07/03/2022
'9 Fugas' de Fon Cortizo mellor película e mellor dirección en Caracas
O audiovisual galego feito na nosa lingua está a traer boas novas desde a outra beira do Atlántico. No Festival Internacional de Cine Iberoamericano de Caracas o filme '9 Fugas' (2020) de Fon Cortizo acada tres importantes premios e o documental 'A Virxe Roxa'(2021) de Marcos Nine tamén consegue levar o galardón do seu xénero. León de Ouro ao Mellor filme do certame, Mellor longametraxe iberoamericana e Mellor dirección son os galardóns cos que a película de Fon Cortizo sae desta cita venezolana. '9 Fugas', gravada en galego, parte da banda sonora creada por una orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través de que flúe un relato. Nestes capítulos temas como a memoria, o tempo e a opresión van entrelazándose compoñendo un relato que busca enganchar nunha tea de araña de historias. En 9 fugas Cortizo conta no reparto con Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez..
Amplía a nova>>
03/03/2022
Eloy Domínguez e Lois Patiño colocan as súas curtametraxes na sección oficial de Málaga
O director galego Eloy Domínguez Serén presentará a súa curtametraxe de ficción rodada en galego, ' Rompente,' na sección oficial da 25ª edición do Festival de Málaga que se celebrará do 18 ao 27 de marzo de 2022. 'Rompente' é unha produción de Zeitun Films que foi rodada na comarca coruñesa de Barbanza e que está protagonizada por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano. Segundo a sinopse da curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, o protagonista, Santi ,é un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marisquea de maneira furtiva. Mentres a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar. .
Amplía a nova>>
28/02/2022
Procuran cambiar a Colón por María Casares na Coruña
A plataforma coruñesa de traballadores do sector cultural Unímonos Ou Afundímonos está a promover un cambio de denominación dun dos recintos culturais máis importantes da cidade e de Galicia. Cambiar o nome do Teatro Colón polo de Teatro María Casares e o seu obxectivo para este espazo que leva en funcionamento con ese nome desde 1948 e que pertence á Deputación provincial da Coruña pero que xestiona de en convenio co Concello da Cidade. "Este ano conmemorase o centenario no nacemento da gran María Casares" lembran desde a plataforma, "cremos que é o momento de que o maior teatro da cidade, o actualmente chamado Teatro Colon, teña o seu nome", conclúen. Na súa argumentación sinalan a unha tradición de simpatía da cidade cara ao seu tecido artístico que debería desembocar nesta decisión. "Porque A Coruña quere aos seus e ás súas artistas, sempre as quixo. Porque é de xustiza. María Casares ten que ter un teatro, un gran teatro co seu nome na súa cidade", aseguran. .
Amplía a nova>>
25/02/2022
Chechu Salgado levará ao premio de honra 'Ourense' do OUFF
O actor lugués Chechu Salgado (Sober, 1991), recente gañador do Goya ao mellor actor revelación polo seu papel no filme 'As Leis da fronteira', recibirá o premio 'Ourense' do vindeiro OUFF. A decisión comunicoulla directamente ao intérprete o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tras reunirse con el no pazo provincial. O presidente da Deputación, despois de consultalo coa Fundación Carlos Velo e a organización do OUFF, propuxo ao actor ourensán para o premio. Salgado recollerá o galardón durante a próxima 27ª edición do OUFF, que arranca o vindeiro 23 de setembro. O actor destacou o apoio da Deputación ao sector audiovisual: "Quero agradecer a Deputación o apoio que fai ao cinema, que é moi necesario e moi importante para todos os que nos adicamos a esto". Precisamente, Chechu Salgado está traballando agora na serie 'Hotel Valquiria', unha produción galego-portuguesa patrocinada pola Deputación de Ourense..
Amplía a nova>>
25/02/2022
Premio ao Mellor guión televisivo para a segunda temporada de 'Hierro'
A serie 'Hierro' da produtora Portocabo para Movistar+ ven de servir de novo para o recoñecemento do talento galego no audiovisual estatal. Ademais dos numerosos premios a nivel estatal e galego que a produción leva recollidos coa súa primeira temporada nos pasados anos, agora o Festival MiM, dedicado á ficción televisiva estatal, ven de outorgarlle o premio de Mellor Guión ao equipo de cinco guionistas galegos que elaboran a base da súa historia na segunda temporada. Pepe Coira, Lidia Fraga, Fran Araujo, Araceli Gonda e Eligio Rodríguez conforman o equipo gañador do premio outorgado no festival organizado pola asociación Madridimagen co apoio de Dama, entidade de xestión de dereitos de autoría nos medios audiovisuais. .
Amplía a nova>>
25/02/2022
Numax presenta Videogramas. Santiago de Compostela
Oito videogramas sobre Santiago de Compostela e o cinema realizados por outros tantos cineastas de referencia do noso país. Esta é a proposta do proxecto
Videogramas. A propósito de Compostela, que desenvolveu a Cooperativa Numax co apoio do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 e que están dispoñibles na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística..
Amplía a nova>>
22/02/2022
Falece subitamente o cómico Pedro Brandariz
O actor e contacontos Pedro Brandariz faleceu hoxe subitamente con 44 anos cando ía facer unha función no CEIP de Calo (Teo) do seu espectáculo 'Os poderes de Rosalía' para o alumnado. Os detalles desta inesperada morte aínda non se coñecen con máis exactitude, pero o actor de Oleiros estaba a levar a cabo neste mes unha intensa axenda de espectáculos por centros de ensino de toda Galicia e hoxe mesmo ía estrear unha nova montaxe na Coruña, 'O inventor das palabras', co guía e intérprete Suso Martínez. .
Amplía a nova>>
21/02/2022
Margarita Ledo galardoada pola Academia Audiovisual co Premio Fernando Rey
A cineasta, catedrática da Universidade de Santiago e académica da RAG Margarita Ledo Andión ven de ser recoñecida co Premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. A lucense recollerá este premio de honra na vindeira XXª edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego o vindeiro sábado 19 de marzo no recinto de Expocoruña. O presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu hoxe a coñecer a decisión da AGA para o seu galardón de honra. .
Amplía a nova>>
16/02/2022
A Semana do Cinema Galego vai pola súa terceira edición
A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, situándose durante seis días no epicentro da actividade cinematográfica do territorio xusto antes de celebrar na cidade a XXª gala dos Premios Mestre Mateo, o día 19 de marzo. O audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man dos profesionais do noso cinema, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo. A alfombra vermella lucirá no Teatro Colón para dar a benvida a unha coidada programación conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano. Concretamente, proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés. A Academia Galega do Audiovisual coordina este proxecto no que conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial. .
Amplía a nova>>
15/02/2022
A Biblioteca González Garcés inaugura a exposición "María Casares: residente privilexiada".
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés da Coruña sumouse hoxe á conmemoración do centenario do nacemento da actriz María Casares coa inauguración da exposición "María Casares: residente privilexiada". Esta mostra trata de reconstruír mediante a mostra de 200 libros, fotografías, películas e documentos, a vida da artista, a súa contorna familiar e súa relación co mundo cultural francés ata o seu falecemento, que tería lugar na localidade francesa de Alloue. O título da exposición fai referencia ao seu status na tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia, título que foi empregado tamén para publicar as súas memorias no ano 1980. .
Amplía a nova>>