Novas | 851 a 860 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

18/05/2020
A fin de semana das Letras deixa novos contidos sobre Carballo Calero

Os contidos arredor da figura de Ricardo Carballo Calero e para conmemorar o Día das Letras Galegas inzaron as redes durante toda a fin de semana. Documentais como De Carballo a Carvalho, realizado por Aser Álvarez para a Associaçom Galega da Língua puideron verse na TVG e continúan dispoñibles no web da canle. Do mesmo xeito, tamén o xornal ABC publicou un breve documental co título Unas letras para Carvalho. O web do Concello de Santiago, pola súa banda, ten dispoñible a publicación A derrota de Scórpio, obra que propón un roteiro pola cidade a través da figura do homenaxeado. Tamén a Afundación publicou un vídeo animado, realizado por Illa Bufarda, que repasa a traxectoria do veterano galeguista.. Amplía a nova>>

14/05/2020
Reclaman a Cultura unha reformulación do Plan de Reactivación consensuada co sector

O "Plan de reactivación dos sectores culturais e turístico" presentado polo Conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez a pasada semana, segue a recoller críticas por parte de diferentes representacións gremiais do sector cultural. Ás previas contestacións por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e da Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) veñen de sumarse catro novas entidades representativas do sector do audiovisual, a escena e a produción de espectáculos. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA) coinciden nos seus comunicados en sinalar faltas de concreción no Plan da Xunta, exceso de apoio no Xacobeo, ausencia de respostas para problemas moi específicos e unha ausencia de diálogo e consenso co sector nas medidas tomadas desde a administración autonómica. Todos esixen unha reformulación negociada coas asociacións de profesionais afectados. . Amplía a nova>>

14/05/2020
A Deputación da Coruña abre nova liña de axudas para asociacións profesionais culturais

A Deputación da Coruña ven de crear unha nova liña de axudas para asociacións profesionais dos distintos sectores da cultura. As entidades poden acceder á este apoio de financiamento para o desenvolvemento das súas programacións. O orzamento da convocatoria que xa está no Boletín Oficial é de 200.000 euros e as axudas poderán ser de até 30.000 euros. As axudas da área de Cultura do ente provincial diríxense ás distintas entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas e ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais da cultura galega. Asociacións de actores e actrices, de escritoras e escritores, de compañías teatrais, ou de produtoras audiovisuais que agrupen profesionais e agrupacións dos distintos sectores poderán acceder a elas.. Amplía a nova>>

13/05/2020
O ISSGA elabora un informe de medidas preventivas para a realización de espectáculos e eventos

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de elaborar un documento no que se recollen recomendacións preventivas básicas que se deben ter en conta nos servizos e producións de eventos espectáculos audiovisuais ou musicais, xa sexa en recintos estables ou temporais e sempre de acordo coas informacións das autoridades sanitarias sobre o Coronavirus. Este asesoramento técnico do ISSGA préstase a solicitude de Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (AGATEC) que se dotan así dun guieiro para establecer as necesidades loxísticas que puidesen ter para cando sexa posible realizar estes eventos. O ISSGA sinala que se trata dun documento en continua actualización e á espera das guías ou protocolos que ao efecto se poidan deseñar no plan integral para o a reactivación do sector turístico pola Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Estado de Turismo, o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e as autoridades sanitarias.. Amplía a nova>>

12/05/2020
O filme 'La isla de las mentiras' estréase este xoves nunha plataforma en liña da Arxentina

Dúas longametraxes realizadas en Galicia tiñan a estrea prevista nestes meses iniciais do ano. María Solinha de Ignacio Vilar, e La Isla de las mentiras, de Paula Cons veñen de adaptar ás súas "premieres" ás circunstancias. Unha delas xa poderá ser vista en liña desde este xoves e a outra itinerará por concellos de Galicia en verán con proxeccións ao aire libre.. Amplía a nova>>

12/05/2020
A AGAL achega novos contidos sobre Carballo Calero nunha web monográfica

Malia ao traslado ao outono dos actos promovidos pola Real Academia Galega, continúan a aparecer iniciativas para conmemorar a Ricardo Carballo Calero nas proximidades deste 17 de maio. Deste xeito, esta semana a Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentaba o web Carvalho2020.gal, que se reivindica como "o máis completo site" sobre o autor. O espazo na rede recolle artigos sobre o profesor e a súa obra, fichas de toda a súa produción e abondoso material descargable, entre o que está unha colección de unidades didácticas sobre o autor. Ademais, inclúe unha sección dedicada á actualidade das celebracións deste Día das Letras.. Amplía a nova>>

07/05/2020
Os festivais audiovisuais defraudados con Plan de Reactivación da Cultura da Xunta

A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galicia, Proxecta, que agrupa a 16 certames cinematográficos das catro provincias, recibiu "con indignación" o novo Plan de Reactivación da Cultura preparado pola Xunta con motivo da crise xerada pola COVID-19. Así o fixo público a asociación a través dun comunicado expresando a súa postura abertamente crítica na que afirman que despois de semanas de conversas coa Consellería de Cultura, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, comprometérase con Proxecta a un plan global de apoio específico de axuda aos festivais, dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021. Ademais desta axuda adicional eliminada, os festivais de cinema viven na incerteza mentres agardan tamén pola resolución da liña de axudas a festivais de cine e audiovisual correspondente a 2020, cuxo proceso administrativo tivo que ser paralizado por mor da crise da Covid-19. Trátase dunha dotación global de 190.000 euros que deberá repartirse entre os máis de 20 certames que se presentan a esta concorrencia competitiva. . Amplía a nova>>

07/05/2020
A TVG2 emitirá a ópera A amnesia de Clio

A amnesia de Clio, ópera da compañía Voadora que chegou ás táboas o pasado mes de novembro, terá a súa estrea televisiva este 16 de maio. A segunda canle da TVG programa para as 22:45 horas unha emisión da obra composta por Fernando Buide sobre texto de Fernando Epelde, dirección escénica de Marta Pazos e Paul Daniel na dirección musical. Para o día 17, cara á media noite está prevista unha redifusión da montaxe que Voadora coproduciu co Consorcio da Música de Santiago, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Centro Dramático Galego, ademais da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. . Amplía a nova>>

06/05/2020
O Goberno do Estado aproba as primeiras medidas de apoio ao sector cultural

Hoxe publica o Boletín Oficial do estado o Real Decreto-Ley que recolle o primeiro paquete de medidas destinadas a apoiar ao sector cultural desta etapa de crise sanitaria. O Ministerio de Cultura e Deporte dedicará un orzamento de 76,4 millóns de euros como inversión, ademais do alcance económico das medidas fiscais ou as de incentivos ao mecenado. Unha das medidas máis agardadas e que se corresponde con reivindicacións históricas, consiste en garantir o acceso extraordinario á prestación por desemprego do colectivo de artistas en espectáculos públicos encadrados no Réxime Xeral da Seguridade Social, que poderán acceder así á prestación por un período de ata 180 días, segundo o tempo de ocupación cotizada no ano anterior. Deste xeito recoñécese a intermitencia laboral e a especial vulnerabilidade destes traballadores do sector cultural, pero esta medida deixa fóra a outros moitos, que sen ser artistas teñen as mesma condicións, como técnicos de montaxes, traballadores de comunicación e outras profesións da cultura que comparten a situación dos artistas con contratos por obra ou servizo. A decisión xa está a ser obxecto dalgunhas protestas nese sentido desde o sector. . Amplía a nova>>

05/05/2020
O outono audiovisual vai tomando posicións

Ante a previsión dun outono cultural quente pola concentración nesa época dunha grande cantidade de eventos e actividades aprazadas, desde os festivais audiovisuais tamén chegan novidades e anuncios na súa toma de posicións e reclamo de sitio. O festival de curta de Vilagarcía, ademais de confirmar xa a súa previsión de celebración entre o 23 de outubro e o 1 de novembro, anuncia tamén un cambio de denominación na que ser´`a a súa 48ª edición. O evento pasa a denominarse Festival do Imaxinario e, malia que manterá a atención ao cine como bandeira, asume tamén a súa proposta multidisciplinar con outras propostas artísticas como a ilustración e a banda deseñada, a literatura ou mesmo a música na súa programación. Estas outras expresións xa tiñan cabida no evento desde 2016 pero agora, con este cambio a organización quere facer visible a súa aposta e de converterse "nun motor da imaxinación e nun estímulo para a creatividade, tratando de transformar as ideas e trocar as realidades", segundo comunican. O festival presentará producións fantásticas de todo o mundo, que en moitos casos serán de rigorosa estrea no noso país, sen deixar de lado outros xéneros que se poderán desfrutar na sección do mesmo título.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org