culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Palabras en pé de guerra

A perversión da linguaxe é un dos grandes males da Humanidade dende o inicio dos tempos. Parece unha esaxeración. Sen embargo, debemos ser conscientes de que, no nome da palabra, xustificáronse as maiores agresións do home contra o home. A demagoxia nos discursos e as explicacións máis absolutamente hipócritas están a caracterizar un conflicto bélico que, máis que unha guerra e no nome da pureza da palabra, deberiamos denominar masacre.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Estou absolutamente en contra da guerra. Creo que xa o repetín varias veces pero non está mal reiteralo nun momento en que xorden en Internet tantas listaxes de patriotas e antipatriotas estadounidenses. Non son unha patriota estadounidense e non teño medo, por fortuna, a podelo expresar en voz alta. Isto si acontece no país onde se gaban de seren o estado máis democrático do mundo. En fin. Quería falar hoxe do poder da palabra en si mesmo para dicir, para mentir, para agochar, para ilusionar. As palabras non as leva o vento por moito que algúns queiran esquecer afirmacións previas, desmentidos e outras moitas aberracións. A palabra está aí, é viva e ten poder por si mesma. Por iso doe tanto atopar a políticos que, no nome da palabra, atentan, confunden e menten. Porque a palabra garda significado por si mesma, ten unha orixe e un sentido e non se pode dar voltas e reviravoltas sobre absurdos ata chegar a desvirtuar o seu significado inicial. Porque ¿quen pode explicar o significado de “guerra preventiva”? ¿quen pode falar friamente de víctimas por “danos colaterais”?



Camuflar as verdades con palabras, agochar os significados con roupas de letras indoloras supón unha das grandes maldades da política mediática da guerra. A mesma batalla que se está a desenvolver nas televisións para a emisión ou non das imaxes de feridos e presos debería levarse a cabo cos discursos. Distorsionar a mensaxe en favor de que a verdade non doa na opinión pública mundial debería ser delicto. Sen embargo, e ante a cantidade de víctimas deste novo conflicto iraquí, parece absurdo o delicto da mentira. Se non se atende a delictos de sangue e a convenios internacionais para o tratamento de víctimas de guerra e refuxiados para qué imos falar do poder da palabra. Do poder de mentir e de agochar a verdade. Do poder de perverter e de darlles a volta ós significados. Do poder da demagoxia e do asalto maquiavélico á liberdade de expresión do outro. Cando nunha comparecencia de prensa ocupa máis tempo a condena a uns rapaces que lle tiran un par de ovos a un edificio público que o lanzamento de 1.500 mísiles nunha hora sobre Bagdag, entendo que o respecto á palabra foi absolutamente violado. E a perda do significado da palabra ratifica aquilo que os asasinatos fratricidas están a demostrar verbo do ser humano: a nosa condición de animais carentes de conciencia.



Alba de Mulleres




O poder da palabra é precisamente unha das pegadas que marca profundamente o libro “Alba de Mulleres”, escrito por Carmen Blanco e con ilustracións de Sara Lamas, editado por Xerais neste 2003. O libriño, cunha edición moi coidada e imaxes cargadas de poder simbólico garda un significado claro en palabras da autora: “(...) foi a finais dos noventa cando [este texto] tomou forma de alba, ao xeito da ‘Alba de groria’ de Castelao. Como modesta discípula de tan alto mestre quería recoller da súa Alba toda a luz do ocaso da dictadura, para o ocaso definitivo da máis sutil pero non menos dura dictadura do poder sexual, e toda a luz do mencer dos humanos nus con lume no peito para o merecido mencer das mulleres”. Para isto, a escritora fai unha longa enumeración das múltiples e versátiles condicións da muller, dende a labrega á xornalista; dende a irmandiña á boticaria; dende a directora á varredora. Este elenco supón unha aposta polo poder da palabra, polo poder de afirmación da muller, polo poder do seu berro libertario. En días como os que hoxe vivimos é necesario recuperar o poder da palabra como tal; o poder de reafirmación fronte á mentira e fronte ós dobres significados; o poder, en definitiva, da liberdade. As mulleres, as principais víctimas das guerras xunto cos nenos, teñen moito que dicir sobre eses graves conflictos bélicos que sofren en primeira persoa. Pero tamén os homes, civís ou militares, porque a condición humana non entende de oficios nin de xéneros e os mortos, mortos son. Que non nos pervertan o poder da palabra en liberdade.





NON Á GUERRA, NUNCA MÁIS.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org