21/12/2020
Eléonore Weber, Illum Jacobi e Salka Tiziana encabezan o palmarés de Novos Cinemas
A quinta xeira do festival Novos Cinemas fechaba este 20 de decembro dando a coñecer o seu palmarés.
Il N'y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, foi seleccionada polo Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, para recibir o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial. O filme obtivo ademais unha mención do Xurado Novo. O premio deste comité á mellor dirección da Sección Oficial foi para Illum Jacobi polo seu traballo en
The Trouble with Nature. O xurado da crítica, pola súa banda, outorgou o seu premio a
Tal día hizo un año de Salka Tiziana..
Amplía a nova>>
21/12/2020
O fin da verdade obtén o Premio Daniel Domínguez de guión
A Asociación Sindical Galega de Guionistas daba a coñecer na mañá deste 21 de decembro o fallo do seu II Premio de Guión. O xurado recoñeceu o texto
O fin da verdade, escrito por Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras "pola súa valentía á hora de percorrer camiños pouco transitados no audiovisual galego, apostando polo xénero". A obra "desenvolve con intelixencia e solidez unha premisa de ciencia ficción que atrapa desde o primeiro momento, mantendo a tensión ata o final da historia", segundo sinala o fallo. Os gañadores recibirán 2.500 euros en metálico e unha subscrición de seis meses ao mercado online Filmarket Hub. Tamén recibirán esta segunda recompensa os traballos finalistas,
A flote, de Jose Veiga e mais
(Os) Anxos, de Marcos Méndez Moreira..
Amplía a nova>>
21/12/2020
A Mesa e Agasallo.eu achegan propostas de presentes para as festas
Como é habitual por estas datas, a Mesa pola Normalización Lingüística publica o seu catálogo de Nadal no marco da campaña Abertos ao Galego. Co obxectivo de promover o consumo de produtos e negocios que apostan polo noso idioma, a publicación en liña achega unha ampla selección de potenciais agasallos para estas festas. Libros, discos, artesanía, audiovisual ou produtos alimentarios compleméntanse con experiencias, cuidado corporal, estadías de turismo rural ou servizos de empresas de diferentes tipos. .
Amplía a nova>>
17/12/2020
A película 'Ons' estréase este venres en 16 salas de cine
A longametraxe
Ons, dirixida Alfonso Zarauza e protagonizada polo Antonio Durán "Morris" e Melania Cruz, chega este venres ás salas de cine comerciais. O filme estreouse o pasado novembro no Festival de Cine Europeo de Sevilla e pasou tamén polo festival Cineuropa de Santiago, onde o seu director recibiu un premio de honra.
Ons chegará este venres a 16 cines de 11 localidades. En Galicia estará dispoñible en A Coruña (Marineda, Cantones, Yelmo Rosales); Vigo (Gran Vía, Yelmo Vigo); Lugo (Códex, As Termas); Santiago (NUMAX, As Cancelas); Ferrol (Dúplex); Pontevedra (Teatro Principal); Caldas de Reis (Avenida); Marín (Cine Seixo); A estrada (Multicines central). Ademais a película estrearase tamén en Madrid (Renoir Plaza España) e Barcelona (Boliche). Tras esta primeira semana de pases a longametraxe galega proxectarase tamén en Palma de Mallorca (Cine Ciutat) e Narón (Odeón Narón)..
Amplía a nova>>
17/12/2020
A iniciativa Goxo de pano fino reúne poetas da Mariña e de Asturias
A canle web da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten xa publicado o primeiro dos doce vídeos que compoñen o I Ciclo de Poesía Multidisciplinar
Goxo de pano fino. O proxecto reúne poetas da comarca da Mariña e do occidente de Asturias a expresarse desde os seus refuxios creativos a través da palabra nas súas diversas formas. A iniciativa conta coa coordinación de Ugía Pedreia e Marina Oural e reúne canda a elas a Quique Roxíos (Roxíos, Bual), Eloy Couceiro (en Valdepares, El Franco), Milio López (en A Escabelada, Pousada, Lourenzá), Olalla Cociña (en Aguieira, A Rigueira, Xove), Moisés Cima (en Mouguías, Cuaña), Vanina Bailone (en Mexota, Tapia de Casariego), Miguel Rodríguez Monteavaro (en El Valle del Salgueirín, A Cruz, Bual), Eva Rosado (no Mirador de Santa Gadea, en Castropol), Alejandro Fernández (en Viavélez, El Franco) e Kiko Poe (en Fuentes Cabadas, Bual)..
Amplía a nova>>
16/12/2020
Quiosco: Papeis da Academia
O efecto da pandemia de Covid-19 sobre o sector audiovisual centra a nova entrega de
Papeis da Academia. O anuario da Academia Galega do Audiovisual está xa na rede a reflexionar sobre cuestións como a pegada na produción, o consumo audiovisual doméstico, as problemática das salas de exhibición e as mudanzas nos diferentes ámbitos do sector. Entrevistas a Mamen Quintas, Paula Cons, Lidia Fraga, Xúlio Abonjo, Alicia Saturna, Emilio Baños, Ángel Sánchez e Manuel Precedo dan conta dos diferentes xeitos nos que a situación afectou a produción, dirección, guión, interpretación, vestiario, salas comerciais, festivais ou cineclubes..
Amplía a nova>>
16/12/2020
A Real Academia Galega presenta o proxecto Novas voces para a lingua
Coa intención de conectar a mocidade co idioma, a Real Academia Galega e mais a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentaban onte a iniciativa
Novas voces para a lingua. O proxecto consiste nunha serie de vídeos de curta duración para as redes que se inician coa serie
Conseguiremos. Estas primeiras entregas están protagonizadas "por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional". .
Amplía a nova>>
15/12/2020
A caída dos hábitos culturais na pandemia non afecta á lectura
O Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega (CCG), ven de presentar o estudo
Influencia da COVID-19 nos hábitos culturais da poboación galega. Trátase dun informe específico para coñecer o comportamento e o gasto en consumo cultural entre a poboación galega maior de quince anos no marco da pandemia e as súas consecuencias. Co apoio técnico da empresa Sondaxe, o Observatorio realizou un estudo propio sobre o total da poboación galega maior de quince anos, cunha mostra de 701 entrevistas telefónicas, encamiñado a analizar a lectura e compra de libros, prensa, música, concertos, artes escénicas, cine e contidos audiovisuais. As cifras recollidas no estudo amosan que a cidadanía galega le agora lixeiramente máis que antes, sobre todo os homes. O resto de prácticas mantéñense nos mesmos niveis agás nas artes escénicas, na asistencia ao cinema e nos concertos de pago, nos que, como é lóxico pola súa característica presencial, se produce un descenso moi acusado. Por iso, o gasto cultural caeu fortemente, cunha contracción media do 69,9%. .
Amplía a nova>>
11/12/2020
Novos Cinemas leva o audiovisual máis recente a Pontevedra
Pontevedra acollerá, entre o 15 e o 20 de decembro, a quinta xeira de Novos Cinemas. Coa súa sección Foco dedicada a Luís López Carraco, considerado "un dos cineastas máis coherentes da cinematografía española do segundo decenio do século XXI" o encontro proxectará tres das producións deste cineasta. A elas súmanse os nove filmes presentes na sección oficial, con traballos de Dalibor Barić, Fradique, Jonathan Wysocki, Ludovica Andò e Emiliano Aiello, Eléonore Weber, João Nuno Pinto, Salka Tiziana e Illum Jacobi.
.
Amplía a nova>>
10/12/2020
O Concello de Santiago convoca axudas de rescate do sector cultural
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña recolle hoxe as bases e convocatoria de axudas para o rescate do sector cultural que ven de sacar o Concello de Santiago de Compostela. O consistorio capitalino destina a estas subvencións un orzamento total de 300.000 euros destinados a cubrir gastos correntes relacionados coa actividade daquelas empresas do sector cultural con sede de actividade no municipio e que sufriran unha baixada de facturación igual ou superior ao 20% nos nove primeiros meses do 2020. Cada solicitante poderá obter ata un máximo de 3.000 euros de axuda ao gasto corrente xustificado incluíndo alugueiros, seguros, subministros, nóminas e outros gastos. O procedemento de concesión non é competitivo porque o único criterio a ter en conta será a orde de rexistro de entrada das solicitudes, cuxo prazo de presentación iníciase ao día seguinte da publicación desta convocatoria no boletín e remata o vindeiro 15 de decembro..
Amplía a nova>>