culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

¡Vede a roseira nos acantilados!

A primavera é fermosísima en Noia. A feira dos domingos onde as mulleres ofrecen o cebolo e as flores a prezos exiguos resulta un magnífico lugar para o encontro cos noieses que pasean o seu espírito vilego. O seu orgullo de vila medieval. Estes días Noia está, se cadra, moito máis fermosa. O recoñecemento a Avilés de Taramancos co Día das Letras Galegas 2003 enche de satisfacción ós amigos e ós veciños do autor. O pasado 6 de abril, aniversario do nacemento de Antón Avilés Vinagre, fallouse o premio de relato de aventuras que leva o seu nome no que dous barbanceses foron recoñecidos ex aecquo co galardón. Xosé Agrelo e Francisco Antonio Vidal Blanco ergueron as velas literarias en dúas singraduras mariñeiras que homenaxean a memoria do creador de Taramancos. A homenaxe da palabra de mar.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Podería falar hoxe das dúas obras premiadas no Certame de relato de aventuras Avilés de Taramancos que se fallou días atrás en Noia. Podería contarvos as marabillosas aventuras nas que Xosé Agrelo nos embarca literariamente co relato “Rumbo ao Maluco”. Podería falarvos de Antón Varela, Antón de Noia, o grumete de quince anos que no século XVI viaxou na expedición de Magallães na procura do paraíso das especies. Podería contarvos as fermosas descricións da Fanequeira de Noia, de Sevilla, de Sanlúcar de Barrameda, de Río de Xaneiro ou da entrada no mal chamado Océano Pacífico. Podería salientarvos o valor documental deste traballo. E podería, sobre todo, emocionarvos coa expresión de satisfacción de Xosé Agrelo ó saberse premiado polo certame que leva o nome dun dos seus grandes amigos. Pero non vou facelo.



Podería falarvos de “O botín da inmortalidade” de Francisco Antonio Vidal Blanco, da súa precisión na linguaxe técnica mariñeira, das descricións das paixóns amorosas, dos celos, das loitas de barcos na ría de Arousa, da camaradería entre dous homes que se rompe por mor dunha muller... Podería dicirvos que é unha historia de aventuras “exteriores” do máis puro estilo bucaneiro e, tamén, aventuras “interiores” en que a bagaxe dos sentimentos convértese nos remos que moven o transcorrer dos acontecementos. Pero non vou facelo.



Última fuxida a Harar


Hoxe vou falar do poemario de Antón Avilés “Ultima fuxida a Harar”, premio da Crítica galega con carácter póstumo en 1992. A Casa da Cultura de Noia acolle estes días unha exposición do manuscrito, magnificamente ilustrado, do que souben por primeira vez gracias a Lola Arxóns, amiga de Avilés e unha das responsables de “Casa da Gramática”. Esta derradeira creación reúne os poemas escritos á man nunha carpeta que contén 76 follas de 32,5 x 45,5 cm e 18 de 20,5x50 cm. Non só hai palabras. Nas láminas de “Última fuxida a Harar”, que Avilés concluíu nas mesmas portas da morte, hai poesía e hai imaxes, uns debuxos magníficos do propio autor que nos comunican tanto como as estrofas. Hai, en definitiva, creación no estado máis puro. Íspese Avilés de artificios nesta obra na que a sombra do pasamento tingue de futuro os seus versos. Asume a natureza do ciclo vital con tal naturalidade que mesmo doe. Todo o poder telúrico da terra e a admiración pola natureza toman corpo nuns poemas en que o cadáver permite a vida: “Alí estou eu de morto/ dando vida ao que nasce,/ son átomo e son célula que se abre a cantar/ e dá-lle corpo á rosa, dá-lle ao verme o vigor/ de volver-se crisálida e de logo voar.”



Nas tres partes en que se divide a obra (“O cazador no escuro”, “Silva de vária fermosura” e “Crónica de antigos reis”) e os tres apéndices correlativos (“En-psalmos para escorrentar a besta”, “Cruxol de amor e cofre dos olvidos” e “As armas e os barões assinalados”) encontramos elementos recorrentes na poética do autor de Taramancos onde acadan, se cadra, un clímax significativo. O asombro da vida no limiar da morte, a presencia do río, a pegada de Colombia, o soño de Ulises, as torres do ar, a forza da avoa Pepa da Pastora, a patria, a ira nacionalista, o mar, a terra ou o tempo reflectido no espello da vida mestúranse neste poemario de forza dificilmente descritible. As ilustracións alumean a beleza da catarse vital. Cazadores, arqueiros, lanzas de sílex, espadas, monarcas, roseiras, anxos, elementos abstractos, guerreiros de trazos prehistóricos e, sobre todo, bolboretas: “O poeta é un cazador alucinado/ Atrapa a verba, atrapa a bolboreta/ que se queima en faíscas decontado; atrapa mesmo un soño de poeta”. O seu carácter elexíaco queda totalmente consumido polo arrouto vital de cada verso e as últimas palabras non deixan lugar a dúbida: “¡Hai que romper, romper agora!”.


As imaxes



Non podo falar de “Rumbo ao Maluco” nin de “O botín da inmortalidade”. Estes libros sairán proximamente na editorial Toxosoutos, probablemente ilustrados (ou esa é a intención dos editores) e, daquela, teremos oportunidade de comentar polo miúdo estas que son, sen dúbida, dúas grandes obras de aventuras de estilo clásico. Permanecen aínda eivados pola falta de imaxes e elas teñen moito que dicir sobre o libro final. Sobre os propios textos. Por iso me gustaría que se editase en edición facsímile “Última fuxida a Harar” de Antón Avilés de Taramancos. Porque cos seus debuxos pódese comprender a totalidade do seu labor creador e as dimensións, tan inabranguibles como o horizonte, da súa alma galega. Da súa alma americana. Da súa alma universal.



NON Á GUERRA. NUNCA MÁIS


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org