Novas | 471 a 480 de 4109

<< Anterior Siguiente >>

08/11/2022
O Dúplex de Ferrol representará a España no Mes do Cine Europeo

A Academia do Cine Español seleccionou a sala ferrolá Dúplex como única representante do estado no Mes do Cine Europeo. O espazo galego será un dos 35 que representen outros tantos estados integrados neste programa a actuar como embaixadores das diferentes filmografías continentais.. Amplía a nova>>

07/11/2022
A XXXI Semana de Cine Submarino ofrecerá documentais de autor

A XXXIª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, arranca este martes e achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños. A programación comprende seis documentais e unha conferencia nunha edición na que o fío condutor serán os documentais de autor españois. Ao longo das tres xornadas proxectaranse varios traballos con selo español, xunto con algún convidado internacional, cos que as e os espectadores percorreran dende os fondos da ría de Vigo, ata o río Douro, pasando polo mar de Sudán ou a fosa das Marianas en Java. A Semana ofrecerá durante a primeira xornada os audiovisuais "Mar limpo, mar vivo", da Confraría de Pescadores de Vigo; "One breathe around the world", protagonizado por Guillaume Néry, campión do mundo en apnea, e "Durienses: los endemismos del Douro", a proposta de augas doces da Semana na que o biólogo Carlos Rodríguez analiza durante tres anos de observación as especies na conca do Douro. . Amplía a nova>>

03/11/2022
Premios para as realizadoras Diana Toucedo e Paula Cons

O filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", da realizadora Diana Toucedo alzouse co premio á mellor película da sección competitiva da Vª Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Ordes, Mares da Fin do Mundo. O xurado oficial acordou outorgar este premio ao filme de Toucedo, galega residente en Barcelona, co que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón. O xurado fixo tamén unha mención especial ao documental "Atalaia/Piueiro", de Xisela Franco, sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira, para o que contou coa colaboración das Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. O Premio do Público foi para o filme "Last of Us", de Andrea Marcovicchio.. Amplía a nova>>

02/11/2022
A RAG convida a usar o galego da man das Superheroínas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago acollía na mañá deste 2 de novembro a presentación de Superheroínas. A nova serie de producións audiovisuais da Real Academia Galega, que continúa o proxecto Novas voces para a lingua, conta con mulleres que son referentes en distintos ámbitos para convidar a mocidade do país a empregar o galego.. Amplía a nova>>

31/10/2022
O festival CURTAS reparte os premios da súa 50ª edición

A curtametraxe "Compañeiros", de Fernando Tato e protagonizada polo desaparecido Pedro Brandariz, fíxose co premio a Mellor Curtametraxe Galega desta 50 edición do CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Ademais, pola peza "Teratoma", Jano Pita recibiu o recoñecemento como mellor director galego do certame. No palmarés de curtametraxes tamén levou premio á Mellor Curta de animación a obra "The Monkey" do director coruñés Xosé Zapata, que asina xunto con Lorenzo Degl’innocenti. O premio a Mellor Curta Fantástico foi para "Dispensary of Death" de Simon O’Neill (Irlanda, 2022), mentres que o público decantouse por "Operación Frankenstein",de José María Fernández de Vega (España, 2022). Na competición de longametraxes compre destacar o éxito da película italiana "Piove", que acadou ata catro galardóns: a Mellor Longametraxe; Mellor Director para Paolo Strippoli; Mellor Fotografía para Cristiano di Nicola; Mellores efectos especiais para Paolo Galliano e Chiara Bartoli. Ademis deste premios e do resto do palmarés desta edición, o festival fixo entrega dos seus premios honoríficos que, xunto aos nomes das figuras internacionais convidadas este ano (Mick Garris, Dave McKean e Lone Fleming) puxeron o do recentemente falecido Rafael Sabugueiro Gestal, un dos impulsores do certame de cine e vídeo en Vilagarcía.. Amplía a nova>>

28/10/2022
Cineuropa baila baixo a choiva

Celebrando a efeméride do musical "Cantando baixo a choiva", que se estreou fai 70 anos en 1952, o festival Cineuropa de Santiago de Compostela terá como eixo temático principal o ciclo 'Cancións para despois dunha guerra', unha ampla homenaxe ao cinema musical. A imaxe deste ano de Cineuropa está inspirada neste filme, con choiva de Santiago, un farol da Alameda e o paraugas morado e o vestido amarelo de Coralia, unha das dúas irmás Fandiño coñecidas como "As Marías". Hoxe mesmo o director do evento, José Luís Losa, presentou o programa da que será a 36ª edición deste evento, que terá comezo o vindeiro 4 de novembro e que suporá a proxección de ata 126 películas nas que estarán representados 30 países. No caso do ciclo sobre cine musical serán 23 os títulos que ofrecerá, películas que abranguen desde o musical clásico de Hollywood ata o revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta. O festival dará os seus Premios Cineuropa de honra ao cineasta galego Lois Patiño, ás actrices Ana Belén e Charo López e ao realizador lisboeta João Pedro Rodrigues. Como primicias, proxectaranse no Cineuropa a película española "Mantícora" de Carlos Vermut, e a arxentino- alemá "Trenque Lauquen" de Laura Citarella.. Amplía a nova>>

28/10/2022
O festival Mares da Fin do Mundo achega unha vintena de filmes a Outes

O filme Luzzu de Álex Camilleri, sobre un mariñeiro tradicional de Malta, abre ás cinco e media da tarde deste 28 de outubro Mares da Fin do Mundo a V Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Outes. O programa, que se desenvolve ata o vindeiro 1 de novembro, achegará unha vintena de filmes chegados dunha ducia de países.. Amplía a nova>>

25/10/2022
Un encontro internacional de mulleres da escena reúne a 30 creadoras en Vigo

A Casa das Artes en Vigo acolle entre os día 25 e 27 de outubro MEI 2022. I Encontro Internacional de mulleres da escena en igualdade. A asociación Clásicas e Modernas coordina esta iniciativa que, baixo o lema Creando redes por unhas artes escénicas en igualdade reúne unha trintena de creadoras, directoras, produtoras, xestoras e dramaturgas.. Amplía a nova>>

24/10/2022
Seis galardóns para a longametraxe "O home e o can" en Madrid

A nova longametraxe do cineasta Ángel de la Cruz, "O home e o can" estreada recentemente no OUFF ven de acadar ata seis premios no Festival de Cine de Madrid, que organiza a Plataforma de Nuevos Realizadores. A película producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes, proxectouse no idioma galego orixinal na 31ª edición do festival madrileño e foi galardoada cos premios ás mellores interpretacións masculina e feminina para Manuel Manquiña e Paula Chaves, o Premio da Crítica á mellor película e os galardóns á Mellor Montaxe, Mellor Dirección de Casting e Mellor Guión. . Amplía a nova>>

24/10/2022
Alberte Pagán gaña dous premios do INTERSECCIÓN da Coruña

O cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) coa súa curtametraxe "Elefante" foi un dos grandes recoñecidos do festival INTERSECCIÓN de Arte Audiovisual Contemporánea que pechou este domingo a súa quinta edición na Coruña. O traballo de Pagán acadou o premio do xurado da Sección Galicia así como o Premio A Colectiva da mesma sección. O filme de Pagán recibiu recentemente unha mención especial no festival Curtocircuíto de Santiago. Outro dos títulos laureados no palmarés deste INTERSECCIÓN foi o filme portugués "Super Natural" Jorge Jácome, que recibiu o premio do xurado da Sección Internacional, así como o Premio NUMAX. Dentro da Sección Galicia a peza "XotaManeoMuiñeiraPasodobleRumba" de Juan López, recibiu o Premio Contemporánea, que inclúe a exposición da obra seleccionada en galerías da asociación Contemporánea. Ademais "The Softboy" de Laura Tabarés acadou unha mención especial do xurado da sección galega, igual quer na sección oficial conseguiu o filme "Fe" da donostiarra Maider Fernández. O público que pasou por esta edición do festival con máis duin cento de obras proxectadas decantouse no seu voto pola peza "La piel de Marte", de Maite Redondo.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org