Lucía C. Pan leva o Premio Chano Piñeiro do OUFF

A directora de fotografía recibe este galardón que recoñece a emprendedores do audiovisual galego

A directora de fotografía recibe este galardón que recoñece a emprendedores do audiovisual galego
Lucía C. Pan, recollendo o premio Mestre Mateo Foto: Academia Galega do Audiovisual
O Festival de Cine de Ourense OUFF distinguirá á directora de fotografía Lucía C. Pan co honorífico Premio Chano Piñeiro desta edición. O festival concédelle este galardón a Lucía C. Pan por "representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal", en palabras da organización. O Ourense Film Festival institúe dende a pasada edición este premio Chano Piñeiro como recoñecemento aos emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. A galardoada recibirá o premio na 27ª edición do festival que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022.

Lucía C. Pan (Cambre, 1984) estudou Belas Artes na universidade de Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola ESCAC. Ao longo da súa carreira traballou en diversos proxectos dirixindo a fotografía de curtametraxes como Matria, 2017, de Álvaro Gago, proxecto gañador de Sundance entre outros festivais. En 2016 remata a rodaxe do filme de ficción Dhogs de Andrés Goteira, polo que sería galardoada en 2018 co Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía. Posteriormente acada o seu segundo Mestre Mateo na mesma categoría pola primeira longametraxe de Xacio Baño, Trote, e recentemente o terceiro polo filme '¿Qué hicimos mal?', de Liliana Torres. Na actualidade está a rodar 'Los Argonautas', a primeira serie infantil de imaxe real que producen a galega Portocabo e RTVE para Clan.


Ademais desta premio, o OUFF, entrega cada ano o Premio Eduardo Barreiros á mellor primeira ou segunda longametraxe de ficción do cine español do último ano. Nesta edición o premio recaeu en 'Cinco lobitos', de Alauda Ruiz de Azúa, filme preseleccionado a representar a España nos Premios Oscar
Ligazóns