Novas | 491 a 500 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

04/05/2022
O XIX Festival de Cans volta á primavera

Cun programa completo, a recuperar paseos en chimpíns, concertos, e de volta nas datas de primavera, o Festival de Cans presentaba este tres de maio a súa décimo novena edición. O encontro audiovisual do Porriño transcorrerá entre os vindeiros 17 e 21 de maio, cun programa que inclúe 40 actividades e 32 curtametraxes.. Amplía a nova>>

02/05/2022
Once festivais audiovisuais acadan subvencións da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia ven de facer pública a resolución de adxudicación da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais de 2022, pola que distribuirá 210.000 euros entre 11 certames de toda GaliciaRespecto á convocatorio anterior aumenta o orzamento desta liña de axudas (10.000 euros máis que en 2021) e repártese finalmente entre menos eventos, xa que o pasado ano foron catorce os beneficiados. O Play-Doc de Tui, que celebra a súa décimo oitava edición esta semana, do 4 ao 8 de maio conta cunha axuda de 38.473 euros a través desta liña de apoio.. Amplía a nova>>

28/04/2022
Son d'Aldea publica na rede os vídeos da súa última edición

A organización do encontro Son d'Aldea completou esta semana a publicación en Youtube dos vídeos que recollen a súa décima edición. Desde o pasado mes de xaneiro a entidade publicou as 14 pezas audiovisuais coas actuacións deste proxecto de teatro comunitario que se desenvolveu en setembro de 2021.. Amplía a nova>>

26/04/2022
O HUB Audiovisual abre a segunda convocatoria con fondos europeos para atraer rodaxes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da segunda quenda de axudas de para proxectos audiovisuais que leven á captación de rodaxes en territorio galego, encadrado no proxecto Hub audiovisual-industria cultural da Axencia Galega de Industrias Culturais vinculado á xestión dos fondos do programa REACT da Unión Europea. Esta nova convocatoria conta cun crédito total de 2.000.000 de euros, a dividir a partes iguais para as anualidades 2022 e 2023. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Poden ser beneficiarias empresas galegas co obxectivo de realizar proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia. As subvencionadas poderán exercer ben como coprodutoras destes traballos, cunha participación igual ou superior ao 20%, ben como provedoras de servizos de produción, sempre acreditando a realización dun gasto mínimo en Galicia fixado en 1 millón de euros para longas cinematográficas de ficción e animación e de 1,5 millóns de euros para as series de ficción. As subvencións concédense por concorrencia non competitiva e poden oscilar en máximos de entre 300.000 e 350.000 euros, tanto para longametraxes como para series, como xa foi o caso da primeira quenda. . Amplía a nova>>

25/04/2022
A Consellería de Cultura anuncia novos programas de apoio á industria

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, aproveitou o encontro que mantivo este sábado 23 de abril con representantes da industria musical para anunciar a vindeira convocatoria de liñas de axudas para diferentes ámbitos do sector cultural. A sumar un investimento total de 4,8 millóns de euros, as convocatorias anunciadas para as vindeiras semanas inclúen varias das subvencións anuais xa existentes ao tempo que engaden novidades.. Amplía a nova>>

22/04/2022
'Traballar coma un galego': un documental sobre a construción da paisaxe do Douro

A Radio Televisión Portuguesa (RTP) e a Televisión de Galicia (TVG) continúan na súa liña de coproducións co documental "Galegos D'Ouro", estreado a semana pasada e que hoxe está dispoñible de xeito completo no web da RTP. Dirixido por Arminda Sousa, o documental céntrase no gran número de traballadores galegos que contribuíron a construír a paisaxe do viño das ribeiras do Douro desde o século XVIII, incluíndo a construción dos socalcos, das adegas, das prantacións e das vendimas ata facer del o escenario que hoxe é Património Mundial da Humanidade. O documental inclúe entrevistas a diferentes expertos como Camilo Fernández Cortizo, José António Souto Cabo, Ramón Villares, Natália Fauvrelle ou Evaristo Rodríguez. . Amplía a nova>>

22/04/2022
Homenaxe a Xosé Velo coa estrea dun documental e presentación dun libro

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vai celebrar este sábado 23 de abril o 106 aniversario e render homenaxe a Xosé Velo. No acto estrearase o documental dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións, 'Xosé Velo. O libertador ibérico' sobre a súa figura e tamén o libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’. Este volume baséase en documentos en diferentes formatos que a deputación de Pontevedra foi adquirindo produto da actividade política e cultural de Velo, que inclúen poemas, textos, artigos e outros materiais recuperados e adquiridos pola institución provincial. O salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acollerá esta homenaxe e as presentacións, comezando ás 11.30 horas.. Amplía a nova>>

21/04/2022
Loitar saben, unha serie para achegarse ao pasado das mulleres

A serie Loitar saben, promovida por Mazarelos, revista de historia e cultura, publicou os dous episodios dunha serie docuemntal que busca observar a experiencia da vida das mulleres en dous momentos do pasado. Por unha banda, a peza Fisterra recupera a memoria das traballadoras desta vila coruñesa entre o doméstico e o traballo público. O outro documental, Loiba feminino achégase á creación da Unión Deportiva Loiba Feminino no ano 1989, na que un grupo de mulleres de Ortigueira comezaron a xogar ao fútbol, ata o momento un espazo unicamente masculino. O obxectivo é "darlle voz a elas mesasm para rachar eufemismos e tópicos que falsean a realidade histórica". O proxecto está financiado polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. . Amplía a nova>>

21/04/2022
Comeza a rodaxe de '13 exorcismos' apoiada desde o Hub Audiovisual

Unha subvención de 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, foi a chave para acadar o comezo da reodaxe en terras galegas da película '13 exorcismos'. A realización da longametraxe implicará, segundo a Xunta, un compromiso de gasto de 1,75 millóns de euros na nosa Comunidade por parte das empresas implicadas. A produtora galega con sede en Madrid, Bambú Producciones, xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends son as empresas impulsoras desta película de terror baseada no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014. Ademais da cidade de Ourense e doutros puntos da provincia, o equipo da película '13 exorcismos' tamén traballará en Ordes (A Coruña), onde recreará a casa familiar desta historia. O proxecto conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabeza o director do filme, o coruñés Jacobo Martínez, contando tamén coa directora de produción, Tamara Soto; a xefa de perruquería, Mara Collazo, ou os propios produtores executivos, Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, así como varios dos membros do elenco interpretativo, como Cristina Castaño, e arredor de 350 figurantes. Os actores Ruth Díaz e Urko Olazabal, protagonizan o filme xunto a María Romanillos e Pablo Revuelta.. Amplía a nova>>

20/04/2022
Premio Rodolfo Prada de xestión cultural para o ciclo Poetas Di(n)versos

O ciclo de recitais de poesía 'Poetas Di(n)versos' que se leva a cabo na cidade da Coruña, coordinado por Yolanda Castaño foi merecedor do Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural da deputación provincial de Ourense. Así o decidiu por unanimidade o xurado destes galardóns, reunido na ICC Week na quinta edición destes premios, cuxo proxecto gañador consegue unha dotación de 3.000 euros e unha escultura conmemorativa. O ciclo internacional de recitais de poesía, que xunta voces galegas con outras de outras linguas e culturas diferentes gañou nesta ocasión, pero o xurado ademais decidiu un podio no que tamén hai espazo pra un segundo e un terceiro premios, ademais dunha mención especial.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org