Personaxes: Do baobab á señora Lola
Hai algúns personaxes literarios que amo febrilmente e outros que non me gustan en absoluto. O baobab de Neira Cruz vive no xardín dos meus amigos. Os homes das botas de elástico de Ferrín pertencen a outro mundo máis escuro. Estes son algúns deles.
Por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Amo ó principiño pola súa luz serena e porque prefire a intriga das caixas ós años vellos. Espértame unha tenrura absoluta a señora Lola de Males de Cabeza de Fran Alonso porque cheira a tortilla e salitre. Quero un baobab no meu xardín sentimental que me fale da Memoria das árbores de Neira Cruz. Non me gusta o piloto do Principiño porque, coma min, non sabe debuxar. Abráiame o pianista de Alessandro Baricco porque non quixo pisar terra e preferiu o devalar incesante do océano. Odio practicamente a tódalas mulleres de Lucía Etxebarría, exceptuando, tal vez, a Beatriz. Repúgnanme os homes das botas de elástico de Méndez Ferrín e atráenme, con certo noxo, os insectos. Gústanme os paíños de Manuel Rivas, aínda que un pouco menos que o seu lapis de carpinteiro. Amo por riba de todo a Fermina Daza e, dolorosamente, a Florentino Ariza de El amor en los tiempos del cólera. O Pedriño de Castelao éme simpático porque roe as mazás ata o carozo.