20/04/2022
O legado próximo de Pedro Brandariz
A intensa actividade que despregaba o actor Pedro Brandariz continúa a deixar pegada mesmo logo do seu falecemento o pasado mes de febreiro. Deste xeito, a canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten publicados, desde o pasado catro de abril os cinco episodios da serie
Sesión Vermú, protagonizada polo cómico e que ve a luz de xeito póstumo..
Amplía a nova>>
19/04/2022
A Rede Cultural da Deputación da Coruña programará 1.408 espectáculos na provincia
Un total de 1.408 espectáculos poderán verse en todos os concellos da provincia da Coruña no marco da Rede Cultural da Deputación Provincial. A entidade deu a coñecer a listaxe de actividades que fan parte deste programa, que conta cun investimento de 1.509.836 euros por parte do organismo..
Amplía a nova>>
11/04/2022
'Jacinto' acada dous premios no Fantasporto
Na 32ª Semana dos Realizadores do festival Fantasporto, de Oporto o filme de Javi Camino, 'Jacinto' volveu con dous importantes recoñecementos que se engaden ao seu palmarés. O filme foi elixido polo xurado do prestixioso evento como o mellor traballo desta sección oficial e ademais o traballo dos seus dous actores principais, o falecido Pedro Brandariz e Juanma Butrón, recibiu o galardón ao mellor intérprete masculino compartido entrambos
ex-aequo . A película de Camino engade estes premios aos conseguidos en Sitges, Austin e aos catro Premios Mestre Mateo, incluído o outorgado tamén a Brandariz..
Amplía a nova>>
11/04/2022
O IXº Carballo Interplay despídese cun palmarés moi repartido
A novena edición do Carballo InterPlay, Festival de Contidos Dixitais, celebrouse con éxito segundo o previsto e deixou tras de si un amplo palmarés de premios, recoñecendo os diferentes formatos e habilidades na creación de produtos audiovisuais pensados para o mundo dixital. En total sete premios e catro mencións especiais, moi repartidos entre traballos chegados de varios países. No referente aos traballos en lingua galega, o premio á mellor serie en versión orixinal en galego foi para 'Amnesia 3.0', de Irene Pin, recibindo ademais unha mención especial nesa categoría a produción protagonizada polo malogrado Pedro Brandaríz, 'Mataría MicroSerie', de Javier Seoane. Ademais tamén se recoñeceu con Premio ao Mellor Proxecto a Serie Web en galego ao presentado para facer 'Mentres non chova', de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. .
Amplía a nova>>
08/04/2022
A RAG presenta a serie documental sobre Florencio Delgado Gurriarán
Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é o título da serie documental que a Real Academia Galega lle dedica ao homenaxeado no Día das Letras deste 2022. O proxecto publicaba este sete de abril na rede o seu episodio de presentación, co título
Meu Córgomo de Valdeorras. Ata o vindeiro día das letras estrearase cada xoves nas redes un dos cinco episodios con que conta este proxecto, ata un total de cinco..
Amplía a nova>>
05/04/2022
Os IX Premios Platino recoñecen tamén o talento galego no audiovisual
Os 'Premios PLATINO del Cine y el Audiovisual Iberoamericano' contan entre os finalistas da súa IXª edición con algúns nomes e creacións saídos da escena audiovisual galega. O actor Luís Tosar, por Maixabel, é finalista ao Premio a Mellor Interpretación Masculina. Outro lucense, Pepe Coira está entre os catro finalistas iberoamericanos ao Premio Platino a Mellor Creador de Miniserie ou Teleserie Cinematográfica pola multipremiada 'Hierro', serie que tamén obtén candidaturas polo traballo interpretativo dos seus protagonistas masculino e feminino, Candela Peña e Darío Grandinetti. A película 'Valentina', de Chelo Loureiro, gañadora dun recente Premio Goya, figura tamén entre as finalistas na categoría de película de animación destes premios. Ademais deles, a actriz coruñesa María Pujalte opta como finalistas ao Premio Platino a Mellor Interpretación Feminina de reparto en Miniserie ou Teleserie, polo seu traballo en' Venga, Juan!'. Polo que gañou tamén recentemente o Premio Feroz, na mesma categoría. .
Amplía a nova>>
05/04/2022
O proxecto A literatura galega nas súas voces achega un cento de vídeos
A canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolle desde este 5 de abril as cen pezas que compoñen o proxecto
A literatura galega nas súas voces. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove esta iniciativa na que se poden ver outros tantos autores e autoras do país a leren framentos significativos das súas propias obras. .
Amplía a nova>>
04/04/2022
A Portrait On The Search For Happiness faise co premio da MICE
Este domingo 3 de abril fechaba as súas portas en Compostela a XVII edición da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico. A entrega de galardóns consagrou como vencedor o filme sobre a minaría de diamantes na Africa do Sul
A Portrait On The Search For Happiness, que levou os mil euros do Premio MICE a Mellor Filme. .
Amplía a nova>>
01/04/2022
A AGAL pon na rede o documental 1981, Ano zero da língua galega
1981, Ano zero da língua galega é o título do documental que a Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentaba este 26 de marzo e que está dispoñible na rede de balde. O proxecto, que realizou Nós Televisión e que conta con apoio da Deputación da Coruña, propón un repaso polos corenta anos do galego como lingua oficial da Comunidade Autónoma. A data coincide ademais co nacemento da propia AGAL e a creación do movemento reintegracionista actual..
Amplía a nova>>
01/04/2022
Sae a licitación a rehabilitación da casa de Carlos Velo en Cartelle
O Concello de Cartelle ven de abrir o proceso de licitación para a rehabilitación da casa do cineasta Carlos Velo de cara a funcionar como sede da fundación que leva o seu nome e protexe e difunde o seu legado. A casa natal de Carlos Velo está situada no Pasaxe da Misa da localidade ourensá e conta cunha superficie de 85 ms. cadrados, actualmente está en desuso e presenta, segundo os informes, un mal estado do forxado existente na primeira planta, deficiencias que se repararán coa execución das obras previstas no proxecto técnico, que inclúen a demolición dos tabiques da planta baixa, rehabilitase o forxado, construíndo unha nova escaleira. A casa destinarase, como sede social da fundación, a reunións e actividades socio-culturais. A obra, que conta cun orzamento de base de 99.999,99 euros, IVE incluído, estará subvencionada pola Deputación Provincial de Ourense, de acordo co proxecto redactado pola Arquitecta Elvira Carregado Pazos. A Fundación Carlos Velo, creada en 2017 e da que forma parte o propio concello, céntrase na investigación e na difusión da obra do cineasta e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe, no seu máis amplo espectro, así como na organización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos fins sinalados. Previamente á súa creación xa o Concello de Cartelle adquirira a casa natal do cineasta coa fin de facer albergar alí esta fundación..
Amplía a nova>>