culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A morte de Carlos

Hai libros que unha non quere ler porque sabe que, cando os remate, o autor morrerá un pouco máis con eles. Esa é a explicación de por que non quixen ler “O sol do verán” ata onte. Parecíame que, canto máis prolongase a súa lectura, máis prolongaría a esperanza de vida nas palabras de Carlos Casares. Cando leo toda a obra dun autor fico triste, coa sensación de que xa non pode contarme nada máis. Se o autor está vivo agardo cautelosamente a súa vindeira publicación. Cando xa non está connosco trabo na anguria de non poder atrapar historias novas da súa pluma. Sen embargo, con “O sol do verán” a sensación resultou distinta. Sentín que Carlos estaba máis vivo ca nunca. Á fin e ó cabo, a permanencia na memoria dos outros é unha vida tan ou máis real cá outra.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“No pouco tempo durante o cal puiden ver o corpo espido de Carlos, morto e tirado na bañeira, antes de que Arturo me sacase pola forza do cuarto de baño, pareceume que da parte dereita da cabeza do cadáver, á altura da tempa, penduraba un cacho pequeno de óso esmigallado en anacos minúsculos e afiados, igual que se fosen os fragmentos da casca dunha noz que se acabase de partir”. Así comeza “O sol do verán”. Unha, que é especialmente sensible, non pode evitar un arreguizo percorrendo frenético o espiñazo coma un lóstrego. Atopei o libro perdido hai uns días nun andel ateigado de papeis. De socato, lembrei que Silvia mo deixara hai xa medio ano e aínda non llo devolvín. Porque non me atrevín a lelo. Porque non quixen lelo. Porque fun moi covarde. Faláranme tantas persoas sobre el que tiña medo de que me decepcionase ou, cando menos, que non me gustase tanto como desexaba que me gustase a derradeira obra de Carlos Casares. O meu erro de cálculo foi infinito porque esta, tal vez, sexa a obra máis bonita do autor ourensán. Quizais non sexa a de maior valor literario; quizais non sexa a máis significativa do seu tempo; quizais non sexa a máis innovadora, pero é, para min, a máis bonita de todas. Creo que aquí, sen dúbida motivada polas circunstancias, sentín máis claramente ó autor falando entre liñas. E Carlos Casares demostrou en “O sol do verán” a vitalidade e a ilusión do home que foi. Do grande escritor que foi.



A pegada do wigwan



A morte de Carlos provoca en Helena un xogo durísimo de memoria. Lembrar un pasado excesivamente embelecido suponlle fragmentar o presente ata o punto de facelo case insoportable. A desaparición na súa propia casa do que durante toda a súa vida foi o seu mellor amigo resulta un grolo difícil de engulir nun tempo de desánimo e evocación da infancia. Coñecemos a través das súas palabras tan sentidas coma íntimas unha nenez tinguida de comodidades e trasnadas ilimitadas en Beiro, onda ó río. O sol do estío alumea unha obra que quixera ser morriña e non chega a selo. Porque Carlos, por riba da traxedia da morte, consegue sobrepoñer o relato ata o punto de que resulta máis tanxible a alegría e o amor do protagonista que o seu propio fin. Parece imposible, pero faino. Casares descóbrenos a vertixe das viaxes en Harley Davidson na noitiña, a calor na cara dos últimos raios solares, o frescor das ondas do mar e máis a calma do río, ese río que leva, nas súas augas murmuradoras, todos os silencios de familia posibles. As falcatruadas no wigwan, a salvación da Helena clásica e a loita do guerreiro cheyenne pendurado do alto dunha árbore fálannos dun home feliz. Tan feliz que a súa morte convértese nunha consecuencia practicamente inevitable dun destino truncado por xogadas equívocas do destino e das obrigas sociais. Non o odiamos polo que pasou, mais ben sentimos mágoa da súa dor e da súa incomprensión. Pero sorrimos porque foi feliz e iso abóndanos para amar a Carlos. Porque nos deixou pingas do seu optimismo en cada páxina desta novela póstuma. Carlos, o protagonista. Carlos, o autor.



Agora que veñen as homenaxes, refuxiámonos na súa obra para superar os límites estrictos do cronos. Resulta máis doado de levar así. Evitamos as flores de defuntos e ficamos arrolados polas historias que el nos regalou, por esas palabras que nos espreitan dende os tomos que repousan no salón e na memoria. A Literatura. O único que nos queda. Unha tarde de inverno no metro de Madrid lin un texto, e desculpade a miña efémera memoria, porque non reparei nin no autor nin no ano. En verdade, non entendo que facía un texto así pendurado daqueles paredes frías e lúgubres dun tren soterrado de domingo. Pero o papel miroume e, no medio daquelas olladas limpas de emigrantes, conseguiu que me fixase nel. Creo lembrar que dicía algo así como “Marcha a música, a poesía e incluso as lembranzas pero as cartas de amor serán a única literatura que nos quede...”.



“O sol do verán” é unha carta de amor infinita.



REFERENCIA BIBLIOGRÁFICA:



Casares, Carlos: “O sol do verán”, Vigo: Galaxia, 2002



NON Á GUERRA, NUNCA MÁIS






Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org