'Malencolía' chega este venres a 24 salas de cine de toda Galicia

Hoxe faise un pase especial da película de Alfonso Zarauza nos Cantones Cines da Coruña

A nova longametraxe de Alfonso Zaruza, 'Malencolía', celebra hoxe xoves a súa premiere na Coruña, cun pase especial nos Cantones Cines, de xeito prvio á súa estrea oficial en salas que será este venres, 25 de marzo. Inicialmente, antes do seu paso ás salas do resto da península, o filme rodado integramente en Galicia e en galego, estréase en 24 cinemas de 17 localidades galegas exclusivamente. A película que tiña 11 candidaturas finalistas nos premios Mestre Mateo que se celebraron o pasado sábado, acadou dous premios, os dos actores Iolanda Muíños e Diego Anido como mellor interpretación de reparto feminina e masculina, respectivamente. Logo de ter gañado o Premio Xacobeo do Ourense Film Festival o pasado mes de outubro, o luns presentouse no Sombra, Festival de Cine Fantástico Europeo de Murcia, onde compite na Sección Oficial.



Nesta a súa 6ª longametraxe, o director da premiada 'Ons' adéntrase por primeira vez no xénero de terror, que busca dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo para engadir elementos do estilo americano slasher de asasinos en serie e gore, e tamén boa dose de humor. 'Malencolía' mestura o cinema de terror, a comedia e o desacougo vital para contar a historia dunha parella que regresa ao rural galego tras vivir varios anos en Berlín. A rodaxe realizouse en diversas localizacións dos concellos de Boborás, O Irixo e O Carballiño. Entre os actores que volven traballar ás ordes de Zarauza destacan os protagonistas, Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que interpretan a Sira e Pepe, unha parella que decide comezar unha nova vida nunha aldea abandonada de Ourense logo de botar moitos anos emigrados en Berlín. Chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina, que interpreta Iolanda Muiños. Completan o reparto Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic.