09/12/2020
Premio á mellor dirección internacional para Lois Patiño en Colombia por 'Lúa Vermella'
O director Lois Patiño ven de ser recoñecido no Festival Internacional de Cine de Cali (Colombia) co premio á mellor dirección pola súa longametraxe
Lúa Vermella. O filme de Patiño participou na sección internacional deste certame que exhibiu nesta edición 56 películas baixo o lema “Cine para nuestro tiempo, O FICC 2020 buscou presentar este ano “un cine que corre riscos, que conta as súas historias desde unha mirada antipatriarcal e incluínte”. Patiño aumenta así o palmarés desta
Lúa Vermella que obtivo a Biznaga de Plata á Mellor Película Española na Sección ZonaZine do 23 Festival de Málaga e o Premio á Mellor Película na 25ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse. O cineasta tamén ve recoñecido o seu labor como director grazas a este segundo traballo, como xa fixera con
Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio á mellor dirección emerxente no festival internacional de Locarno..
Amplía a nova>>
09/12/2020
Pradorúa, Olaxonmario e O cabalo de Alberte Merlo encabezan o palmarés de Youtubeir@s
A IV edición dos Premios Youtubeir@s deu a coñecer na mañá deste 9 de decembro os seus galardóns. Pradorúa foi recoñecida como a mellor canle polos seus "contidos variados, orixinais e de calidade”" que achegan "a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual". O mellor Youtubeir@ foi Olaxonmario, de quen o xurado destacou o seu "grande impacto" e o seu carácter "novidoso e orixinal". O terceiro dos grandes galardóns do certame, dotados con mil euros, foi o Premio ao Mellor Vídeo, que levou
O cabalo de Alberte Merlo. O xurado valorou neste caso a "mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia" con grandes doses de retranca.
.
Amplía a nova>>
09/12/2020
A Agadic anuncia un investimento de 9,6 millóns de euros nun hub cultural
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, adiantou o pasado 4 decembro na presentación ante o Parlamento dos orzamentos da entidade para 2021 unha das principais novidades no apoio ao sector. Segundo anunciou, un investimento de 9,6 millóns de euros porá en marcha un
hub audiovisual-industria cultural que funcione como punto de encontro para as empresas destes ámbitos no país. O proxecto, que incorpora fondos do programa europeo REACT-EU para a recuperación logo da pandemia de Covid-19, quere "xerar sinerxías positivas no sector cultural profesional galego para que, a través dun proceso colaborativo, levemos a cabo investimentos na industria cultural que permitan incrementar as súas capacidades e acelerar a súa reactivación", segundo explicou..
Amplía a nova>>
07/12/2020
Outórganse os Premios da Cultura Galega 2020
Este sábado a Consellería de Cultura deu a coñecer os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2020, no sque se recoñece "o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos". Na modalidade de letras é a escritora Ledicia Costas, "unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas". No campo das artes plásticas, o premio vai para Xurxo Lobato, "un dos fotógrafos máis representativos da actualidade. A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo persoal que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico con diferetnes tempos e estéticas". Nas Artes Escénicas, galardoouse á Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Fegatea). "As agrupacións escénicas locais desenvolveron un circuíto de teatro afeccionado por toda Galicia, ademais de contribuír á proxección da cita anual do teatro galego". No eido da música os premios distinguiron á aCentral Folque pola súa contribución "ao estudo, á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular". En Audiovisual, o premio vai para Chema Prado, "o director máis lonxevo da Filmoteca Española". En Lingua, recoñeceuse o traballo de Xosé González Martínez, "un dinamizador, no sentido máis amplo da palabra, da cultura e da lingua galegas, tarefa que leva desenvolvendo toda a súa vida en prol da normalización plena en distintos espazos de uso. É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia, no concello de Redondela". No patrimonio cultural, o premio recae na Fundación Penzol, da que "a súa biblioteca e arquivo están considerados como centros de consulta indispensables para os investigadores". E, de final, o premio de proxección exterior foi para Ildiko Szijj, "responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014". .
Amplía a nova>>
04/12/2020
A Xunta amplía as capacidades de público en espectáculos en toda Galicia
A piques de chegar á hora da aplicación das novas normativas á medianoite, publicábase no sitio web da Xunta de Galicia un novo número extraordinario do Diario Oficial de Galicia deste xoves recollendo as especificidades das medidas restritivas para o territorio galego. Na orde da Consellaría de Sanidade determínase o concreto nivel en que se atopan os concellos galegos asignando a cada un dos catro niveis actuais medidas restritivas con variación que, no caso da actividade cultural, levan desde un aumento considerable de capacidade de asistentes ata o mantemento de peche das salas de concertos e outros servizos culturais naqueles concellos coa maior alerta. Con estas medidas deixase atrás a limitación anteriormente vixente a 30 ou 60 persoas nos recintos de espectáculos con independencia do seu tamaño ou número de butacas. A clasificación destas zonas será obxecto de continua revisión periódica e a actual, establecida no decreto publicado onte, está vixente ata o vindeiro día 9 de decembro..
Amplía a nova>>
03/12/2020
Estudantes de Comunicación Audiovisual fan un programa televisivo en Internet sobre o sector cultural
Afondar nos efectos que a crise provocada pola covid-19 está a ter nas industrias culturais galegas e dar a coñecer como os diferentes axentes do sector "tratan de sobrevivir e evolucionar nunha contorna tan hostil". Estes son, como sinalan os seus responsables, os principais obxectivos de Somos Cultura, un serie de programas televisivos realizados por alumnado do grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo que difunden a través de Youtube. Segundo informa o Duvi, o proxecto, no que participan 18 alumnos e alumnas, insírese nas actividades da materia Guión, Produción e Realización, que imparte o profesor Paulino Pérez e ten como obxectivo enfrontar ao estudantado á realización "dun programa de televisión, cun formato tipo magazine”, que, sinala, á súa vez, permítalles afondar na situación “dun sector que neste momento o está pasando mal e que ademais é tamén o seu, o da cultura". Ademais dos videos en YouTube manteñen presenza nas redes sociais con perfís en instagram, Twitter, Facebook e Tik Tok..
Amplía a nova>>
30/11/2020
O audiovisual en loito polo repentino falecemento do guionista e docente Daniel Domínguez
O sector do audiovisual lamenta hoxe a perda de Daniel Domínguez (Tui, 1955) que falecía de xeito repentino na madrugada do domingo. Director, guionista e docente, traballo este último que exerceu durante máis de 25 anos, formou parte do equipo fundacional da escola de Imaxe e Son da Coruña entre 1991 e 1998, que hoxe o despedía con tristura lembrando o seu grande carisma e o inesquecible da súa figura como mestre e amante do cinema. “As súas clases de Historia do Cine e Guión serán sempre lembradas como exemplo de paixón e entrega”, lembran desde a EIS. Na súa traxectoria na produción audiovisual o seu traballo coma guionista foi premiado no ano 202 co Premio Mestre Mateo por
Terra de Miranda e está relacionado tamén con títulos tan coñecidos coma
Mareas Vivas, As leis de Celavella, Padre Casares, Miña sogra máis eu,
A vida por diante e a longametraxe
Blanca Madison(Carlos Amil, 2000). Coma director fixo
Río de sombras e
O segredo. Durante gran parte da súa carreira estivo vencellado ao Grupo Voz Audiovisual e escribía no suplemento Fugas do xornal La Voz de Galicia. O pasado venres daba a que sería a súa insospeitada derradeira clase no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A Academia Galega do Audiovisual tamén quixo sumar o seu pesar ao da familia, amigos e do conxunto do sector por esta desaparición recordando que Domínguez foi “un referente para moitos de nós” e que deixou pegada en varias xeracións de profesionais que asistiron ás súas clases, conferencias e obradoiros. .
Amplía a nova>>
30/11/2020
Premio internacional no festival de Xixón para a película '9 Fugas' de Fon Cortizo
A estrea internacional da película
9 Fugas escrita e dirixida polo vigués Fon Cortizo no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX) saldouse co recoñecemento da cinta como gañadora
ex aequo do premio a Mellor Película xunto co filme polaco
Marygoround de Daria Woszek na sección Retueyos, dedicada ás novas apostas narrativas. Dado que o festival este ano celebrouse virtualmente en liña a película de Fon Cortizo puido ser visionada a través da plataforma FILMIN entre o 23 e o 26 de novembro, chegando a esgotar o número de accesos dispoñibles no seu caso. Coa concesión do premio ampliouse a visualización outros dous días.
9 Fugas, gravada en galego, parte da banda sonora creada por una orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través de que flúe un relato. Nestes capítulos temas como a memoria, o tempo e a opresión van entrelazándose compoñendo un relato que busca enganchar nunha tea de araña de historias. En
9 fugas Cortizo conta no reparto con Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez. Fon Cortizo ten xa no seu haber varias curtametraxes e no ano 2012 gañou o Premio Mestre Mateo a Mellor filme documental por
CEF 100%. O director mandou o seu agradecemento ao certame por medio dun vídeo. .
Amplía a nova>>
30/11/2020
A edición máis virtual de Culturgal fecha a sumar 9.000 reproducións
Novecentas persoas participaron de xeito presencial nas actividades da décima terceira xeira de Culturgal na fin de semana do 27 ao 29 de novembro, esgotando as prazas dispoñibles para grande parte dos eventos do programa. A Feira das Industrias Culturais Galegas contou ademais con 9.000 reproducións dos contidos que retransmitiu en liña a través das súas tres canles de programación. En total foron 70 propostas culturais, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas as que compuxeron a xeira máis virtual do evento. .
Amplía a nova>>
23/11/2020
Válidas faise con dous dos galardóns do Carballo Interplay
Válidas foi a grande triunfadora da noite ao se facer tanto co premio á Mellor webserie estatal como co Premio do Público. O proxecto que dirixe Nacho Pérez-Pardo retrata en clave de humor a vida de Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos), dúas cómicas que fan todo o posible por conseguir notoriedade. O xurado, pola súa banda, outorgoulle o galardón á Mellor webserie en versión orixinal en galego a
Os 20 do XX, proxecto de animación didáctica de Antón Varela emitido en
Praza. O premio de Mellor webserie internacional, pola súa banda, foi para
Subsolo, serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa e a súa situación de precariedade..
Amplía a nova>>