culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Ai Sálvora, ai San Vicente

Antón Riveiro Coello acaba de agasallarnos cun relato curtiño con tanto salitre que proe nos beizos encarnizados de berrar. Na Porta do Sol. Nos autobuses. Fronte ós televisores. “A canción de Sálvora” fálanos de soños, de Américas e de océanos bravos nun tempo no que a esperanza é o único salvavidas posible. Quen nos dera unha man que nos erguese deste naufraxio. Quen nos dera un abrazo amigo para escorrentar esta intemperie ecolóxica e sentimental. Quen nos dera ter tantos azos coma Riveiro Coello nesta historia que cospe xerfa de futuro e argazos de fe.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A historia “A canción de Sálvora”, que acaba de ser publicada en “A Nosa Terra” con ilustracións de Pepe Carreiro, é unha versión ampliada de O mastro dos soños, un relato que forma parte do libro “O cuadrante das sereas”. Suso Paradela emprestoulla a Antón Riveiro, como tantas outras e unha xa non sabe se agradecerlle a obra a Suso ou a Antón. Quizais neste caso o agradecemento sexa máis para Antón por aquilo da súa adopción no Barbanza e non para Suso a quen Ourense, sobre todo os terreos fronteirizos, lle tira moito do corazón. En “A canción de Sálvora” atopamos sal a mancheas, tanto sal como para salgar os nosos cadáveres mortos na artesa da esperanza Alí conservámolos, coma os lacóns ou as costelas de porco (tan devecidos neste tempo de Entroido), para vindeiras reivindicacións. A música de fondo tira tenrura e maxia. As notas de guitarra confúndense cos sons rexos do trebón e quero escoitar o piano melancólico de Novecento.



O naufraxio do Santa Isabel


Baricco soñou melodías enriba do lombo do mar. Riveiro teceunas por debaixo, nesa zona lindeira entre a realidade e a ilusión na que se moven os protagonistas. Hai mar nos trescentos sesenta e cinco graos da novela, tanto mar coma en Sálvora, pero tamén moito desexo de fuxir. A fuxida desesperada dos destinos marcados, a fuxida de derrotas premeditadas, a fuxida dun mesmo como salvación. Cheira a rebeldía e, á vez, a escravitude dun espacio atraínte e odioso. É o mar. Xoán, o protagonista, sofre unha enfermidade que moitos cualifican de “suicida” por mor dos seus antecedentes familiares. Pero a doenza de Xoán é outra, un andazo que o atrapou a noite do naufraxio do Santa Isabel, un vapor correo con douscentos sesenta e nove pasaxeiros procedentes do norte da península con destino a Cádiz. Os viaxeiros procuraban América, un lugar onde converter en realidade os seus desexos de mellora económica. Pero os cons de Pegar quixeron truncar o seu soño e alí, no contorno rochoso de Sálvora, o barco encallou por mor da brétema e da bravura dun océano indómito. Xoán acudiu ó rescate das víctimas sen saber que ese ía ser o inicio do seu propio naufraxio. Os límites dos feitos e da ficción mestúranse creando un mundo de alfándegas neboentas. A literatura aprópiase aquí do bafo frío da néboa do mar e convídanos a soñar, apoiada nas evocadoras imaxes de Pepe Carreiro. E estimúlanos para rachar os destinos ós que, ás veces, o devalar das obrigas pretende abocarnos. Parece posible agardar.




Nestes tempos de entroidadas, de formigas, de comadres, de larpeiradas e de peliqueiros, cómpre non esquecer o cheiro do mar. Os disfraces non deben arredarnos da realidade senón que deben servir para criticala, para desmitificala, para cuspirlle á cara. Coma no libro de Riveiro Coello, non existen destinos que non se poidan burlar. A plataforma contra a Burla Negra sábeo ben. Non hai navíos piratas nin bucaneiros que poidan permanecer inmunes ante tanta barbarie. O poder da vontade das persoas é máis que suficiente para devolverlle a dignidade a un país.






"Una gran marea humana exige en Madrid responsabilidades políticas por el Prestige La Voz de Galicia, Luns 24/02/03




Nunca Máis.










Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org