03/03/2021
Duplícase a participación no Concurso de Microrrelatos da RAG
O IVº Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal ven de dar un salto cuantitativo importante ao recibir na fin do prazo de presentación máis do dobre de relatos que na pasada edición. Co reconto xa feito tras do remate da convocatoria este domingo 28 de febreiro a Academia sinala ter recibido máis de 1.500 pezas entre as tres modalidades, o dobre có ano pasado no que se presentaron 750 relatos. En concreto, segundo a RAG, na categoría de adultos recibíronse máis de 700 contos; na xuvenil, preto de 500 e na infantil, uns 300. Os xurados, que están constituídos por membros propostos polas tres entidades que participan na creación deste certame,RAG, PuntoGal e a revista Luzes, elixirá os tres mellores textos de cada categoría que serán públicos despois de Semana Santa. .
Amplía a nova>>
26/02/2021
O proxecto Artesanías dixitais dá a coñecer a creatividade máis actual do país
"Un percorrido polo espazo dixital galego da man de doce creadoras e creadores procedentes de áreas moi diversas: programación creativa, docencia, recreación histórica, deseño, arte, videoxogos…". Así se presenta
Artesanías Dixitais, o webdoc que desenvolveu a firma Bencuriosa ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. O proxecto, que pretende "ofrecer unha panorámica sobre as profesións ou áreas de traballo emerxentes vinculadas á creación dixital e que teñen un vínculo real con profesionais, empresas e itinerarios educativos de Galicia" preséntase nun formato de documental convencional, dispoñible na rede, e nun formato web interactivo. .
Amplía a nova>>
22/02/2021
Santiago reparte a metade do orzamento das axudas ao sector cultural
A falta dun trámite de presentación final de documentación as axudas de rescate ao sector cultural do Concello de Santiago chegarán finalmente a repartirse só na metade no orzamento asignado. O consistorio publicou a resolución da convocatoria coa lista de solicitudes admitidas e rexeitadas de entre as 77 que se presentaron, cun resultado que, provisionalmente deixa 49 beneficiarios e 18 rexeitados nesta liña de axudas. Dos 300.000 euros cos que contaba a partida repartiranse, segundo esta resolución algo menos da metade, 145.000 en total con subvencións que van dos 3.000 (o máximo posible) aos 1.110 euros. Empresas e autónomos do eido cultural, entre as que hay editoriais, empresas gráficas, compañías teatrais e audiovisuais, autores e artistas plásticas, empresas de comunicación ou de produción e loxística de espectáculos están entre os beneficiarios das axudas locais. Coñecidos axentes culturais da cidade coma a Sociedade Cooperativa NUMAX e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) viron rexeitada a solicitude. As persoas e/ou empresas excluídas teñen un prazo dun mes para interpor un recurso de reposición..
Amplía a nova>>
19/02/2021
A Deputación da Coruña convoca axudas para empresas culturais por 275.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicaba este 19 de febreiro a convocatoria de axudas para proxectos culturais singulares, que conta con 275.000 euros de orzamento. A liña está destinada a empresas e quere "apoiar producións singulares de especial interese social e cultural e, a través dela desenvolvéronse en anteriores edicións iniciativas que, se non existir, non terían visto a luz nun momento de crise para o sector como é este co cal agardamos que este ano se continúen a sumar proxectos que teñan alcance e repercusión para a sociedade", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto. .
Amplía a nova>>
17/02/2021
Falece o guionista coruñés Juan Antonio Porto
O guionista Juan Antonio Porto (A Coruña, 1937) faleceu onte en Madrid aos 84 anos de idade, segundo ven de confirmar a SGAE. Diplomado en Dirección pola Escola Oficial de Cinematografía, ao longo da súa andaina profesional escribiu máis de sesenta guións de cine. En 1970 escribiu o libreto de
El bosque del lobo xunta o director Pedro Olea, unha historia situada en Galicia e baseada nunha novela que á súa vez tomaba coma referencia os crimes reais de Manuel Blanco Romasanta en Ourense. Colaborador habitual de Pilar Miró, foi autor do guión de El crimen de Cuenca (1979) e coautor de Beltenebros (1991). O seu traballo máis recente foi
La conjura de El Escorial (2008), de Antonio del Real. No seu labor pedagóxico, foi profesor na Escola de Cine da Comunidade de Madrid. En febreiro de 2009 o Consello de Ministros de España outorgoulle a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes.Especialmente comprometido coa defensa dos creadores e os dereitos de autor, foi membro da Xunta Directiva da SGAE polo colexio de Audiovisuais. A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), da que era membro dende 1970, expresa publicamente as súas condolencias a familiares e seres queridos nestes difíciles momentos..
Amplía a nova>>
16/02/2021
O documental Entroidar achéganos á festa en Laza pola rede
A falta de celebracións presenciais, continúan as propostas para facer o Entroido a distancia. Entre as máis recentes, o director Pablo Ces acaba de publicar na rede o seu documental
Entroidar. O filme "é unha longametraxe documental do Entroido de Laza que nace da paixón e namoramento da comarca, a contorna e as tradicións e quefaceres do entroido. Tras un intenso labor de investigación, non soamente antropolóxico para descubrir a verdadeira orixe do Entroido partindo de Laza, deste pequeno recuncho de Galicia, senón coñecer todo o que envolve as súas xentes e como son os meses previos de preparación para esta grande celebración ritual, ancestral e auténtica"..
Amplía a nova>>
15/02/2021
Equipamentos culturais coma teatros, cines, auditorios, bibliotecas e museos poderán abrir ao 30 por cento
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ven de confirmar na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico de Sanidade unha parcial modificación das restricións que afectan a toda Galicia. A falta da total concreción, que se especificará nun decreto aínda en elaboración, o presidente adiantou que no relativo ao sector da cultura permitirase a reapertura e volta á actividade de bibliotecas, museos, salas de exposicións, arquivos, salas de cine, auditorios e teatros. O mandatario asegurou que a actividade destas instalacións terá como límite o 30% da capacidade de público nesas instalacións. Agárdase que esta apertura sexa efectiva ao día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto que as regula, presumiblemente este mércores 17 de febreiro. O peche perimetral por municipios manterase polo de agora..
Amplía a nova>>
15/02/2021
A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas
O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases das subvencións aos festivais audiovisuais da provincia, integrados na marca provincial Rías Baixas Film Fest, e as dos festivais musicais e de artes escénicas, cun investimento total de 300.000 euros para todas estas partidas. Este ano os festivais audiovisuais verán incrementando o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020. Pola súa banda, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, asegurou a decidida aposta do ente pola cultura como unha das prioridades nestes momentos, "a nosa aposta por un sector estratéxico e prioritario para nós como é a cultura. Non imos recortar un só euro", afirmou. Revalidar o noso apoio aos festivais é apostar pola riqueza cultural que se desenvolve na provincia". .
Amplía a nova>>
12/02/2021
O festival de Cans abre prazo de presentación de obras e aumenta os premios
O Festival de Cans ten xa aberto ata o 16 de maio o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como videoclips, tendo como condición que todas as obras deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2020 e 2021. O festival comunicou esta semana que as súas datas de celebración este ano quedan xa fixadas entre o 1 e o 4 de setembro e agora abre a convocatoria de presentación de producións para todas as súas seccións, que pode facerse de balde a través da súa páxina web. Asemade o festival aumentou a dotación económica dos seus premios nun esforzo que o festival considera que debe asumir por que estes poidan supoñer unha axuda determinante para creadoras e creadores, nun momento moi complicado.
.
Amplía a nova>>
11/02/2021
A Deputación da Coruña incrementa o orzamento da súa Rede Cultural de espectáculos
A área de Cultura da Deputación da Coruña ven de abrir a convocatoria para unha nova edición da Rede Cultural, o circuíto de espectáculos que apoia nos concellos, con novidades que adaptan as bases á situación de crise provocada pola pandemia. Entre outras, contempla un incremento de arredor de 300.000 € para o sector profesional nun orzamento que pasa a 1.900.000 €. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases modificadas para axustarse á situación sanitaria provocada pola covid-19 e á necesidade de contribuír á recuperación do sector que atravesa unha importante crise debido ao confinamento e á cancelación de espectáculos ao vivo. Neste sentido, a nova edición do circuíto cultural prolonga o período de actuacións que pasa a rematar o 31 de marzo do 2022, para posibilitar a execución das programacións ao completo..
Amplía a nova>>