23/03/2022
O Carballo Interplay pon o foco nas webseries e os podcast
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP) mantén o foco nas webseries, como xa ven sendo habitual no evento e ademais entra con forza este ano sobre os formatos Podcast, cada vez máis presentes. A novena edición do festival, a celebrar entre o 6 e o 9 de abril, reunirá en competición ata 16 webseries de procedencia internacional, catro delas galegas. As series seleccionadas competirán por levar algún dos seis premios que se reparten, un deles á mellor serie con versión orixinal en galego. As webseries irán presentadas en tres seccións, segundo temáticas. Na sección 'Outra Historia' tres series cuxos contidos xiran arredor de feitos históricos; en 'Movidas humanas' as produción enfócanse sobre os conflitos aos que se enfronta o ser humano na actualidade e no seu futuro; o bloque 'Mix de Trasnadas' actúa como contedor das propostas máis trastes, divertidas e irreverentes da produción audiovisual para internet. É nesta última sección na que se inclúe a última temporada, xa van pola 4, da webserie 'Mataría', co malogrado Pedro Brandariz, que na pasada edición obtivo o recoñecemento á mellor serie con versión orixinal en galego e conseguiu ademais o premio do público. Esta producón acadou ademais o premio a mellor webserie nos XX Premios Mestre Mateo..
Amplía a nova>>
22/03/2022
Agadic convoca as subvencións á creación audiovisual
A Axencia galega de Industrias Culturais publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual das subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego. Con esta liña en réxime de concorrencia competitiva, a axencia gobernamental quere impulsar a creación de obras audiovisuais en galego a través do apoio á escrita de guións, á realización e posprodución de curtametraxes e á produción de longametraxes, co fin último de promover o sector creativo da industria audiovisual galega e, ao mesmo tempo, contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega. O orzamento desta convocatoria é o mesmo que no ano anterior, quedando en 194.000 euros a repartir entre 2022 e 2023. Na anterior xeira estas axudas ata 19 proxectos audiovisuais obtiveron apoio publico da liña ao talento. As bases destas subvencións contemplan varias modalidades beneficiarias. Desde proxectos de escrita de guión para a realización dunha obra audiovisual; realización de curtametraxes, longametraxes e webseries..
Amplía a nova>>
22/03/2022
A XVII edición da MICE proxectará trinta e catro filmes
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que organiza o Museo do Pobo Galego, volta á presencialidade na súa décima sétima edición, que se desenvolve en Compostela entre o 28 de marzo e o 2 de abril. O Teatro Principal, a sala NUMAX e mais o propio Museo do Pobo acollen o groso das actividades do evento, que proxectará trinta e catro filmes sen contar as curtametraxes. .
Amplía a nova>>
21/03/2022
Aquí medra a lingua viaxa á procura da dinamización do galego nas escolas
Hoxe pola mañá presentouse no IES Perdouro de Burela (Lugo) o proxecto documental
Aquí medra a lingua, un conxunto de audiovisuais concibidos pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e realizados por Cristina de la Torre que exploran como seis centros educativos do país desenvolven programas de apoio e dinamización á lingua galega. Con este proxecto, o Consello da Cultura Galega quere amosar diferentes estratexias de promoción da lingua do país en espazos xeográficos moi distintos, desde ao norte ao sur do país, con diferentes modelos e contextos sociolingüísticos e demográficos. Os documentais, sempre inferiores aos 10 minutos de duración, veñen acompañados con fichas que resumen as accións levadas a cabo e o seu impacto, pensadas para poder ser postas en práctica por outros centros. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega presentou esta mañá en Burela o primeiro dos seis documentais, que aborda un dos programas máis veteranos e de máis impacto da dinamización lingüística: o "modelo Burela". O resto dos documentais serán emitidos os vindeiros luns no web do Consello da Cultura Galega e no Youtube..
Amplía a nova>>
18/03/2022
Un documental repasa a historia do ecomuseo Casa do Patrón
Terra e tesón é o título do documental que presentaba este doce de marzo Ab Origine co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O filme repasa ao longo de hora e media "como se foi forxando ao longo do tempo o proxecto do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Doade", Lalín, "desde o nacemento da idea ata converterse nun museo de referencia no rural sobre a etnografía galega", segundo explica a presentación do proxecto..
Amplía a nova>>
16/03/2022
'Films from Galicia' reúne 58 títulos para a promoción internacional
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) ven de presentar hoxe a que é a nova edición do catálogo da produción audiovisual galega que se utilizará con fins promocionais e comerciais nos encontros e feiras internacionais. A nova entrega do 'Films from Galicia' recolle nas súas páxinas 58 títulos que ofrecen unha completa panorámica do momento do audiovisual galego. Os contidos inclúen as cintas máis recentes, algunhas pendentes de estrea en salas como 'Malencolía', Jacinto, 'La Parra' ou 'Código emperador' entre outras. A produción audiovisual galega dentro deste novo catálogo distribúese en 22 longametraxes, 19 documentais, 6 cintas de animación e 11 series, miniseries ou películas para TV. .
Amplía a nova>>
16/03/2022
Abre a terceira convocatoria de axudas O teu Xacobeo
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria da nova xeira da liña de axudas O Teu Xacobeo, que promove a Xunta para apoiar proxectos nos ámbitos "artístico, gastronómico, de patrimonio, de pensamento e espiritualidade e deportivo". A convocatoria conta cun orzamento total, de 1,5 millóns de euros, que se reparten en 500.000 euros para empresas e o resto para entidade non lucrativas..
Amplía a nova>>
15/03/2022
Netflix engadirá a lingua galega a 70 títulos ao longo do ano
Durante os vindeiros meses a plataforma de entretemento Netflix incorporará unha selección de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total, esta selección representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas en galego, catalán e éuscaro. Estas opción representarán a necesidade de producir un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en galego. .
Amplía a nova>>
14/03/2022
Xornada sobre filmotecas públicas no Consello da Cultura
Directores e restauradoras das filmotecas española e catalá participan hoxe na xornada "Filmotecas e patrimonio audiovisual" que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago e que pode seguirse xa en liña ou recuperarse posteriormente para o seu visionado. A xornada pretende reflexionar sobre algunhas das cuestións susceptibles de mellora e chaves no universo das filmotecas sobre o papel real que des3empeñan estes organismos ou a súa propia definición no presente. Josetxo Cerdán, director da Filmoteca Española, Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, son algúns dos participantes deste encontro coordinado polo xestor Sergio Lago e o historiador do cinema José Manuel Rey Sande, no que proxectarán e comentarán filmes históricos restaurados. .
Amplía a nova>>
11/03/2022
A canle de TV autonómica dispoñible non ten pretendentes
O concurso aberto pola Xunta de Galicia para outorgar unha licenza de emisión de televisión en aberto de ámbito autonómico ficou deserto. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que declara deserto o concurso público convocado en novembro do pasado ano. A licenza que estaba dispoñible era a que no seu momento tiña o Grupo Voz e á que renunciou tras o peche da súa canle V Televisión. Semella que ningunha empresa privada amosou interese por acceder a esta licenza tal e como está formulada nas bases do procedemento. .
Amplía a nova>>