culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O abecedario da guerra

Non á guerra. Ese é o sentimento popular, por moito que algunhas persoas de mirada estrábica sexan incapaces de focalizar a súa ollada no pobo e insistan en espreitar cara ó outro lado. Cara ós Estados Unidos, cara ó poder económico, cara ás mafias. A guerra por intereses petrolíferos doe máis cando non logramos aínda rabuñar o chapapote que día a día, segue a lixar o noso litoral. Pregúntome que lle pasará pola cabeza a un rapaciño do exército que, despois de levar varios meses en Fisterra coa marea negra como única paisaxe e como único cheiro, teña que sumarse ás forzas que ataquen Irak. Para salvagardar o todopoderoso prezo do barril de cru. Cómpre volver á literatura ambientada en conflictos bélicos para darnos de conta da dor, da miseria, da catástrofe dunha guerra. Algún gobernante que só entende de números debería asomarse ó rostro das víctimas inocentes. E chorar pola súa falta de ética.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Resulta cando menos ferinte falar de guerra do petróleo. Poderiamos cualificar de insultante, temeraria, soberbia, intransixente, antidemocrática e totalitaria a actitude do goberno español. Poderiamos facelo pero nada sería máis ilustrativo que as caras e os berros da xente do mundo da cultura berrando ante o Congreso español ¡nunca máis á guerra! Circula por Internet unha mensaxe dunha coalición de grupos pacifistas canadense denominada Rooting Out Evil que anuncia a súa intención de enviar un equipo internacional de inspectores de armas voluntarios ós Estados Unidos. Este grupo argumenta a necesidade de examinar ó país americano xa que, segundo dixo George W.Bush, as nacións máis perigosas son aquelas que “teñen inmensos depósitos de armas químicas, biolóxicas e nucleares; ignoran as directrices da Organización das Nacións Unidas; néganse a asinar tratados internacionais e chegaron ó poder por medios ilexítimos”. En definitiva que Estados Unidos vulnera calquera norma para a seguridade internacional.



O conflicto en Oriente Próximo


Aznar renuncia a escoitar as voces contrarias ó conflicto en Oriente Medio e turra por levar adiante unha campaña que o consagre como amigo das doutrinas de Bush. Qué insensato. Pregúntome se algunha vez pensa cara a cara, e non como número, nos mozos (practicamente nenos) que envía á fronte a loitar por unha política económica que non entenden. Pregúntome se mira o rostro dos refuxiados, dos tolleitos por minas ou bombas, dos mortos por falta de medicinas ante o bloqueo. Pregúntome qué quere demostrar arrasando un estado. Pregúntome qué opina das consecuencias postraumáticas en moitas familias por mor das situacións bélicas. Creo que non opina porque nin o sopesa. Na súa romana de valores pesa máis un barril de cru que milleiros de persoas.



Persoalmente, non me valen as cifras, nin as imaxes por ordenador con supostas armas, nin tan sequera os acenos alarmantes de Bush ou Colin Powell. Non entendo de números, pero si entendo os rostros, os silencios, a dor. Resulta completamente diferente imaxinar os efectos dos conflictos que velos cara a cara. Nese sentido, a imaxe bíblica de Tomé metendo os dedos na chaga para poder crer, é absolutamente certa. Nunca saberemos o que se sofre. Nunca. As páxinas de xornal e as imaxes da televisión crean unha distancia emocional moi saudable para as nosas conciencias. Impactan, pero non mancan. Son relatos asépticos, desposuídos de sentimentos que nos permiten saír á rúa coa cabeza ergueita. Creo que cómpre achegarse á realidade dende a literatura, por moi incongruente que isto pareza. Achegarse dende os sentimentos, dende as emocións, dende o interior gangrenoso da miseria. Non existen realidades obxectivas nin asépticas nas guerras. Non se pode falar de víctimas como números senón con nomes propios, persoas que desaparecen para sempre por obra e gracia de vontades internacionais que nunca entenderon. Que probablemente nin saiban que existen.



“Os cus de Judas”



As coincidencias fixeron que hai unhas semanas Dolores Vilavedra me regalara o libro “En el culo del mundo”, unha traducción ó español de “Os cus de Judas” , escrito por António Lobo Antunes e publicado por primeira vez no ano 1979. Esta traducción, feita por Mario Merlino e publicada en Siruela, achéganos o cheiro profundo a suor, humidade e pólvora da África portuguesa. É a guerra de Angola, unha guerra que, coma Mozambique e Guinea constituíu un dos últimos conflictos coloniais. As feridas abertas por Europa no continente do sur seguiron sangrando ata antonte. A memoria continúa supurando as lembranzas amargas de cheiro a xofre e lume que os portugueses mobilizados non conseguiron esquecer. Esta é a novela que, curiosamente, se estructura en capítulos encabezados progresivamente polas letras do alfabeto. O abecedario dos sentimentos máis duros. Por boca do protagonista, un médico que dialoga (en realidade, monologa) cunha muller coñecemos en profundidade a cor pestilente da fronte bélica. “Aí, durante un ano morremos a morte da guerra, que despoboa de socato a cabeza cun estrondo fulminante e deixa ó seu redor un deserto desartellado de laios e unha confusión de pánico e de tiros, senón a lenta, aflixida, torturante agonía da agarda, da agarda dos meses, a agarda das minas no carreiro, a agarda do paludismo, a agarda do cada vez máis improbable regreso, coa familia e os amigos no aeroporto ou no peirao, a agarda do correo, a agarda do jeep da Pide que semanalmente pasaba camiño dos informadores da fronteira, traendo tres ou catro prisioneiros que cavaban o seu propio foxo, encollíanse alí dentro, pechaban os ollos con forza e se derretían despois da bala coma un flan que se cae, con pétalos de flor vermella de sangue medrando na testa...”. Non só é o terror da morte, senón as cicatrices que nunca pechan no retorno a Lisboa, os infernos das noites en vela, os pesadelos que se repiten amargamente na luz e na sombra, dos rostros que non foxen nunca. A guerra. Que isto non volva ser presente.



BIBLIOGRAFÍA:


-Lobo Antunes, António: “En el culo del mundo”. Traducción de Mario Merlino. Colección ó coidado de Dolores Vilavedra. Edicións Siruela: 2001


Coalición de grupos pacifistas Rooting Out Evil http://www.rootingoutevil.org




“Nuevas oleadas de chapapote mancharon el litoral desde las Rías Baixas hasta A Mariña lucense” La Voz de Galicia (6/02/03)



NUNCA MÁIS



Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org