Novas | 451 a 460 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

06/09/2022
O Primavera do Cine premia ao Cineclube Lumière

O festival de cine galego e lusófono Primavera do Cine, de Vigo, premiará na súa XIº edición de xeito honorífico a traxectoria do Cineclube Lumière, da cidade olívica. Recoñécese con esta distinción a unha "institución de cultura da resistencia en Vigo, transmisora de paixón polo cinema e apostando pola cultura de proximidade", segundo a organización, que considera que facer esta mención "é conmemorar o cinema libre" . O festival, que se celebrará entre o 13 e 18 de setembro, presentou xa o seu programa e fixo anuncio deste galardón que se entregará no acto de clausura ao membro fundador do Cineclube Lumière, Francisco Javier Estévez Álvarez e á súa actual presidenta, Meli López. O evento tamén celebrará o centenario e María Casares cun acto no que se proxectará o filme "Orfeo", de Jean Cocteau, precedido por unha presentación a cargo da historiadora do cinema Ana Gontad.. Amplía a nova>>

05/09/2022
Lucía C. Pan leva o Premio Chano Piñeiro do OUFF

O Festival de Cine de Ourense OUFF distinguirá á directora de fotografía Lucía C. Pan co honorífico Premio Chano Piñeiro desta edición. O festival concédelle este galardón a Lucía C. Pan por "representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal", en palabras da organización. O Ourense Film Festival institúe dende a pasada edición este premio Chano Piñeiro como recoñecemento aos emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. A galardoada recibirá o premio na 27ª edición do festival que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022.. Amplía a nova>>

02/09/2022
Cinco proxectos audiovisuais recibirán asesoramento de produción executiva

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de facer público os proxectos seleccionados para o AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión. Os proxectos seleccionados foron "¿Dónde están los ladrones?" de Julu Martínez, "As Movidas" de Alejándro Gándara, "Primera Inmersión" de Cristela Torres, "Furtivo" de Uxía Diéguez e "Chorima" de Alicia Úbeda. Un comité, formado por Mercedes García- Nieto, Mónica Hidalgo, Xavi Font e Beli Martínez, profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva, seleccionaron estes 5 proxectos de creadores e creadoras emerxentes para que durante os meses de setembro, outubro e novembro formen parte dun programa de mentorización progresiva, no que se tratarán temas como orzamento, plan de financiamento, plan de rodaxe, dossier e pitching. . Amplía a nova>>

31/08/2022
O Museo do Videoxogo inaugura novas instalacións

As novas instalacións do MUVI, Museo do Videoxogo, terán máis de 300 metros cadrados dedicados a dar a coñecer a historia e evolución deste formato ao longo do tempo, preservar materiais e divulgalos. O vindeiro día 10 inauguraranse en Cangas estas instalación no novo espazo do casco vello da vila do Morrazo, na Rúa Aragón. O espazo ofrecerá a posibilidade de interactuar con sistemas dixitais e títulos de todas as épocas desde que existen estes xogos, ademais de incluír os produtos da industria galega do videoxogo, dun xeito especial. . Amplía a nova>>

26/08/2022
Galicia presente na carreira aos Oscar coa película 'As bestas'

A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España ven de facer pública a selección das tres películas finalistas entre as que os membros da institución terán que decidir cal vai ser a representante do cinema español nos Premios Óscar estadounidenses, no apartado de películas estranxeiras. Unha delas será 'As bestas', o filme con título en galego e que o realizador Rodrigo Sorogoyen rodou en Galicia e con actores galegos nalgúns papeis principais e secundarios da historia. O vindeiro 13 de setembro coñecerase a decisión final da Academia que pode levar o acento galego ata California, unha oportunidade que xa tivo hai agora dous anos o filme 'O que arde' de Oliver Laxe, que finalmente non foi a fita seleccionada naquela ocasión. A película de Sorogoyen compite con Alcarràs, de Carla Simón e 'Cinco lobitos', de Alauda Ruiz de Azúa.. Amplía a nova>>

25/08/2022
Ángel de La Cruz estreará o filme 'O home e o can' no festival OUFF

A película "O home e o can", do cineasta Ángel de La Cruz, e protagonizado por Manuel Manquiña estrearase na XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, OUFF, dentro da sección oficial. "O home e o can" foi rodada integramente na provincia de Ourense, en localizacións de San Cristovo de Cea, Ourense e San Cibrao das Viñas. A película é unha homenaxe ao neorrealismo -gravouse en branco e negro-, con forma dun drama arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural.. Amplía a nova>>

25/08/2022
Miguel de Lira premiado no FICBUEU

O actor Miguel de Lira (Lira, 1964) recibirá o Premio Cinema Galego da 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, FICBUEU, que se celebrará entre o 11 e o 24 de setembro. O galardón recoñece a a prolífica traxectoria do intérprete e a súa achega e compromiso coa sociedade e a cultura galegas. Como lembran desde a organización do FICBUEU, Miguel de Lira ten participado en máis de vinte películas ademais de moitos traballos para televisión que lle valeron ata seis candidaturas finalistas como intérprete nos Premios Mestre Mateo do audiovisual galega, que recolleu en tres ocasións. De Lira recollerá o seu premio e participará do programa do 15º FICBUEU cunha entrevista co periodista e produtor Gaspar Broullón, co que repasará os momentos máis destacables da súa carreira. Esta conversación estará dispoñible posteriormente en líña tras do festival a través do Canal FICBUEU.. Amplía a nova>>

24/08/2022
O FICV - Vía XIV comezará o vindeiro martes

O Festival Internacional de Curtas de Verín - Vía XIV presentou a súa sétima VII edición, que se celebrará do martes 30 de agosto ao domingo 4 de setembro. O Festival, que terá como festival convidado ao Galician Freaky Film Festival, porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais: o Entroido. Nesta ocasión, farao a través de narrativas menos convencionais. Dunha banda, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Doutra banda, representarase a performance "Carrilano KaoS" de Álvaro Rúa con Gaita en Dó con técnicas estendidas, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.. Amplía a nova>>

23/08/2022
Ata 19 proxectos de guión, webseries, curtas e longametraxes recibirán as axudas ao talento audiovisual

Ademais da convocatoria de subencións á `preprodución a actividade da Xunta no respecto ao audiovisual segue a ser vertixinosa esta semana e acaba de adxudicar as subvencións á creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento galego, a través das que distribúe 194.000 euros entre os 19 proxectos seleccionados na convocatoria de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa, así, a realización de seis guións para longametraxes, dúas webseries, tres longametraxes e oito curtas.. Amplía a nova>>

22/08/2022
A Xunta convoca as axudas á preprodución audiovisual

A Xunta abriu a convocatoria anual de subvencións da Xunta ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais, para a que mantén o orzamento de 300.000 euros, igual ao do pasado ano. Esta cifra destinarase aos diferentes traballos que teñan lugar na fase de preprodución de películas e series galegas para cinema e televisión cara á súa produción e rodaxe en anos posteriores. Estas axudas apoiarán as actividades propias da fase de desenvolvemento anterior á rodaxe, como son as relacionadas coa escrita do guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais promocionais, entre outras. Esta liña, manexada desde o Hub Audiovisual está financiada ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org