Novas | 991 a 1000 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

27/11/2019
Premios da Cultura Galega para Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta e Kukas entre outros

A Xunta de Galicia ven de comunicar a listaxe dos galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Xesús Alonso Montero na modalidade de Letras; a artista e escultora Soledad Penalta (Noia, 1943) na modalidade de Artes Plásticas; a compañía Monicreques de Kukas no Premio de Artes Escénicas; Amancio Prada na modalidade de Música; no Premio de Audiovisual a serie de televisión O sabor das margaridas; a profesora do IES da Pobra do Caramiñal Pilar Ponte Patiño no Premio de Lingua; o Premio de Patrimonio Cultural á restauración do Pórtico da Gloria e finalmente o proxecto Galego en Londres desenvolvido por un grupo de alumnos e alumnas de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, na modalidade de Proxección Exterior, son os merecentes este ano dos premios institucionais que outorga o Goberno autonómico. . Amplía a nova>>

27/11/2019
As películas premiadas no 33 Cineuropa volven ao festival

A 33ª edición de Cineuropa celebrou onte a súa gala de clausura, pero aínda seguirá ata o xoves con proxeccións. De feito hoxe e mañá poderán verse as películas que onte foron obxecto de premios decididos polo público coas súas votacións, dando así unha nova oportunidade de achegarse a ver estas obras seleccionadas de xeito popular. É unha das novidades deste ano, que ademais coincide cunha ampliación dese palmarés pasando a dar ata cinco galardóns, un por sección, ademais dos outorgados polo Xurado Novo. A actriz Iria Sobrado conduciu onte no teatro Principal a gala de comunicación de premiados na que tamén interviron a directora do 33 Cineuropa, Laura Seoane, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Laura Seoane salientou que, nunha edición que tivo o feminismo como eixo transversal, as películas premiadas polo público recoñeceron tamén o traballo realizado por mulleres, con tres de cinco filmes asinados por realizadoras. Cineuropa chegará a súa fin definitiva o vindeiro xoves 28 coa entrega do terceiro premio do festival á actriz Emma Suárez como recoñecemento polo seu traballo. O acto será ás 20.00 horas no Teatro Principal.. Amplía a nova>>

22/11/2019
A XIIª Culturgal busca darlle unha volta aos seus espazos

A vindeira edición da feira das industrias culturais, Culturgal, ven de presentar hoxe o que será o seu programa completo e configuración. A XIIª edición da feira levará como Dálle unha volta á feira en anticipo a un evento que terá importantes novidades. Entre elas destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros, ciencia etc.), Foro (presentacións e encontros profesionais), Carpa (espectáculos, cunha capacidade máxima de 400 persoas), Libro (presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades) e Cinema (traballos audiovisuais e avance dos que virán), ademais do espazo dedicado á arte contemporánea. Así, cos 85 expositores do recinto feiral e os 18 do devandito Espazo Arte Contemporánea, este percorrido busca ofrecer unha panorámica da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns e compañías, entre outras entidades. En canto á representación profesional e artística, Miguelanxo Prado, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Oliver Laxe, Ledicia Costas, Dios Ke Te Krew, Tanxugueiras e Mabel Rivera son algúns dos nomes que figuran no programa desta edición. Finalmente non haberá ese espazo especifico para contidos interactivos e tecnoloxía que se avanzaba o pasado mes de agosto.. Amplía a nova>>

21/11/2019
A Consellaría de Cultura prepara un novo estatuto para a Agadic

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou este 20 de novembro ante o pleno do Parlamento que o seu departamento está a traballar nun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En resposta a unha cuestión do BNG sobre a situación deste departamento, Rodríguez asegurou que a reforma potenciará a súa "transformación e modernización" e permitirá adaptar este ente aos cambios normativos e á evolución do sector.. Amplía a nova>>

18/11/2019
'O que arde' mellor longametraxe internacional no festival de Mar de Plata

A "quinta provincia" galega tamén ven de sumarse aos recoñecementos ao filme máis premiado da cinematografía galega actual. O Festival Internacional de Cine del Mar de Plata, que pecha hoxe día 18 a súa 34ª edición en Buenos Aires, deulle a O que arde, de Oliver Laxe, o seu Astor de Oro á Mellor Longametraxe da competición internacional. Ademais a película engade ao seu palmarés que Laxe e Santiago Fillol tamén foron merecedores, segundo o xurado, do Astor de Plata polo mellor guión desa competición. Cabe destacar tamén a Mención Especial na sección Estados Alterados do festival obtida por Longa Noite (Eloy Enciso), outro filme galego que está a destacar en todos os festivais e pendente de estrea en salas. Segundo os datos máis recentes do Ministerio de Cultura e Deporte, a exhibición en cines españois de O que arde leva recadados 319.270 € en taquillas, con 58.791 espectadores.. Amplía a nova>>

18/11/2019
Álvaro Gago leva a Áncora de Ouro do Curtas Armadiña

O Curtas Armadiña, certame audiovisual que se celebra no Concello de Poio, fechaba este 17 de novembro as portas da súa quinte xeira coa entrega de premios. 16 de decembro de Álvaro Gago, conseguía a Áncora de Ouro á Mellor Curtametraxe nesta edición, mentres Uganda, de Fernando Tato era recoñecida polo público coa Áncora de Prata.. Amplía a nova>>

13/11/2019
A 29 Semana de Cine Submarino de Vigo homenaxeará o realizador Jorge Candán

A contraposición entre as ameazas aos océanos e a beleza que agochan estes espazos é o eixe da vixésimo novena edición da Seman de Cine Submarino de Vigo. O Teatro Afundación acollerá entre os días 20 e 22 de novembro a proxección de sete proxectos audiovisuais coa presenza dos directores Nuno Sá, que comentará o seu filme Mar, a última fronteira: continente e David Álvarez, que presentará O ocaso do rei. A cita que coordina a Universidade Olívica inclúe no seu programa unha homenaxe ao realizador vigués Jorge Candán, campión do mundo de vídeo submarino 2019, de quen se poderá ver o filme O retorno, unha distopía que especula cunha realidade na que os humanos non poden vivir na superficie do planeta. . Amplía a nova>>

12/11/2019
Jiajie Yu Yang revélase como grande vencedor na Mostra de Curtas Vila de Noia

Os premios á mellor dirección e ao mellor filme para Xiao Xian confirmaron o cineasta Jiajie Yu Yang como grande vencedor da XX Mostra de Curtas Vila de Noia, que pechou as súas portas o pasado 9 de novembro. Os galardóns de interpretación do certame, pola súa banda, foron ex aequo para Luisa Gavasa, por María e para Rosario Pardo, por Happy Friday, mentres Antonio Mayáns foi seleccionado como mellor actor polo seu rol en Perdóname.. Amplía a nova>>

11/11/2019
Recoñecementos en Grecia para 'O que arde' e o seu protagonista, Amador Arias

A película O que arde de Óliver Laxe suma e segue no seu paso triunfal polas slas de proxección e os certames. Ademais do éxito que supón para unha película independente e en galego o importante número de espectadores acadados desde a súa estrea en salas en España, superando actualmente os 50.000, o filme segue o seu percorrido en festivais e sacando recoñecementos. Neste caso foi o xurado da 60ª edición do festival grego de Tesalónica, o Thesaloniki International Film Festival que achou na produción a Mellor Longametraxe da súa competición oficial internacional e ademais recoñeceu a interpretación de Amador Arias, o protagonista, co premio ao Mellor Actor masculino. Estes éxitos de crítica e público son bos augurios do que poida pasar coa película de cara aos postos finalistas dos Premios Goya nos que busca opcións en 15 categorías e cuxos finalistas, os dará a coñecer a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España o vindeiro 2 de decembro. O posible protagonismo desta produción independente na vindeira entrega de dos Premios Mestre Mateo do cine galego xa se dá tamén por suposto arestora.. Amplía a nova>>

11/11/2019
A ampla presenza feminina marca os 42 Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica de Galicia deu a coñecer este sábado en Vigo os galardoados na 42 edicións destes galardóns, que recoñecen a "excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia", e que se desenvolveron este ano baixo o lema "Teñamos o valor de darnos o futuro", de Manuel Álvarez Torneiro. Os xurados das diferentes categorías, formados por trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, seleccionaron uns galardóns nos que destacou a presenza feminina. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org