05/04/2022
Os IX Premios Platino recoñecen tamén o talento galego no audiovisual
Os 'Premios PLATINO del Cine y el Audiovisual Iberoamericano' contan entre os finalistas da súa IXª edición con algúns nomes e creacións saídos da escena audiovisual galega. O actor Luís Tosar, por Maixabel, é finalista ao Premio a Mellor Interpretación Masculina. Outro lucense, Pepe Coira está entre os catro finalistas iberoamericanos ao Premio Platino a Mellor Creador de Miniserie ou Teleserie Cinematográfica pola multipremiada 'Hierro', serie que tamén obtén candidaturas polo traballo interpretativo dos seus protagonistas masculino e feminino, Candela Peña e Darío Grandinetti. A película 'Valentina', de Chelo Loureiro, gañadora dun recente Premio Goya, figura tamén entre as finalistas na categoría de película de animación destes premios. Ademais deles, a actriz coruñesa María Pujalte opta como finalistas ao Premio Platino a Mellor Interpretación Feminina de reparto en Miniserie ou Teleserie, polo seu traballo en' Venga, Juan!'. Polo que gañou tamén recentemente o Premio Feroz, na mesma categoría. .
Amplía a nova>>
05/04/2022
O proxecto A literatura galega nas súas voces achega un cento de vídeos
A canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolle desde este 5 de abril as cen pezas que compoñen o proxecto
A literatura galega nas súas voces. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove esta iniciativa na que se poden ver outros tantos autores e autoras do país a leren framentos significativos das súas propias obras. .
Amplía a nova>>
04/04/2022
A Portrait On The Search For Happiness faise co premio da MICE
Este domingo 3 de abril fechaba as súas portas en Compostela a XVII edición da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico. A entrega de galardóns consagrou como vencedor o filme sobre a minaría de diamantes na Africa do Sul
A Portrait On The Search For Happiness, que levou os mil euros do Premio MICE a Mellor Filme. .
Amplía a nova>>
01/04/2022
A AGAL pon na rede o documental 1981, Ano zero da língua galega
1981, Ano zero da língua galega é o título do documental que a Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentaba este 26 de marzo e que está dispoñible na rede de balde. O proxecto, que realizou Nós Televisión e que conta con apoio da Deputación da Coruña, propón un repaso polos corenta anos do galego como lingua oficial da Comunidade Autónoma. A data coincide ademais co nacemento da propia AGAL e a creación do movemento reintegracionista actual..
Amplía a nova>>
01/04/2022
Sae a licitación a rehabilitación da casa de Carlos Velo en Cartelle
O Concello de Cartelle ven de abrir o proceso de licitación para a rehabilitación da casa do cineasta Carlos Velo de cara a funcionar como sede da fundación que leva o seu nome e protexe e difunde o seu legado. A casa natal de Carlos Velo está situada no Pasaxe da Misa da localidade ourensá e conta cunha superficie de 85 ms. cadrados, actualmente está en desuso e presenta, segundo os informes, un mal estado do forxado existente na primeira planta, deficiencias que se repararán coa execución das obras previstas no proxecto técnico, que inclúen a demolición dos tabiques da planta baixa, rehabilitase o forxado, construíndo unha nova escaleira. A casa destinarase, como sede social da fundación, a reunións e actividades socio-culturais. A obra, que conta cun orzamento de base de 99.999,99 euros, IVE incluído, estará subvencionada pola Deputación Provincial de Ourense, de acordo co proxecto redactado pola Arquitecta Elvira Carregado Pazos. A Fundación Carlos Velo, creada en 2017 e da que forma parte o propio concello, céntrase na investigación e na difusión da obra do cineasta e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe, no seu máis amplo espectro, así como na organización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos fins sinalados. Previamente á súa creación xa o Concello de Cartelle adquirira a casa natal do cineasta coa fin de facer albergar alí esta fundación..
Amplía a nova>>
31/03/2022
Premio Pedigree de Cans para Margarita Ledo
Margarita Ledo Andión recollerá un novo premio de honra este ano pola súa traxectoria na cinematografía. Tras do recentemente outorgado Premio Fernando Rey pola Academia Galega do Audiovisual a cineasta, escritora e investigadora foi a persoa elixida en asemblea pola Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, para concederlle a distinción de Honra do festival, o Premio Pedigree desta XIXª edición. A organización do certame quere premiar en Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) unha obra "caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada", aseguran nun comunicado que sinala sobre a ollada da cineasta a súa "evolución desde o documental a novas vías de exploración difuminadas coa ficción". .
Amplía a nova>>
30/03/2022
O IX Carballo Interplay contará con 16 proxectos a competición
Un total de 16 webseries, catro galegas, catro estatais e catro do resto do mundo, competirán na novena edición do Carballo Interplay. O Festival de Contidos Dixitais abre as súas portas entre o seis e o nove de abril para achegar as últimas propostas creativas nas redes e a prestar unha especial atención ao formato podcast..
Amplía a nova>>
28/03/2022
Premio para 'Rompente' no Festival de Málaga
A curtametraxe 'Rompente' dirixida por Eloy Domínguez Serén alzouse co premio á mellor curtametraxe de ficción da sección oficial da 25ª edición do Festival de Málaga. O filme recibiu a BIZNAGA DE PLATA 'CAJAMAR' e un premio en metálico de con 2.000 euros. 'Rompente' é unha produción de Zeitun Films que foi rodada na comarca coruñesa de Barbanza e que está protagonizada por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano. Segundo a sinopse da curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, o protagonista, Santi ,é un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marísquea de maneira furtiva. Mentres a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar..
Amplía a nova>>
25/03/2022
A provincia de Ourense xa ten Film Commission
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolleu a constitución da Ourense Film Commission impulsada pola deputación provincial coa primeira reunión do Comité Asesor. A comisión está integrada por representantes do sector audiovisual galego e da propia Deputación. O obxectivo deste novo órgano é apoiar ás producións galegas, nacionais e internacionais da industria audiovisual na loxística necesaria para desenvolver o seu traballo, promovendo a difusión da provincia de Ourense en España e fóra das súas fronteiras, así como da calidade e competitividade dos servizos que se precisen. Entre os servizos que ofrecerá este novo órgano figura achegar información e propostas sobre localizacións; apoio e asesoramento sobre permisos administrativos; axuda na promoción e difusión das rodaxes previstas; coordinación entre as produtoras e as administracións públicas; e axuda na loxística da produción..
Amplía a nova>>
24/03/2022
'Malencolía' chega este venres a 24 salas de cine de toda Galicia
A nova longametraxe de Alfonso Zaruza, 'Malencolía', celebra hoxe xoves a súa
premiere na Coruña, cun pase especial nos Cantones Cines, de xeito prvio á súa estrea oficial en salas que será este venres, 25 de marzo. Inicialmente, antes do seu paso ás salas do resto da península, o filme rodado integramente en Galicia e en galego, estréase en 24 cinemas de 17 localidades galegas exclusivamente. A película que tiña 11 candidaturas finalistas nos premios Mestre Mateo que se celebraron o pasado sábado, acadou dous premios, os dos actores Iolanda Muíños e Diego Anido como mellor interpretación de reparto feminina e masculina, respectivamente. Logo de ter gañado o Premio Xacobeo do Ourense Film Festival o pasado mes de outubro, o luns presentouse no Sombra, Festival de Cine Fantástico Europeo de Murcia, onde compite na Sección Oficial. .
Amplía a nova>>