanguento que nos últimos anos chegou a niveis de tensión sen precedentes. A escalada de violencia, marcada ó ritmo das campás que tanxen a morto, non cesa de medrar e os abatidos nun e noutro bando latexan no chan poeirento nun dos berces da civilización. No balance das inxustizas e hipocrisías da diplomacia mundial hai dúas pesas que escachan calquera equilibrio. Son as lousas palestina e saharauí quen, por cuestións de índole económica, deberían vagar, coma ánimas en pena, polas conciencias de calquera ser humano. Os mortos palestinos dos últimos días obrígannos a volver a ollada sobre esa franxa de encrucilladas históricas onde relixións, pobos e historias se mesturan con virulencia asasina.


O asedio en Ramallah


Mahmud Darwix é tal vez un dos poetas árabes de máis sona internacional polos seus premios no eido poético e na loita pola paz. Coordinador da revista cultural árabe “Monte Carmelo”, este palestino escribiu numerosos poemarios dende os anos sesenta que foron tecendo un pano en que o ser humano se laia pola súa propia condición inhumana. “Os paxaros morren en Galilea” (1970), “O fénix mortal” (1995), “Asedio elexíaco ó mar” (1983) e o último “Asedio” (2003) non poden nin deben deixar indiferente porque, neste caso, a condición de poeta mergulla no océano de asfalto dun cidadán choído nun país oprimido. E a poesía supera o estado de excepción para se converter nun canto elexíaco en que, como di a traductora ó español, Luz Gómez, nace un libro raramente esperanzado. “Á poesía: Cerca o teu cerco”.



O asedio que o propio autor viviu na cidade cisxordana de Ramallah durante a dura ocupación israelí de xaneiro de 2002 serviulle de encontro coa literatura na que o ser humano sae mal parado ante as inquedanzas dos aloumiños de paxaros de letras que estenden as ás. Para voar lonxe do cerco. Dialoga o escritor coas nais, coas mozas, coa morte, co amor, coa paz, cos gardas, cos soldados israelís que secuestran nunha franxa de terreo árido os soños dunha nación. “Baixo asedio, o tempo faise espacio,/ fósil eternidade./ Baixo asedio, o espacio faise tempo,/ cita esquecida”.

As imaxes dos nenos envoltos en panos bicolores que lles zorregan pedras ós soldados israelís. Os atentados suicidas na franxa de Gaza. As incursións das tropas israelís en campos de refuxiados e demolición de edificios de vivendas para castigar a supostos líderes da Intifada. Un israelí que rega o xardín nos terreos ocupados namentres unha nai palestina non ten ónde coller auga para darlles de beber ós seus fillos. A explosión na estación de tren de Kfar Saba ó norte de Tel Aviv. Un cámara de televisión palestina asasinado en Nablús. Ataque aéreo israelí sobre Gaza para impedir posibles ataques de terroristas palestinos. É a miseria máis absoluta do ser humano. E Darwix loita pola lexitimidade da súa existencia no pasado e no futuro do lugar que o viu nacer: Palestina. O seu diálogo co pasado ten arelas de permanencia no futuro. “Ó asasino: Se viras o rostro da víctima/ pensaríalo, lembrarías a túa nai na/ cámara/ de gas, liberaríaste da razón do fusil/ e cambiarías de idea: ¡así se recobra a identidade!”. O asedio físico trócase asedio moral. Xorden moitas preguntas do home cara ó seu pobo e viceversa. Dialoga Darwix co tempo, co espacio, coa paz, coa súas bandeiras de identidade nacional, cos mitos, cos soldados que encadran con ollos ameazadores calquera punto de mira do obxectivo. Sempre hai un gardián que espreita. Conscientes da súa presencia “Sós, estamos sós ata a náusea/ por toda compaña as visitas do arco da vella”. Segue habendo lugar para a poesía no asedio.




Coincido con Noam Chomsky: a solución ó conflicto árabe-israelí é o problema.



NUNCA MÁIS




NON Á GUERRA

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org