culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Non no noso nome

Debería falar de literatura. Claro que si. Para iso teño aberta esta fiestra ó mundo dos amigos de culturagalega.org. Pero hai días en que custa moito falar de literatura. Lévovolo demostrando moitos días. Si, o que custa falar de literatura cando a realidade se fai tan dura, tan incomprensible, tan histriónica. Di Miguel de Lira que moitos actores lle botan en cara que se meta coa política. El contesta que desde que moitos políticos se meteron a actores, malísimos, vulneráronse as regras do xogo. Rompéronas eles e non nós. Nós só queremos que nos deixen vivir. En paz. Por iso pedimos que non se asasine. E moito menos baixo o amparo inocente do noso nome.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Resulta difícil comprender os convulsos acontecementos que nos rodean. Unha non entende e, cada vez menos, quere entender o porqué de moitas explicacións que menten máis do que informan. Os rapaces que se concentraron ante a central de RTVE en Madrid proclamaban que os medios públicos agochan armas de desinformación masiva. Non chegamos a imaxinar cánto e todo parece perfilado por unha mente perversa que move os fíos ó seu xeito. Sen ningún xeito. O xornal ABC falaba hai uns días de que os estrategos militares norteamericanos lle encargaran a un importante cineasta de Hollywood o deseño do fondo de pantalla para Washington e Qatar. Queren converter a realidade nunha sorte de filme de alto investimento presupostario, un “Independence day” con actores pésimos que desexan amosarnos as bondades dunha guerra e o malo malísimo que é Sadam. A ONU advirte de que os cartos que se gastarán en iniciar este conflicto bélico que se aveciña coma un tornado servirían para paliar a fame no mundo durante catro anos. ¿Imaxinades catro anos con campañas masivas de alimentos para deter as miserias do corno de África ou de Latinoamérica? O feito de que nos custe imaxinar ese orzamento fainos miserables. Non cremos no ser humano. Non cremos na nosa capacidade para loitar pola xustiza social.


As moscas grandes e azuis dos cadáveres


Hoxe non vou falar de literatura, non porque non crea que a capacidade da ficción de afondar nos sentimentos é bastante máis persuasiva que as cifras con que golpean os medios de comunicación. Os correspondentes destacados na fronte bélica non paran de falar de armas das que a nosa cabeza non pode nin sequera comprender unha dimensión. Porque se a uns se lles esixe o desarme, ¿por que nos detallan con total naturalidade como Estados Unidos acaba de construír unha bomba de nove toneladas de peso que arrasará literalmente o país iraquí? Non entendo ou non quero entender. Un conflicto bélico compréndese só a partir das testemuñas individuais, rostro a rostro, vida a vida, de cada persoa que é asasinada. Non valen os colchóns asépticos das cifras. Por iso quero recorrer ó texto no que un xornalista irlandés do diario “The Independent”, especialista en Oriente Medio, describe o horror das matanzas. O artigo titúlase “¿Saberá Tony como son as moscas cando devoran cadáveres?” e nel afonda nas miserias das mentiras televisadas, nas cousas que non vemos. Nos cheiros a gangrena que non ulimos e nos choros desesperados que non escoitamos. Porque a información televisada funciona como amortecedor da caída. Para que non espante ó espectador á hora da comida, nese escasos minutos dos que dispón libres no medio dunha xornada laboral de oito horas que cumpre rigorosamente para pagar a hipoteca do piso e o colexio concertado dos fillos. Eses escasos minutos nos que se perden milleiros de vidas polas guerras que non denunciamos.


O camiño a Basora


Recollo textualmente algún fragmento do artigo que poderedes ler completo na ligazón que facilitamos ó final: “No camiño a Basora, a televisión ITV filmaba cans salvaxes que desfacían cadáveres de iraquís. A cada momento, unha destas bestas famentas arrancaba diante de nós un brazo en estado de descomposición e saía correndo con el polo deserto: os dedos mortos deixaban sucos na area, os restos dunha manga queimada ondeaban no aire. “Só para documentalo”, díxome o cámara. Claro. Porque a ITV nunca amosaría tales imaxes”. O xornalista fai preguntas retóricas que apuntan directamente, coma balas de fogueo, ó centro do corazón das nosas superficialidades: “¿Acaso George, quen declinou servir ó seu país en Vietnam ten algunha idea de como cheiran os cadáveres? ¿Ten Tony algunha noción de como son as moscas, eses insectos grandes e azuis que se alimentan dos mortos en Oriente Medio, e que paran na cara ou no caderno?” Nós tampouco o sabemos. Pero facemos grandes esforzos para imaxinalo e por iso erguemos a nosa voz para esixir un “Non á guerra” unánime. Non no noso nome.



Estes días Galicia vive mergullada nun curioso fenómeno metereolóxico. O vento do sur arrastra partículas de area fina en suspensión procedentes do deserto africano. Os coches, as rúas, os edificios aparecen cubertos de xabre do continente do Sur, ese do que “orgullosamente” nos mantemos afastados por escasos quince quilómetros. Miro o po e, inevitablemente, soño. Soño que son mensaxes enviadas por nenos saharauís dos campamentos de refuxiados que me agariman o rostro mesturadas coa choiva do ceo. Soño que son mensaxes enviadas por homes e mulleres de África e de Asia que nos lembran que están aí aínda que non os vexamos. Que son tan reais coma nós e que area que nos mancha a pel é a mesma area que a eles lles mancha a pel. Que o mesmo vento que nos acocha os corpos é o aire que a eles lles lambe as casas de adobe, e as haimas, e os templos. Soño que son mensaxes enviadas polo pobo iraquí que nos manda unha aperta fraternal de súplica e de denuncia. O vento do sur trae o eco dos seus berros, eses que nos demandan que non os asasinemos. A area que estes días chega a Galicia quere varrernos a insolidariedade. Oxalá non sexamos cegos nin mudos.



NON Á GUERRA. NUNCA MÁIS.



"¿Sabrá Tony cómo son las moscas cuando devoran cadáveres?" artigo en Rebelión.org



Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org