Os teus personaxes e os teus espacios: Amigo Medo
“AMIGO MEDO” É A NOVELA DAS ESCUSAS. TAMÉN DAS GANAS DE FALAR QUE PASAN OS VELLOS, E DOS SEGREDOS QUE ACOMPAÑAN E TINGUEN A VIDA. O PASO DUN XENERAL REPUBLICANO POR ZAMORA, COA INTENCIÓN DE CHEGAR A PORTUGAL EN XULLO DO 36, SÍRVELLE Ó ESCRITOR XAVIER LÓPEZ COMO ESCUSA PARA CEDERLLE A PALABRA A UN VELLO, QUE TAMÉN UTILIZA O SEU TESTEMUÑO COMO ESCUSA PARA REVELAR UN SEGREDO DE CINCO ESTRELAS E REPASAR EN ALTO A LECCIÓN DA VIDA. O PROTAGONISTA DA NARRACIÓN É UN PERSONAXE QUE GOZA DO ESPECIAL ATRACTIVO DA EXPERIENCIA DOS AVÓS, E DESA SINXELEZA E DEBILIDADE QUE CONVERTEN A UN HOME EN HUMANO. Por Mercedes González
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
“¿Pode un home pasar a maior parte da súa vida amordazado polo medo? Non debe, pero pode, claro que pode. Seino por propia experiencia”, comeza a Cara A da primeira das cintas que o vello utiliza para contarlle a un investigador unha anécdota de adolescencia que o marcaría para sempre. O destino ofrecéralle, para ben ou para mal, o papel de guía do xeneral Caminero, cando este pasou pola súa aldea coa intención de dirixirse a Portugal. Caminero era un xeneral republicano, e eran tempos vestidos de medo e dominados polo instinto de supervivencia. Esa fora a razón pola que o protagonista fixera pública unha obstinada mentira que o facía parecer un heroe entre os mozos do lugar e un mentireiro ante si mesmo.
Escenas de morte, amizade, amor e culpa intercálanse e dominan este relato inicialmente histórico. A morte accidental do seu irmán piquiño, un amor nunca correspondido, unha amizade verdadeira, o amor pola familia. Como a mesma VIDA. O vello ve próximo o seu final e adoece por falar, igual que o seu segredo adoece por saír á luz. “(...) Pero así teremos oportunidade de írmonos acostumando ó frío que nos agarda na cova”, conclúe a derradeira cinta.
LOPEZ, XAVIER: "Amigo medo", Vigo: A Nosa Terra, 2002