A burla da grandilocuencia
Xurxo Borrazás vólvenos sorprender cos seus "pensamentos impuros", tal e como fixera con "O desintegrista". A sorpresa abanea entre o desconcerto e a sorna máis aberta da que tanto nos podemos gabar os galegos. Podemos sorrir cun volume que anda no gume entre a realidade e maila ficción con certa burla de nós mesmos. Nun día coma hoxe supoño que se fai necesaria a gargallada. Para non chorar e sentir misericordia e vergoña da condición humana.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
“Pensamentos impuros, abofé. Por moito que me esforce en convencerme do dignamente que os vou ensarillando, son os escritos de Marta”. Así nos resume o propio Xurxo Borrazás o espírito e maila dúbida aberta deste texto esgazado nos neboentos lindeiros do real. Son os escritos do autor que se recoñece en primeira persoa como tal. Pero son os escritos de Marta, a súa compañeira, e os de Xes, e os de Pancho, e os de Farruco, e os de todos os autores precedentes que marcan o seu pensamento, que condicionan o seu modo de vida e a súa idea do mundo e da actualidade. A morte, a guerra, a evolución do home, a creación literaria, a lingua, as viaxes á Lúa, Macondo ou o futuro son algunhas das lúcidas reflexións que o autor carballés nos fornece fuxindo en todo momento da grandilocuencia. Un dos seus personaxes pon en evidencia este desexo tanxible do escritor: “Non te deas tanta importancia, Xurxiño, vas parecer un primeirizo”.
Teño a sensación de que Xurxo Borrazás desmonta con esta obra toda esa absurda montaxe de impostadas seriedades e logra que nos tomemos a nós mesmos un pouco en broma. Vamos, que non somos tan importantes, que un libro é un libro e nada máis. Que non somos o embigo do universo nin cando escribimos nin cando lemos. Que non somos orixinais porque moito do que pensamos e creamos é aprendido. Que o mundo virou demasiadas veces sen nós como para que influamos un chisco no seu xiro sobre o eixo. Arredor de si mesmo. Arredor do sol. Rotación e translación. “Pensamentos impuros” suplica humildade e gargalladas, se non gargalladas un riso pequerrecho coa boca pechada. A burla da grandilocuencia.
A asfixia da arañeira
Hai fragmentos desta obra que me gustaron especialmente. Recomendo con devoción o capítulo 25 no que unha tea de araña se converte na metáfora pola que o ser humano fica atrapado nunha madeixa de intereses e decisións alleas. E tamén outro, o 49. “Un antigo personaxe meu, escritor panzudo, covarde e cheirón, veume coa teima de que nos períodos máis execrables da historia, nas fases máis vergoñentas, é cando as técnicas artísticas progresan e recorren ao experimentalismo e a vangarda. Xustificaba así o seu retiro da primeira liña de combate na guerra da innovación e o risco literarios, nas outras xa nunca se involucrara.
-Faime falta unha boa guerra, Xurxo, un xenocidio realmente besta. Eu fago o que podo pero os tempos non acompañan.
Cría corvos, pensei. Erguinme, estriquei o brazo e co furabolos indiquei cara á porta para expulsar do estudio a este Nerón formalista sen rebaixarme a empatar calquera caste de conversa. Se algún día, e tanxencialmente, tiveramos algo que ver, a partir de agora seriamos inimigos declarados”.
Oxalá cos políticos puidesemos facer o mesmo ca cos personaxes que creamos e que se reviran nun intre determinado da súa vida literaria. Guindalos ó lixo.
Sinto dicir que nun día coma o 20 de marzo de 2003 padezo unha marea de pensamentos impuros cos que calquera relixión me condenaría inmediatamente ó inferno. Non podo evitalo. Hai días en que unha se avergoña profundamente de pertencer á especie humana. E se, aínda por riba, lle sumamos formar parte dunha sociedade occidental no que gobernan certos políticos que saltan por riba da legalidade internacional en beneficio dos seus intereses persoais e económicos, daquela unha xa non sabe ónde agochar a cabeza.
NON Á GUERRA. NUNCA MÁIS
Referencias bibliográficas:
-Borrazás, Xurxo: “Pensamentos impuros”. Vigo: Xerais, 2002.